Un paseo polas nubes, unha viaxe ás cubertas da Catedral de Santiago de Compostela

Dito por Aymeric Picaud no Codex Calixtinus: "Quen recorre por riba as naves do triforio, aínda que suba triste, vólvese ledo e gozoso ao contemplar a espléndida beleza do templo".
Laura Ponte en "A rosa de pedra".
Laura Ponte en "A rosa de pedra".

Para o último aniversario da miña prezada amiga Gelines queriamos organizar algo especial para ela. Xa que logo, Arancha, Bea, Patri, Reyes, Yajaira, Nessa, Rebe, Bárbara, Iria, María e eu, o grupo de “Fabulosas”, decidimos cumprir un dos seus soños: sentirse Laura Ponte na longametraxe “A rosa de pedra”, dirixida por Manuel Palacios e baseada nunha historia de Manuel Rivas. Laura Ponte interpreta unha modelo que durante unha sesión de fotos viste un traxe de capas de gasa vermella nos tellados da Catedral de Santiago, e esa imaxe foi a que fascinou á miña amiga.

Pois ben, decididas a que Gelines se sentise como unha das protagonistas de “A rosa de pedra”, levámola ás cubertas da Catedral, ás que accedimos por unha “escaleira ao ceo”. A case 300 metros de altitude, a 30 metros sobre a Praza do Obradoiro e cun campo de visión de 360 graos, unha séntese como unha raíña, todo está ao teu redor, todo o podes ver… Supón ver a cidade desde outro ángulo, sen dúbida unha visión singular. Non sabiamos que iamos ver tan ben a catedral: por fóra é espectacular, pero por dentro gaña mil veces ese encanto. Desde alí pode verse como foi evolucionando a construción pasando por diversos estilos: románico, gótico, renacentista e barroco. Tamén poden contemplarse de xeito distinto outros edificios e rúas de Santiago. Veredes todos os tellados, chemineas e campanarios da cidade histórica do tamaño dos vosos xoguetes. Levade a  cámara, desde alí podedes sacar excelentes fotos ás torres de San Francisco, á Praza da Quintana, á de Praterías, a San Martiño Pinario, ao Seminario Maior, á Casa da Parra, o Hostal dos Reis Católicos… A panorámica é impresionante!

O acceso faise desde o Pazo de Xelmírez (Obradoiro), para continuar a ascensión pola Torre da Carraca, pasando sobre o Pórtico da Gloria e subindo os últimos tramos a través da Torre das Campás. Desde alí saimos á cuberta, onde  realizamos un percorrido perimetral, descendendo, finalmente, pola Torre da Carraca. As visitas guiadas son de 45 minutos, e poden facerse todos os días de 10 a 14 h. e de 16 a 20 h. O seu prezo é de 10€ e os grupos son de 25 persoas como máximo; disponse dos medios necesarios para a reserva telefónica, así como para a atención e venda directa no Pazo de Xelmírez. Para maior información: Enderezo do Museo da Catedral (Rúa do Vilar, nº 1, 1º esq.). Tel.: 981 56 05 27; e-mail:edumuseocatedral@archicompostela.org.

Máis aló do atractivo turístico, un percorrido polos tellados de pedra permite descubrirmos e coñecermos moitas curiosidades. Unha das que máis interese espertou en nós foi a función que tiña hai séculos a "Cruz dos farrapos", ubicada tamén nas cubertas, onde os peregrinos queimaban as súas roupas vellas como símbolo de cambio e renovación. Unha visita imprescindible. Cando se chega ao tellado non se sente vertixe. A dimensión das torres xemelgas do Obradoiro é outra, non só porque as vemos de costas, senón porque estamos máis perto do remate e semellan diferentes. E case podemos tocar coa man o reloxo da Berenguela e sentir as súas badaladas como se as tocásemos nós. Desde as cubertas pódese divisar gran parte do conxunto histórico e da parte nova da cidade, así como dos arredores de Santiago, desde o Monte Pedroso ata o do Gozo, converténdose nun miradoiro excepcional.

Para completar a saída, e tras visitar os tellados, entramos na Catedral para ver o Pórtico da Groria e o sarcófago onde repousan os restos do Apóstolo, e darlle a tradicional aperta. De aí ímonos á Praza das Praterías. Esta praza de cine serviu de escenario na película do coñecido cineasta galego Antón Reixa "O lapis do carpinteiro", e a súa Fonte dos Cabalos inspirou a Federico García Lorca a escribir a súa "Danza da lúa". Nela está a fachada sur da catedral, a única de estilo románico. E desde alí á Rúa do Franco, rúa hostaleira por excelencia.

Se xa visitástedes a Catedral por dentro, por que non visitala por enriba? Xa o dicía o viaxeiro francés Aymeric Picaud, no Codex Calixtinus, «Quen recorre por enriba as naves do triforio, aínda que suba triste, vólvese ledo e gozoso ao contemplar a espléndida beleza do templo»! É una experiencia inesquecible.

Comentarios