Onde vas,  Beiras? Ou quizabes debería dicer: Quo vadis, Beiras?

Xosé Manuel Beiras.
Xosé Manuel Beiras.

"Xosé Manuel: dáme pena verte agora viaxando á  Madrid para recibir instrucións dalgúns que noutros tempos definiches como califas ou como obscuros esteparios", escribe esta autora.

Onde vas,  Beiras? Ou quizabes debería dicer: Quo vadis, Beiras?

Onde vas,  Beiras? Ou quizabes debería dicer: Quo vadis, Beiras? Se cadra a ti gostábache máis, é máis sonoro e pretende ocultar o seu significado aos que non o saiban, pero a estas alturas dos episodios da vida -da túa e da miña- resulta máis patético que altisonante. Para empezar con latíns eu prefiro: "Qui sibi semitam non sapiunt alteri monstrant viam", que ti mesmo traducirás porque no teu bacharelato había bastante latín, e foches sempre bo alumno. 

Preguntábame,  retoricamente recoñezo,  onde vas?, e o feito de che dirixir esta misiva non creo que me proporcione pistas para sabelo, xa que só podo utilizar hipóteses construídas sobre a base das túas saídas (sempre ben recollidas) aos medios de comunicación de masas. E non son boas fontes de construción de coñecemento salvo para xulgar que as saídas aos mass media, constitúan o fin en si mesmo das declaracións. E, fiándome da túa traxectoria coma persoeiro  nacionalista, non podo menos que deducir que traballas a prol de engrosar as filas da creación de conciencia crítica no eido nacionalista. O que sucede é que esta aseveración conclusiva -en primeiro termo- fai augas por varios sitios. Imos ver: En nome de que antidemocrático intrusismo te permites dar consellos á militancia do BNG? Que che fixo o BNG para que dirixas a el o foco das túas declaracións baleiras de contido: nin análise, nin diagnóstico nin propostas. Porque, se algo disto houbese, sería para considerar que tes nostalxia da organización, orgullo do nacionalismo galego, e do país que lle deu nacemento.

Se non tes nostalxia e queres -por decencia e conciencia da Galiza- que lle vaia ben ao BNG, poderías, sentíndote orgulloso do teu pasado inmediato, dicer algo máis adecuado á circunstancia, como por exemplo: “nós (teño a dúbida de definir o voso nós) sen o BNG non seríamos nada”.

Se sentes só noxo, referido a un bo anaco da túa vida política pasada, non lle botes bosta ao BNG, porque nel viviches algúns anos e todos eles mimado, respectado e atendido como se foses un Xefe de Estado Galego. Se despois de dar paso aos mozos, sufriches un desexo irreprimíbel de protagonismo central, o BNG non ten ningunha responsabilidade. E finalmente, fáltanme dados -que na prensa non aparecen- para saber o porqué do teu odio á UPG. Sempre houbo rumores neste sentido, mais eu nunca lles dei creto porque ti soubeches desde 1982 que se non chega a ser pola teimosía, entrega e determinación da UPG o Bloque nin se funda.  Os problemas, éxitos, fracasos e demais acontecementos do paso pola vida dunha organización política na que nin militas nin debe importarche serán en todo caso para valorar en termos políticos pero, nunca,  en termos orientativos, programáticos ou ditatoriais. Agora, non obstante, déixase entender das túas palabras que odias a UPG. Por que será? Só atopo explicacións moi a pé de sentimentos interiores: algunha vez quixeches entrar e non te admitiron? Nunca te chamaron para dirixir o partido? Vexo aí unha pulsión non digamos amorosa pero si dependente, sen resolver. 

Xosé Manuel: dáme pena verte agora viaxando á  Madrid para recibir instrucións dalgúns que noutros tempos definiches como califas ou como obscuros esteparios.

Comentarios