O debate sobre as remuneracións na política: hai que facer ben as contas

Mariano Rajoy.
Mariano Rajoy.

Para evitar simplismos e demagoxias, o debate sobre os soldos que se perciben na política debería establecer con precisión cal é a referencia que se toma para realizar xuízos valorativos.

O debate sobre as remuneracións na política: hai que facer ben as contas

Para evitar simplismos e demagoxias, o debate sobre os soldos que se perciben na política debería establecer con precisión cal é a referencia que se toma para realizar xuízos valorativos.

Que a primeira normativa de ámbito estatal a respeito da transparencia na administración pública sexa obra do actual goberno do PP é reveladora das graves carencias acumuladas nestas últimas décadas no deseño e funcionamento do sistema democrático español. Esta circunstancia deixa en evidencia, sobre todo, aos dirixentes do PSOE que tiveron moitas oportunidades –singularmente nas dúas lexislaturas de Zapatero- para tomar a iniciativa neste importante asunto. Polo demais, a lei que foi aprobada recentemente é manifestamente mellorábel por canto deixa relevantes aspectos da xestión pública nunha situación de opacidade que imposibilita o necesario control por parte do corpo social.

As informacións mais destacadas polos medios tiveron como centro de atención as remuneracións percibidas polos responsábeis do aparello gobernamental. A partir da constatación –xa coñecida por outros datos publicados anteriormente- de que certos cargos (directores de gabinete, máximos executivos de entes ou sociedades públicas) reciben unha retribución nominal superior ás que teñen asignadas os seus responsábeis xerárquicos (incluído mesmo o presidente do goberno) suscitouse un debate sobre a pertinencia de tal situación e houbo quen aproveitou a ocasión para loubar a suposta austeridade da equipa gobernamental encabezada por Rajoy.

Antes de tirar conclusións hai que facer ben as contas. Cánto gaña, en realidade, o inquilino da Moncloa? Ademais dos euros anuais consignados nos documentos orzamentarios habería que considerar o amplo volume das percepcións en especie (aloxamento e manutención da familia, gastos de desprazamento) e unha circunstancia que adquiriu transcendencia mediática por mor dos “papeis” de Barcenas: dende hai anos, Mariano Rajoy obtén un soldo moi importante pola súa condición de presidente do PP. Algo semellante sucede con outros dirixentes que ocupan, ademais, postos de representación nas institucións. Aínda que sexan cartos declarados á Facenda non poden ser catalogados como recursos de orixe privada por canto o financiamento dos partidos políticos procede –nunha contía moi elevada- dos fondos públicos.

Estamos, pois, ante unha verdadeira cerimonia da confusión. Por unha banda, rexistrase o paradoxo dunha diferenza retributiva nominal que non se corresponde coa xerarquía das responsabilidades asumidas polos respectivos receptores. Ao mesmo tempo, existen unhas remuneracións complementarias non transparentes que resultan incompatíbeis coa austeridade que predican os dirixentes do PP. Certamente, Rajoy, Saenz de Santamaría e Cospedal non son exemplo de moderación salarial na súa vida pública.

Para evitar simplismos e demagoxias, o debate sobre os soldos que reciben as persoas que se dedican ao labor político debería permitir establecer con precisión cal é a referencia que se toma para realizar xuízos valorativos. Se a comparación se fai co salario medio vixente, a conclusión é contundente: as remuneracións  que hai na actividade política non pecan precisamente por defecto. Se a medida comparativa é colocada na retribución percibida por certos directivos empresariais ou por determinados profesionais liberais a resposta sería diferente. Moito mais se, por exemplo, falamos dalgúns deportistas de elite. Nestes casos existe unha evidente hipocrisía en amplos sectores da cidadanía e nos principais creadores de opinión:o que gañan Messi ou Cristiano Ronaldo non provoca o reproche crítico que cabería agardar das cifras obscenas que se manexan. A política é xulgada con criterios de esixencia cualitativamente superiores sen que, polo momento, haxa un proceso de aplicación semellante noutras actividades. O tempo dirá se hai cambios significativos na situación que hoxe estamos a vivir. A polémica, sen dúbida, debe continuar.

O debate sobre as remuneracións na política: hai que facer ben as contas
Comentarios