O novo papel de Anxo Quintana

Anxo Quintana, o home que levou o BNG ao poder en Galicia, decidiu apartarse da primeira liña da política,
O novo papel de Anxo Quintana

Anxo Quintana, o home que levou o BNG ao poder en Galicia, decidiu apartarse da primeira liña da política, o cal non quere dicir que vaia deixar o BNG nin moito menos aínda a política, a súa verdadeira paixón. O que si é un feito é que abandonará a Mesa do Parlamento de Galicia e a propia Cámara. Cando? O máis probable é que no momento en que ao BNG lle veña mellor, dentro desta lexislatura; xa que logo sen opción á súa reelección, pero quizais tampouco sen demasiadas présas. Logo das municipais podería ser un bo escenario para todos, salvo que se produza algún adianto por interese dalgunha das partes. Dito en poucas palabras: Quintana irase cando a dirección do BNG queira.

E por que se vai? É evidente que o momento actual do BNG non é o seu, como tampouco o é xa de Xosé Manuel Beiras, o seu antecesor como portavoz nacional. A fronte que aglutina á maioría dos nacionalistas galegos ten agora unha dirección política tutelada pola UPG, coa que Quintana ten pouco en común, sen que iso tampouco lle conduza a ningunha rebelión, senón máis ben ao recoñecemento de que deben ser Guillerme Vázquez e Francisco Rodríguez quen tiren do carro e o orienten ideolóxicamente. En contra do que algúns cren e din, Quintana foi pragmático nas súas relacións coa UPG, consciente de que este núcleo duro do BNG é un alicerce ideolóxico pero tamén organizativo da fronte ao que se suman moitas outras sensibilidades.

Morre así o quintanismo? Poida que si e poida que non. Quizá só o tempo permitirá responder a esa gran incógnita. Morrerá se os seus seguidores, capitaneados agora por Carlos Aymerich e Teresa Táboas, non se dotan dun discurso político alternativo ao da UPG, máis aló de estar contra a UPG. E vivirá e ata crecerá se o quintanismo se converte nunha corrente política ben organizada, cun programa nítido capaz de seducir ás bases do BNG e, no seu caso, a unha ampla capa da sociedade galega. É evidente que a día de hoxe a UPG vai gañando e que moitos nacionalistas, sen ser da UPG nin comunistas, ven en Paco Rodríguez unha ancoraxe sólida. E é que este home a miúdo tan deostado e temido ten o valor de ser o gardián das esencias e o impulsor dunha serie de movementos políticos que van máis aló do BNG, empezando pola CIG, o segundo gran sindicato de Galicia, con máis de 70.000 afiliados.

Para entendernos en poucas palabras, Quintana ten unha visión do nacionalismo máis próxima á do converxente Artur Mas que á do sindicalista Suso Seixo, pero Galicia non é Cataluña. E quizais aquí aínda é necesario que pase moito tempo antes de que as cousas se fagan como en Cataluña: non só no BNG, tamén no PSdeG-PSOE, como ben saben Francisco Caamaño e Pachi Vázquez.

Hai máis factores? Si, os persoais. Anxo Quintana ten talento e proxección suficiente para poder gañarse a vida fóra da política. E nese sentido non habería que descartar que desempeñe un papel na apertura económica de Galicia ao exterior. Casualidades da vida, dentro do BNG tamén hai quen pensa nel como o Duran Lleida de Galicia en Madrid. Se cadra, tamén porque máis de un pensa en Paco Jorquera como un dirixente para Galicia.

Comentarios