Catalunya e Podemos suscitan desconcerto e medo nas análises mediáticas

Pablo Iglesias.
Pablo Iglesias.

Non entenden as causas xeradoras do maioritario apoio da sociedade catalá á celebración dunha consulta e fican descolocados ante as notábeis expectativas electorais da formación que encabeza Pablo Iglesias.

Catalunya e Podemos suscitan desconcerto e medo nas análises mediáticas

Non entenden as causas xeradoras do maioritario apoio da sociedade catalá á celebración dunha consulta e fican descolocados ante as notábeis expectativas electorais da formación que encabeza Pablo Iglesias.

Contan as crónicas que, catro días antes de morrer, Emilio Botín confesou a un grupo de xornalistas que tiña dúas preocupacións fundamentais:a situación de Catalunya e o resultado acadado por Podemos. O recoñecemento do banqueiro formaba parte da lóxica discursiva habitual que se manexa nos círculos dominantes do poder económico:o que mais preocupa é aquilo que non se controla. Ambos fenómenos presentan, certamente, unhas doses de incertidume cualitativamente superiores ás que cabe apuntar en calquera outro dos vectores que compoñen o panorama político e social do momento.

As inquedanzas de Botín están tomando corpo nas análises dunha boa parte dos opinadores mais destacados do universo mediático. O desconcerto, o medo e mesmo a histeria percorren moitas das pezas argumentais destes “gurús”. Semella que non entenden as causas xeradoras do maioritario apoio da sociedade catalá á celebración dunha consulta sobre o seu futuro nacional e que están descolocados ante as notábeis expectativas electorais da formación que encabeza Pablo Iglesias. No canto de reflexionar sobre os motivos que explican a existencia destes cambios significativos no comportamento de diversos sectores sociais, teiman nunha mirada curta e simplista sobre o dedo: para eles, Artur Más é o culpábel principal do que sucede alén do Ebro e Pablo Iglesias é un mesías populista e autoritario que sobrevive grazas a determinados apoios mediáticos.

Un dos argumentos preferidos para relativizar a transcendencia do que se está vivindo é a coñecida tese de que o apoio maioritario a unha determinada causa non elimina as eventuais carencias asociadas á mesma. A pertinencia de semellante premisa de carácter xeral non exime da necesaria reflexión sobre as circunstancias concretas que concorren en cada caso e das fórmulas acaídas para resolver –no seo dun sistema democrático de calidade- os conflitos sociais suscitados. A situación en Catalunya non é froito da capacidade manipuladora de Mas, de Junqueras ou dos medios de comunicación ubicados naquel País. O éxito de Podemos non é consecuencia das arroutadas de catro iluminados.

Estes comentaristas que agora cuestionan a lexitimidade de certos estados de opinión ou censuran duramente o comportamento dos líderes que aparecen concernidos nestes acontecementos, non atopaban elementos de crítica nas reiteradas maiorías absolutas acadadas polo PPdG nin cuestionaban os talantes autoritarios e cesaristas exhibidos reiteradamente por Manuel Fraga, Aznar e Felipe González.

Qué propoñen para solucionar o conflito existente en Catalunya, ademais das reiteradas apelacións ao cumprimento da legalidade vixente? Qué formulas defenden para recuperar a credibilidade dos grandes partidos afectados polo cancro da corrupción? Agardar só pola actuación dunha xustiza que, segundo o presidente do Tribunal Supremo, está pensada para o “roubagaliñas”  e non para o gran defraudador?

Mentres estes opinadores buscan algún remedio ao progresivo nerviosismo que se percibe no seu estado de ánimo, a vida segue.O CIS mete mais presión cunha enquisa que rebenta todos os rexistros precedentes e unha nova Gürtel estoupa nos fociños de vellos e novos cargos públicos populares e socialistas.

Ten razón Pablo Iglesias.Os pais de Podemos son o Partido Popular e o Partido Socialista.

Catalunya e Podemos suscitan desconcerto e medo nas análises mediáticas
Comentarios