A cidadanía galega non ten valedora que lle valla

Feijoo aplaude a la Valedora do Pobo, Milagros Otero, en su toma de posesión. / Mundiario
Feijoo aplaude á Valedora do Pobo, Milagros Otero, na súa toma de posesión. / Mundiario

A Valedora ten que demitir. A cualificación que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo sobre a súa conduta (desviación de poder e arbitrariedade) fai a súa posición insostíbel. Os raposos non poden ter conta das ovellas.

A cidadanía galega non ten valedora que lle valla

O noso Estatuto creou a institución do Valedor do Pobo como Comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía galega. Velaí a súa fulcral importancia, polo que cómpre esixirlle un moi elevado degrao de transparencia, independencia e obxectividade. Para que a Valedora nos valla non só terá que ser transparente, independente e obxectiva, senón manter a apariencia exterior da posesión desas cualidades.

Porén, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a medio dunha sentenza do Maxistrado-relator máis experto en cuestións de emprego público (Fernando Seoane Pesqueira) ven de anular o nomeamento da xefa de servizo de Administración e Persoal da Oficina da Valedora. Considerou o TSXG que a Valedora, malia absterse de primeiras pola súa relación persoal indirecta coa persoa nomeada, segueu a intervir no procedemento e cometeu “desviación de poder” (usar das súas facultades para finalidades distintas ás previstas na lei cando llelas outorgou) e “arbitrariedade”(vulneración da obxectividade e imparcialidade da Institución).

A sentenza é recorríbel en casación perante o Tribunal Supremo. Mais un eventual recurso desta caste está condenado a unha rápida inadmisión. O Tribunal Supremo unifica a aplicación do Dereito Público, nunca revisa os feitos. E o relatorio dos feitos xa foi ditaminado a xeito polo TSXG.

Cómpre dicir que a persoa atinxida pola nulidade, a funcionaria María Puy Fraga, non é cuestionábel de xeito ningún. Leva 25 anos servindo correctamente á Administración galega con diferentes Gobernos. De feito consolidou o máis alto complemento específico (nível 30) na época do goberno de coalición BNG-PSdeG, onde seguiu a ser Subdirectora de Xogo na Consellería da Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas. Ela non é o problema.

O problema é Milagros Otero, Valedora do Pobo. Despois desta sentenza non pode continuar no cargo, como xa manifestaron os grupos de En Marea, PSdeG e BNG, de xeito que xa non se mantén a maioría de 45/75 deputados precisa para elixila ou revogala. O PP non pide polo de agora a súa demisión. Mais case todos agardan que ésta xurda da decisión persoal da Valedora,  cada vez máis consciente da insostibilidade da súa posición. @mundiario

Comentarios