DE BOLINA

Chega o Día Internacional contra a Violencia Sexual en Situacións de Conflicto

Póster oficial del documental Ucrania: mujeres en la guerra / Movistar+
Póster oficial do documental Ucrania: mulleres na guerra. / Movistar+
Cada 19 de xuño celébrase o Día Internacional contra a Violencia sexual en Situacións de Conflicto. Esta  violencia estase a utilizar nas guerras como táctica de guerra, pero, ademais dáse en outros ámbitos como, por exemplo, os desprazamentos forzosos. Fai ben pouco que se clasificou como crime.
Chega o Día Internacional contra a Violencia Sexual en Situacións de Conflicto

A finais do século pasado estimábase que, a nivel global, un 13% das mulleres e un 3% dos homes sufriran unha violación. A OMS constatou en 2002 que entre o 5% e o 10% dos homes e un 20% de mulleres soportaran violencia sexual. Eses datos non valen para as guerras, que son a demostración da condición de animal depredador do ser humano e a proba de que nin séculos de civilización e cultura foron aínda capaces de domear tal irracionalidade. A máis aberrante demostración desa bestialidade é a táctica -crime- de guerra, terrorismo ou tortura,  que consiste na violencia sexual, que sempre vai asociada ao feito de utilizar medios militares para afrontar conflitos en vez de diplomáticos, políticos ou xudiciais.

Este tipo de violencia está amplamente documentada ao largo da Historia, con episodios como o do rapto das sabinas na Roma antiga, as violacións das alemás –entre cen mil e un millón- polo exército soviético ou o fenómeno das “mulleres confort”, escravas sexuais coreanas das milicias xaponesas na Segunda Guerra Mundial.

Non foi ata hai moi pouco, na década dos noventa coas guerras dos Balcáns e co xenocidio de Ruanda, cando a violencia sexual recibiu atención internacional. En Bosnia houbo utilización sistemática da violencia sexual como limpeza étnica con entre 20.000 e 60.000 violadas, sen contar as falecidas, nin as repeticións. Son moi escasos os conflitos con compoñentes identitarios nos que non está presente esta violencia, como, por exemplo, no árabe israelí.

As causas desta clase de violencia son complexas e diversas e alúdese ao patriarcado -caracterizado pola misoxinia e no que as mulleres son “propiedade” dos homes-, a militarización, estratexias e tácticas de guerra ou limpeza étnica. Emprégase como arma que ademais, como as radioactivas, ten efectos permanentes e que se transmiten: o medo e o estigma cultural que fan que a maioría dos casos non se denuncien. Dise que por cada suposto denunciado quedan entre dez e vinte sen documentar.

O Estatuto de Roma de 1998, que creou a Corte Penal Internacional, supuxo un avance ao cualificar a violencia sexual como crime contra a humanidade, de guerra ou de xenocidio. A ONU identifica habitualmente aos agresores sexuais con membros de grupos armados, sexan das forzas de seguridade ou terroristas, e ás vítimas como integrantes de minorías políticas, étnicas ou relixiosas; e sempre nun clima de impunidade.

En Afganistán, República Democrática do Congo, Colombia, Iemen, Iraq, Libia, Malí, Mianmar, Siria, Sudán e Sudán do Sur, Etiopía ou Nixeria, seguramente en Ucraína, séguense actualmente patróns comúns coa finalidade de eliminar da vida pública ás mulleres, pechándose tribunais especializados en casos de violencia contra elas; prodúcense violacións permanentes polas forzas armadas de tódolos bandos, desprazamentos masivos da poboación, secuestros e asaltos, violacións en grupo, utilización de escravas sexuais, matrimonios forzados, raptos e outras maneiras de agresión sexual; a circulación de armas pequenas e lixeiras permite a contrabandistas, traficantes e grupos armados perpetrar violacións e escravitude sexual con impunidade. En xeral, nestes lugares o colapso das institucións crea un entorno no que mulleres e nenas quedan expostas a unha violencia sexual impune. Esta realidade, con outras medidas tamén, levou á ONU a declarar cada 19 de xuño como Día Internacional contra a Violencia Sexual nos Conflitos. Na pandemia de Covid 19 a situación agravouse porque nos países en conflito a inversión en atención sanitaria, e non digamos a destinada a evitar a violencia de xénero, foi absorbida polo gasto militar.  

A anterior descrición da realidade mundial contrasta coas circunstancias de Occidente -Ucraína, Bosnia, Kosovo, son Occidente?- onde, por exemplo en España, a violencia sexual reflíctese na violencia de xénero pero onde tamén caemos no erro de banalizar estas loitas con actitudes como a estética de esnaquizar o idioma ou de normalizar roles que xa non poden ter cabida. Unhas distraccións que desenfocan e frivolizan o problema. @mundiario

Chega o Día Internacional contra a Violencia Sexual en Situacións de Conflicto
Comentarios