A xudicialización da política devalúa a calidade do sistema democrático

Carlos Varela, fiscal.
Carlos Varela, fiscal.

As relacións entre a xustiza e a política resultan determinantes na configuración e no funcionamento dun sistema democrático que pretenda acadar un nivel elevado de calidade.

A xudicialización da política devalúa a calidade do sistema democrático

“Hai que distinguir entre a inocencia penal e a inocencia política.A penal réxese pola presunción de inocencia, pero no ámbito político non hai que aplicar eses principios, nese caso teñen que aplicarse normas de comportamento ético e de transparencia”.Estas palabras do fiscal Carlos Varela resumen adecuadamente a conduta que debería ser esixíbel aos responsábeis políticos nun sistema democrático de calidade contrastada.O valor destas declaracións é moito maior se temos en conta que os dirixentes do PP e do Partido Socialista actúan cunha lóxica contraria:non depurar responsabilidades nos cargos imputados –dimisións, ceses, explicacións en sede parlamentaria- mentres non exista unha definitiva sentenza xudicial condenatoria.

A política non debe estar subsumida na xustiza.Obviamente, as persoas que realizan actividades políticas de xeito organizado deben ficar sometidas á lexislación vixente pero iso non significa que o único criterio operativo para xulgar as accións dos representantes e dos xestores públicos sexa o cumprimento das normas acreditado por unha autoridade xudicial.É posíbel –e necesario- establecer un espazo propio para o labor político e dotalo dun sólido contido de valores que aseguren a imprescindíbel credibilidade social para aquelas persoas que conforman ese plural universo encargado de administrar os recursos comúns.Certamente, tal circunstancia require a existencia dunha cultura democrática transversal e consolidada no tecido social.

Seguindo a lóxica defendida polas dúas forzas maioritarias, chegariamos a unha práctica devaluación das institucións elixidas por sufraxio universal e á lexitimación fáctica da mentira na actividade política, algo que resulta eticamente rexeitábel por mais que sexa admisíbel no exercicio defensivo diante dun tribunal.

Hai, ademais, outro argumento que debe ser ponderado ao fío do estado de opinión presente na sociedade.O notábel desprestixio que padece, actualmente, a propia elite política require aplicar un nivel de esixencia superior ao que se manexou noutras épocas.A desconfianza instalada en amplos sectores da cidadanía só pode diminuír se hai un código de boas prácticas que rexenere o funcionamento dos partidos e das institucións.Asumir o risco de cometer unha inxustiza pola dimisión de tal ou cal responsábel político é menos nocivo para a saúde do sistema democrático que o mantemento das inercias conservadoras e gremiais acumuladas en tantos anos de tolerancia e/ou complicidade coa corrupción.

A xudicialización da política devalúa a calidade do sistema democrático
Comentarios