O PP de Galicia reitera a necesidade de manter a unidade contra a violencia machista
O voceiro do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, foi entrevistado esta mañá no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia. Centrada na análise da actualidade política, a conversa comezou analizando os enfrontamentos do Partido Popular con Vox en Madrid deste luns no día contra a violencia machista. Sobre esta primeira cuestión, Puy expuxo: “Están a morrer mulleres todas as semanas a mans de criminais machistas, por iso é importante manter a unidade. En Galicia, afortunadamente, non temos un problema para chegar a acordos, pero noutras comunidades estamos a comprobar que hai grupos que negan unha evidencia e unha realidade que é obxectiva”.
Os pactos de cara á nova investidura da presidencia do Goberno tamén tiveron presenza nesta entrevista, e “o que si é certo é que estamos nunha situación extremadamente complexa”, afirmou Pedro Puy. Ademais, “na pasada lexislatura había máis facilidade para conseguir maiorías. O certo é que hoxe é máis complexo e nós asistimos con moita preocupación aos pactos que se están a celebrar e ás condicións que se están a impoñer para acadar unha investidura”, reflexionou. Na mesma liña, Puy fixo referencia ao asunto catalán, pois “con Esquerra Republicana de Cataluña estase a falar dalgunhas cuestións que rebordan o ámbito normal de constitución dun Goberno”.
Pedro Puy fixo alusión a Pedro Sánchez porque “nin sequera se dirixiu ao Partido Popular para explorar outras alternativas”. Esas alternativas, segundo o voceiro, “non poñerían en risco a estabilidade institucional do noso sistema”. Ademais, “o que nos parece que reborda o que pode facer un candidato á presidencia do Goberno é suxeitar o voto dalgúns grupos a cambios radicais do sistema constitucional que dependen do conxunto da soberanía nacional”, dixo. Puy tamén incidiu en que o Partido Popular “estará sempre disposto a chegar a acordos co Partido Socialista e coas demais forzas constitucionais”, ou coas forzas “que asumen que teñen a capacidade en número de votos e en número de escanos para introducir reformas constitucionais”, recoñeceu. @mundiario
Na conversa con Fran López Iglesias xurdiu tamén o tema das incertezas sobre que Alberto Núñez Feijóo volva ser candidato de cara ás eleccións autonómicas galegas. Nesta cuestión, o voceiro sinalou que o Partido Popular e o seu actual presidente “tomarán unha decisión que levará a determinación de dicir quen será o candidato que encabezará as listas das próximas eleccións” respectando o calendario normal da súa forza política. Tamén quixo incidir: “Non estamos tan urxidos como outros candidatos para ocupar a posición de candidato”. @mundiario