COUSAS MIÚDAS

Non, MÁR non é xornalista

Seis cousas miúdas sobre Miguel Ángel Rodríguez, Zohran Mamdani, o escenario após a caída de Mazón, Ricardo Darín, Yeremay e Rosalía.
Literatura y periodismo. / RR SS.
Notas dun xornalista. / RR SS.

Cousa I

Na disparatada causa contra o fiscal xeral do Estado, o spin doctor da presidenta da comunidade autónoma de Madrid, Miguel Ángel Rodríguez, afirma: “Son xornalista, non notario”, a xeito de coartada para xustificar as súas falsidades (“mentir non é delito”, etc).

Ben, xornalista non é, o xornalismo consiste en establecer os feitos tal e como son (non como nos convén que sexan).

O xornalismo consiste en procurar a verdade (existe fóra de nós, con independencia da nosa vontade), non en espallar mentiras.

Cousa II

Podo estar contento coa victoria do reformista Zohran Mamdani en Nova Iorque? Claro, as reformas, se son nun sentido positivo, son mellores do que a continuación do desastre.

Alén diso, deixounos unha magnífica campaña digna de estudo do punto de vista da comunicación política.

Cousa III

Em València, caído Mazón, Feijoo continúa a negociar o nihil obstat de Abascal, que é neste momento o chefe fáctico da dereita española.

Cousa IV

Ricardo Darín é algo máis do que um ator. Sobre o cenario dun teatro, velo ao vivo é unha experiencia pola que convén pasar no mínimo unha vez na vida. Actor total, probabelmente é o máis talentoso nas últimas décadas de cantos utilizan o castelán como lingua de traballo.

Funo ver ao Colón -naturalmente cheo- con "Escenas de vida conyugal", de Ingmar Bergman, no cartaz. Desde a butaca contemplas alguén que domina absolutamente todos os aspectos do seu oficio e que che dá a impresión de gozar, tamén de sofrer, co que fai.

Unha hora e 50 minutos de espectáculo que me pasaron voando. Extraordinario Darín e extraordinaria tamén Andrea Pietra, vibrantes os dous, pletóricos de intensidade, enxeño, dor e verdade.

Cousa V

A obra de arte de Yeremay en Zaragoza. Palabras maiores. Desfrutemos e fagamos votos por que fique entre nós o máximo tempo posíbel.

Cousa VI

Mais unha vez, abruma o aparato propagandístico por volta de Rosalía. Mais unha vez, non conseguen que me interese. Debe ser que xa crucei o Rubicón de certa idade, ese momento en que acabas escoitando sempre a mesma música. @mundiario

Comentarios