A Plataforma Veciñal Corno do Monte, contra a explotación mineira na Limia

Chamamento da Plataforma Veciñal Corno do Monte á concentración cidadá este mércores en Xinzo de Limia.
Chamamento da Plataforma Veciñal Corno do Monte á concentración cidadá este mércores en Xinzo de Limia.
O impacto económico do proxecto Faramontaos 5089.1 sobre as poboacións afectadas destruiría máis dun cento de empregos, dos cales case a súa totalidade son autónomos agrarios, base da economía local.
A Plataforma Veciñal Corno do Monte, contra a explotación mineira na Limia

O pasado mes de febreiro nacía en Xinzo de Limia a Plataforma Veciñal Corno do Monte co obxectivo claro de impedir a posíbel explotación mineira da zona para a extracción de feldespato por parte da empresa MINERCER S.L., cuxo proxecto Faramontaos 5089.1 se atopa en período de exposición pública, previo á resolución da Xunta de Galicia de lle conceder ou non licenza. A Plataforma agrupa a centos de veciñas e veciños dos lugares de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todos eles pertencentes ao Concello de Xinzo da Limia.

O conglomerado veciñal considera que dito proxecto supón unha ameaza directa para o benestar e calidade de vida da zona, ademáis de resultar incompatíbel coa súa principal fonte de recursos económicos: a actividade agraria. Sinalan así mesmo no seu manifesto que a declaración de impacto ambiental que expón a empresa Minencer é incompleta e insuficiente, e que de levarse a cabo a explotación, os accesos ás aldeas e zonas agrícolas veríanse gravemente perxudicados polo tránsito de camións de grande tonelaxe.

O impacto económico deste proxecto sobre as poboacións afectadas destruiría máis dun cento de empregos, dos cales case a súa totalidade son autónomos agrarios (base da economía local) para crear soamente 10 postos, dos cales 3, serían indispensábelmente de técnicos altamente cualificados.

O proxecto xa conta co posicionamento en contra do goberno municipal (PP) así como de tódolos partidos políticos con representación no consistorio limiao (PSdeG-PSOE, BNG, APGa, AIDAL e ANOVA), plasmado nun acordo plenario que fora aprobado por unanimidade o 19 de xullo do 2012.

Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte instouse mediante carta aberta ao Presidente da Xunta a respectar a lexislación vixente que no Artigo 37 da Lei do solo de Galicia 9/2002, do 30/12/2002. Solos rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal, ten por obxecto "preservar os terreos de alta produtividade agrícola e gandeira", así como "preservar os terreos que sustentan masas forestais que deban ser protexidas e igualmente aquelas cuxa reforestación sexa de interese xeral. Tamén sinalan nese mesmo escrito a vixencia do Artigo 33 da Constitución Española no que se recoñece o dereito á propiedade e a herdanza.

Ao conxunto de veciñas e veciños que compoñen a Plataforma, e aos partidos políticos anteriormente citados que se adheriran á reclamación, uniuse tamén o Sindicato Labrego Galego, cuxo representante Anxo Pérez, resaltou na xuntanza celebrada o pasado 8 de marzo no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, a repercusión socioeconómica que traería consigo a explotación mineira:  400Ha afectadas que producen arredor de 27 millóns de euros anuais a repartir entre máis dun cento de familias que viven delas, fronte aos 3 millóns de euros que gañaría soamente a empresa mineira. Reincidiu tamén na problemática social que suporía a perda de 210 empregos directos e outros tantos indirectos, así como os investimentos levados a cabo nos anos 70 para a realización das concentracións parcelarias.

A todas as desastrosas consecuencias anteriormente citadas cabe engadir tamén a advertencia que realizan as autoridades sanitarias sobre os riscos que a explotación mineira suporía na saúde das persoas. Manifestan que o feito de que o proxecto sexa realizado sobre unha zona poboada pode orixinar enfermidades respiratorias, dixestivas e psicolóxicas, que serían máis vulnerables en doentes con afeccións crónicas e nenos.

Así mesmo a Plataforma Cidadá Corno do Monte convocou para este mércores 27 de marzo ás 12 da mañá unha concentración cidadá baixo o lema "A mina ou nós"  no Museo do Entroido de Xinzo de Limia á que se espera que asistan centos de veciños afectados, así como todas as organizacións políticas e sindicais que apoian a reivindicación.

 

A Plataforma Veciñal Corno do Monte, contra a explotación mineira na Limia
Comentarios