Alvarellos Editora dá a coñecer as fotografías máis antigas de Galicia

Exposición Rexional Galega de 1858. / Andrés Cisneros
Exposición Rexional Galega de 1858. / Andrés Cisneros

Un documento único. Vinte imaxes de 1858 que, por primeira vez, se poden ver xuntas en público. Nunha exposición organizada por Alvarellos Editora no Café Casino de Santiago.

Alvarellos Editora dá a coñecer as fotografías máis antigas de Galicia

Un documento único. Vinte imaxes de 1858 que, por primeira vez, se poden ver xuntas en público. Nunha exposición organizada por Alvarellos Editora no Café Casino de Santiago.

Durante todo este mes de setembro, o Café Casino da rúa do Vilar, en Santiago, acolle a mostra “As fotos máis antigas de Galicia”, organizada por Alvarellos Editora e comisariada polo seu director, Henrique Alvarellos.

Trátase de vinte fotografías datadas en 1858. Todas, agás unha –que é de Ferrol–, mostran monumentos, espazos ou acontecementos da cidade de Santiago de Compostela. O autor é o artista compostelán Andrés Marcelino Cisneros (Santiago, 1820-A Coruña, 1895), todo un pioneiro da fotografía galega e española, hoxe inxustamente esquecido. Esta mostra permitirá ver xuntas en público, por vez primeira, toda a serie completa coñecida ata agora.

ISABEL II E A 1ª EXPOSICIÓN REXIONAL GALEGA

En 1858 visitou Santiago e varios puntos de Galicia a raíña Isabel II. Parte das imaxes agora rescatadas integraron un álbum fotográfico de agasallo á monarca. Aquel era tamén Ano Santo, e no claustro de San Martiño Pinario celebrábase a primeira Exposición Rexional Galega. Catro fotografías recollen esta Expo. Noutras pódense ver aspectos inéditos da Alameda, como o desaparecido Paseo de París; un arco do triunfo en Porta Faxeira, erguido para recibir á monarca; o Campo de San Clemente dende a Alameda, a Catedral dende varias perspectivas, unha curiosa montaxe fotográfica do pazo de Raxoi ou a praza do Obradoiro co chan de terra. A fotografía localizada de Ferrol, de autor anónimo, mostra o coñecido como Dique de Mareas. Non foron atopadas fotos da raíña durante a súa estadía en Galicia.

> LOCALIZADAS EN ARQUIVOS PÚBLICOS E COLECCIÓNS PRIVADAS

As imaxes proceden de varios arquivos públicos (Museo do Pobo Galego, Museo de Pontevedra, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento…) e coleccións privadas. E grazas tamén a traballos de investigación que, dende os anos oitenta, desenvolveu o xa falecido José Luis Cabo Villaverde, xunto coa información doutros expertos en fotografía antiga como Guillermo Escrigas ou os traballos de Xosé Henrique Acuña. Así mesmo, no Palacio Real de Madrid, consérvase un orixinal daquel álbum de agasallo a Isabel II, con 13 das imaxes.

O comisario da mostra, Henrique Alvarellos, sinala que “en 1858 a fotografía levaba pouco máis dunha década inventada, polo que esta serie sitúa a Santiago entre as cidades de Galicia e España pioneiras no cultivo dunha arte que revolucionaría a nosa forma de ver o mundo”.

POSTAIS CONMEMORATIVAS

Por esta razón, a editorial Alvarellos publicou en agosto unha serie de dez postais conmemorativas cunha selección das mellores imaxes, que se pode ver e mercar a través da tenda en Rede www.alvarellos.info ou en quioscos e librarías: “A orixe e difusión das cartas postais está moi vencellada ao invento da fotografía, polo que pensamos que era unha boa idea esta edición de postais tipo vintaxe”, sinala Alvarellos.

EXPOSICIÓN ITINERANTE

Nos próximos meses, esta exposición —na que colaboran o Concello de Santiago e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Cultura—, percorrerá catro centros socioculturais da capital de Galicia (Fontiñas, A Rocha, Ensanche e Conxo) e viaxará posteriormente a outros puntos do país.

Alvarellos Editora dá a coñecer as fotografías máis antigas de Galicia
Comentarios