COUSAS MIÚDAS

José Mujica, un mestre de vida

Cinco cousas miúdas sobre José Mujica, Robert Francis Prevost Martínez, Lamine Yamal, a política de vivenda da Xunta e o 17 de Maio.
Pepe Mujica. / Eden
Pepe Mujica. / Eden

Cousa I

Por que era tan especial José Mujica? Porque non era un político que falase só de política. Falaba de algo máis importante aínda que a política (aínda que ao cabo todo sexa política). Falaba da vida, do don máis preciado que temos, falaba de que facermos cos días que vivimos. Falaba desa hipótese tan estatisticamente pouco probábel, a de existir: as posibilidades de virmos ao mundo son de unha entre non sei que cantos millóns. E, porén, aquí estamos: “Lo raro es vivir”, lembremos o título do romance de Martín Gaite.

E, como estamos aquí, fagámonos dignos desa experiencia extraordinaria. E tirémoslle todo o proveito, sen mancar ninguén, procurando a irmandade cos que tamén tiveron a inmensa fortuna de nacer.

Mestre de vida e tamén mestre de morte. Na derradeira conversa con Jordi Évole, ante a pregunta de se estaba a pensar moito na morte, Mujica respondeu: “A tan importante señora no la atiendo, cuando quiera venir, que venga, y le diré: sería bueno que se diera otra vuelta”.

Canto ao Mujica estritamente político, valla este apuntamento: foi un grande entre os grandes, armado cunhas conviccións socialistas inabalábeis, isto é, contrarias á exploración do home polo home inherente ao capitalismo. Unha vida, a súa, de loita exemplar contra o imperialismo e a prol da xustiza para unha Humanidade que el viu sempre como un único pobo, como un todo. Unha figura xigante. Descanse en paz.

Cousa II

Ignoro se actuou o Espírito Santo, e tampouco sei (aínda que intúo) até que punto Francisco (un bo tipo, ao que un elo sen dúbida une a Mujica) o deixou todo bastante argallado, mais paréceme que a Igrexa acertou ao elixir Papa a Robert Francis Prevost Martínez.

Nel Steve Bannon ve unha sorte de Anti-Cristo. Normal, León XIV non só ten na cabeza o “Rerum Novarum” de León XIII –un manifesto a prol dos dereitos proletarios–, senón que soergue o principio básico do cristianismo: non hai pobos elixidos (nin Israel nin os Estados Unidos trumpianos nin o UK de Starmer), todos os pobos son iguais en dereitos e o suxeito que debe protagonizar a historia é a Humanidade vista como a vía tamén Mujica, como un todo ao que salvar das ameazas que pairan sobre ela, a comezar polas guerras que asolan o planeta.

No seu primeiro discurso, alzou a voz “por unha paz desarmada e desarmante”.

Amén.

Cousa III

Lamine Yamal non é deste planeta. Ben, si que o é. Tampouco esaxeremos. Digamos que é unha improbabilidade estatística que felizmente tomou forma humana: nunca ninguén antes coa súa idade fixera o que el acaba de facer e coa aparente facilidade co que o acaba de facer. Está chamado a cear na mesa cos máis grandes: don Alfredo, Pelé, Johan, El Diego, Leo. O ano que ía ser de Mbappé acabou sendo o ano de Lamine Yamal.

Cousa IV

O modelo de colaboración público-privada polo que aposta a Xunta na súa política de vivenda embarranca en Xuxán, na Coruña. En que consiste ese modelo? En que as e os futuros inquilinos -familias de rendas modestas- cofinancien a construción? En que alugueres de 500 euros se tornen en cotas inasumíbeis que nalgún caso ían roldar os case 1.000 euros?

Desde 2009, a Xunta só entregou 50 vivendas de promoción pública na Coruña, a mesma Xunta que non para de pór paus nas rodas no proceso de declaración da cidade como zona tensionada.

Aquí vemos como o PP antepón a súa ideoloxía neoliberal -as casas son unha mercadoría máis e un nicho de negocio- ao dereito cidadá a unha vivenda digna a un prezo accesíbel.

Cousa V

Este sábado 17.M, queremos galego. O resto do ano, queremos galego tamén. Mais non só como unha efusión sentimental, senón tamén como unha demanda material: coa lingua somos moito máis ricos e até engordamos o PIB, sen ela nos tornamos máis pobres.
Unha lingua, non o esquezamos, que nos nomea e que nos comunica con centos de millóns de seres humanos, cos que partillamos o segundo idioma romance con máis utentes do planeta. @mundiario

Comentarios