O desconfinamento habería ser unha competencia substancial do Goberno galego

El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
O mando único sanitario xa foi un grave erro do Goberno Sánchez. Reter a competencia para o desconfinamento será un erro aínda superior.
O desconfinamento habería ser unha competencia substancial do Goberno galego

O Goberno do Estado ven de se trabucar outravolta ao lle outorgar todos os poderes cara á xestión do desconfinamento ao Ministro de Sanidade, polo menos para a prórroga do “·estado de alarma” que rexerá entre o 26-A e o 8-M. Será o Ministro o que gradúe a posíbel relaxación dalgunhas das vixentes limitacións á mobilidade xeral e determine en cada caso cadanseu ámbito territorial. Rexeitou deste xeito os requirimentos dos Gobernos vasco, catalán, galego, canario ou andaluz que consideraban que só eles podían dirixir o desconfinamento con garantías.

Na Galicia esta cuestión incluiu un enfrontamento entre o BNG ( que defendeu o mércores 22-A no Congreso outorgarlle a competencia á Xunta) e Galicia en Común, que rexeitou a atribución ao Goberno Feijóo desta facultade. Para os de Gómez-Reino e Pablo Iglesias seica a cidadanía galega está máis protexida se manda o Goberno Central. O que constitúe unha emenda á totalidade á razón de ser do partido-supostamente- soberanista da coalición (Anova) e mesmo-supostamente- da propia coalición: o recoñecemento de Galicia como suxeito político con dereito á súa soberanía ou, cando menos, ao seu autogoberno. E digo eu: se gobernar Casado na Moncloa esta esquerda española propugnaría cederlle as competencias á Unión Europea?

O Mando Único estatal foi xa unha decisión desaquelada, mais alargar o seu mandato para o desconfinamento constitúe un dos peores erros na gobernanza pública dende a transición de 1977-1982. Vivimos nun Estado plural, composto, moi descentralizado canto ao gasto e a xestión (mais moi centralizado no ingreso e, como estamos a ver, na capacidade de decisión política). Quen coñece cada territorio, o poboamento, os costumes? Quen pode decidir-mellor co consenso dos concellos- sobre a liberalización da mobilidade no medio rural e rururbano ? Quén sobre mercados de produtos agrogandeiros? Quen sobre o desconfinamento dos sectores económicos de cada País ou territorio? Teñen vostedes razón. Os Gobernos autonómicos, sempre que tamén sumen aos concellos aos procesos de información e toma de decisións. Quen sabe onde están os parques e cantos m2 de zonas verdes temos por habitante? Tamén acertaron. Os concellos.

A dereita española sempre foi centralista e, xa que logo, inoperante e ineficiente. Mais semella que a esquerda española atópase ben no mesmo esquema, asumindo funcións que nin lle cómpren nin sabe desenvolver. 1200 empregados públicos inexpertos do Ministerio de Sanidade non poden dirixir millóns de empregados públicos autronómicos e locais que coñecen o terreo.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias están a copiar o esquema territorial de Arrimadas, Abascal e Casado mal van. @mundiario

Comentarios