Noite sorprendente
Os resultados das urnas deste 23-X podían crear dous grandes escenarios parlamentarios: unha maioría absoluta de escanos de PP e Vox ou unha eventual suma aritmética daquelas formacións políticas que non querían conformar -por diversas razóns- acordos de gobernabilidade coa dereita e a extrema dereita.
A maioría dos prognósticos demoscópicos apostaban por un executivo dirixido por Núñez Feijóo en coalición ou cun acordo programático de lexislatura co partido de Santiago Abascal. A evidencia do fracaso de semellantes sondaxes é indiscutíbel e debería merecer unha explicación demorada dos directivos das empresas responsábeis. Foron moitas semanas con inqueritos pretendidamente solventes que pretendían conformar un estado de opinión de cara á cita coas urnas.
Nesta noite electoral, Alberto Núñez Feijoo anunciou a súa pretensión de ser investido como presidente de Goberno a pesar de carecer do volume de apoios necesarios no Congreso (porque a suma de PP e Vox, mesmo coa engadega de UPN e CC, non é suficiente para efectivizar semellante obxectivo). A súa apelación á condición de forza mais votada como argumento para chegar á Moncloa non se compadece coa natureza do sistema político español (non presidencialista senón parlamentario) e cuestiona os recentes comportamentos políticos do PP en Extremadura e Canarias, pactando para evitar que gobernara a lista mais votada.
A eventual investidura fallida de Feijóo daría paso a que Pedro Sánchez intentara unha reedición de anteriores pactos parlamentares para facer posíbel a súa reelección como presidente. Se tal proceso fracasara, iríase a unha repetición electoral nos últimos meses deste ano. Velaquí, neste momento, a principal incertidume que vai estar presente na dinámica política que se vai vivir nas vindeiras semanas.
Un último apontamento sobre os resultados nas circunscricións galegas. Sendo certo que os escanos acadados polo PP melloran significamente a cifra de 2019 (13 agora fronte aos 10 de hai catro anos), a porcentaxe de votos obtidos polo partido de Feijóo é inferior á suma das porcentaxes conseguidos polo PSdG, Sumar e BNG. A diferenza radica na conversión de votos en deputados: as características do sistema electoral outorgan un prima á forza maioritaria que explica ese paradoxo. No 2019, as tres forzas da esquerda e do nacionalismo obtiveron 13 escanos fronte aos 10 de PP. Agora, invertéronse as cifras.
En todo caso, o resultado do BNG ficou por debaixo das expectativas que se tiñan criado debido, nunha grande medida, ás singulares circunstancias de polarización política que concorrían nesta cita electoral e que colocaban á organización nacionalista nunha máxima dificultade para traducir nas urnas as simpatías presentes no corpo electoral. Con todo, deputado que conserva no Congreso adquirirá un grande valor na inevitábel negociación que se desenvolverá de cara a unha eventual elección de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado. @mundiario

