Os 'Cantares gallegos', de Rosalía, interpretados hoxe pola escritora Pilar García Negro

Portada do novo libro de Pilar García Negro.
Profesora da UDC, foi columnista de 'Xornal de Galicia', medio fundado polo agora editor de MUNDIARIO, no que tamén se agarda a presenza da destacada escritora lucense afincada na Coruña.
Os 'Cantares gallegos', de Rosalía, interpretados hoxe pola escritora Pilar García Negro

Ao cumprírense 150 anos da publicación de 'Cantares gallegos' (Vigo, 1863), a profesora e escritora María Pilar García Negro leva a cabo unha posta ao día orixinal, realista e actualizada da obra que cualifica como o primeiro monumento da literatura galega contemporánea. Alvarellos Editora publica esta primavera o ensaio ‘Cantares gallegos’, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, dentro da súa colección Oeste. “O noso intento foi explicar a Rosalía e explicar os Cantares... desmusealizándoos”, afirma García Negro. “O feminismo ilustrado e sempre socializado; o amor e a defensa afervoada da Galiza; o compromiso radical coas súas clases populares. A fórmula maxistral da escritora aliméntase destes mandatos”, di tamén.

A escritora María Pilar García Negro (Lugo, 1953) é profesora da Universidade da Coruña. Ensino, cultura, políticas para as mulleres e política lingüística son os eixes sobre os que desenvolve a súa actividade profesional. Leva publicados trece libros e numerosos artigos en medios de comunicación e revistas especializadas. Foi columnista de Xornal de Galicia, medio fundado polo agora editor de MUNDIARIO, no que tamén se agarda a presenza da destacada escritora lucense afincada na Coruña.

A obra que presenta agora é o seu terceiro ensaio sobre Rosalía de Castro. Os anteriores foron: Rosalía de Castro. El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas (2006) e O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010), XV Premio de Ensaio en Ciencias Sociais Vicente Risco.

O acto de presentación da nova obra de María Pilar García Negro terá lugar este xoves, día 2 de maio, organizado por Alvarellos Editora no IES Eusebio da Guarda da Coruña, ás 19:30 horas.

Comentarios