A xuntanza en Moscova entre Kerry e Putin sela un pacto de circunstancias

Putin e Kerry. / Twitter
Putin e Kerry. / Twitter

Con consecuencias imprevisibles para Oriente Próximo, a xuntanza en Moscova entre John Kerry e Vladimir Putin sela un pacto de circunstancias dentro do volátil conflito sirio.

A xuntanza en Moscova entre Kerry e Putin sela un pacto de circunstancias

Queda claro que o futuro de Siria foi previamente acordado na xuntanza desta semana en Moscova entre o secretario de Estado estadounidense John Kerry e o presidente ruso Vladimir Putin. A obsesión de Washington focalízase en minorar a influencia rusa dentro deste novo contexto, así como no obxectivo de “sacar da partida” ao mandatario sirio Bashar al Asad, reconstituíndo o mapa político a través dun diálogo entre o goberno e a oposición siria a realizarse a partir do próximo 1º de xaneiro. Este escenario da a entender un pacto de circunstancias entre Moscova e Washington motivado pola necesidade de alcanzar unha saída a calquera prezo do interminable conflito sirio, aparentemente sen decatarse de que os efectos colaterais do mesmo albíscanse como máis decisivos e problemáticos.

Neste apartado dos efectos colaterais, tres factores asúmense como inmediatamente prioritarios. O primeiro, cómo reducir a potencialidade do Estado Islámico, así como doutros movementos islamitas como a Fronte Al Nusra, neste eventual contexto dunha Siria post-al Asad. Aquí radica o énfase da coalición internacional contra o EI que está deseñando o presidente estadounidense Barack Obama, contando co apoio do primeiro ministro británico David Cameron, do presidente francés François Hollande e da chanceler alemá Ánxela Merkel, todos eles persuadidos agora a secundar a ofensiva lanzada en setembro pasado por Putin contra posicións dos islamitas, e que foi recibido con duras críticas en Occidente.

En Washington e Moscova semella existir a presunción, en chave fait accompli, sobre a inevitabilidade dunha desintegración territorial siria. Aínda que a ofensiva aérea rusa e francesa contra posicións do EI poda literalmente reducir a súa capacidade operativa, reforzando ó mesmo tempo ás posicións do réxime sirio, resulta igualmente perceptible que os yihadistas dificilmente desaparezan do mapa político rexional. Con isto, o 2016 anúnciase proclive para unha riada de atentados terroristas por parte das células do EI, con particular incidencia cara Europa (atención en Gran Bretaña e Bélxica) e Oriente Próximo (Turquía, Líbano e Iraq).

Precisamente, o segundo factor colateral ten que ver con Turquía. A reunión de Kerry con Putin e o seu ministro de Exteriores Serguei Lavrov, serviu igualmente para que Washington persuadira ao Kremlin a reducir as tensións cun socio estratéxico da OTAN como é Turquía, cuxa reapertura nas negociacións de admisión á Unión Europea selan o compromiso turco de acatar os imperativos xeopolíticos atlantistas.

Como Ankara, Washington observa con preocupación que a intervención rusa en Siria e a posibilidade de eventual conformación de feito dun Estado curdo independente ao norte de Siria, con irradiación no Curdistán turco e a República Autónoma do Kurdistán iraquí, terminen reconstituíndo á inversa dos seus intereses o mapa xeopolítico en Oriente Próximo. Este escenario intensifica a volatilidade rexional acusada polos erros occidentais (guerra de Iraq en 2003) e a confusión sobre a aparición e consolidación do EI como actor cuase-estatal entre Siria e Iraq.

Non se descarta que o incerto diálogo político entre Bashar al Asad e a oposición signifique igualmente un punto de partida para que Washington e Moscova tenten aplacar a capacidade de conformación dun Estado curdo que no 2016 pode materializarse de feito unilateral.

Finalmente, o terceiro factor colateral ten que ver coa simbólica recreación do secular conflito sectario existente entre sunnitas e xiítas, e que o declive da Primavera árabe contribuíu a fortalecer. Ó carón do conflito sirio estase delimitando un pulso cada vez mais evidente entre Irán como presumible líder dun eixe xiíta; e Arabia Saudita como impulsor dun eixe sunnita conformado circunstancialmente pola necesidade de contención a Teherán, e no que podería eventualmente incluírse a Catar, Exipto, Emiratos Árabes Unidos e incluso Turquía.

Este panorama deixa serios dilemas para Washington. As tentativas de apertura diplomática cara Irán impulsadas por Obama e Occidente buscarán intensificarse nun 2016 no que o actual presidente estadounidense deixará o seu mandato, buscando o ansiado legado histórico, neste caso traducido nas aperturas con Cuba a nivel hemisférico e Irán no contexto de Oriente Próximo.

As tensións entre Washington e Riad pola apertura iraniana cobrarán igualmente forza unha vez Teherán volva con garantías ao mercado petroleiro internacional a partir de xaneiro próximo, reducíndose drasticamente as sancións internacionais vixentes desde 2005 e fomentando os investimentos estranxeiros (principalmente en materia enerxética) no país persa.

Os recentes achegamentos de carácter circunstancial de Putin cara Exipto e Arabia Saudita buscan igualmente fomentar un equilibrio de forzas na que Moscova ve con preocupación o achegamento iraniano cara Occidente e a posibilidade de caída do Bashar al Asad, aínda que non probablemente do réxime sirio, en aras de preservar o poder dun establishment militar e burocrático decisivamente relevante para a transición política.

Está igualmente por ver en qué medida Teherán aceptará esta hipotética “solución” do conflito sirio a cambio dunha apertura occidental non menos incerta, toda vez o réxime iraniano observa con preocupación a posibilidade de caída de pezas estratéxicas en Damasco que poden reforzar os intereses estadounidenses e rusos. Para Teherán resulta igualmente inquietante a eventual proclamación dun Estado curdo así como a indefinición en torno ao futuro do EI. Con claros síntomas de realpolitik nun contexto marcado pola tensión bilateral, Obama e Putin dan conta dun pacto de necesidade en Siria de consecuencias imprevisibles.

A xuntanza en Moscova entre Kerry e Putin sela un pacto de circunstancias
Comentarios