Sen un PSdeG-PSOE forte, o cambio político é imposible en Galicia

Dende 2009 o PSdeG vive constantes tensións internas e cambios de líderes, que se traducen en graves e continuos retrocesos electorais cando hai comicios autonómicos.
Fernando González Laxe, Gonzalo Caballero e Emilio Pérez Touriño. / PSdeG
Fernando González Laxe, Gonzalo Caballero e Emilio Pérez Touriño. / PSdeG

En maio de 2008 a Xunta, liderada entón por PSOE-BNG, publicou unha enquisa segundo a cal o PPdeG non só perdía a maioría absoluta, senón o primeiro posto en Galicia (28,7 % vs 22,2 % de intención directa de voto para socialdemócratas e conservadores, respectivamente). E non falamos de eleccións municipais, xerais ou europeas, senón que nos referimos ao fortín dos populares galegos: as Autonómicas. Dous meses antes, o PSOE zapaterista revalidara o Goberno de España. Mentres tanto, Touriño lideraba a nosa Comunidade e a súa federación con bastante estabilidade.

Sen embargo, dez meses despois e durante o inicio da Gran Recesión, todo se foi abaixo para o PSOE de Galicia: Feijoo obtivo a súa primeira maioría absoluta (38/75), Touriño retirouse da política e o PSdeG nunca máis regresou ao executivo autonómico. E non só iso, o que pasou despois foi unha notable desconexión coa maior parte do electorado galego. Os factores deste fenómeno estrutural foron os seguintes:

  1. Constantes posicionamentos sucursalistas. A diferencia, por exemplo, de Page, o PSdeG nunca criticou ninguna medida do Goberno de Sánchez.
  2. Cambio de líderes (Pachi Vázquez, Xoaquín F. Leiceaga, Gonzalo Caballero e José Ramón G. Besteiro) en cada proceso electoral galego.
  3. Tamén debemos subliñar a existencia de constantes liortas internas como consecuencia do forte peso das baronías locais e da existencia de dúas culturas políticas no seo desta organización: a favorable a dar un maior protagonismo á militancia, caballerista; e a de facer valer o peso das baronías, besteirista.

O resultado de todos estes problemas foi unha progresiva perda de apoios electorais: dos 25/75 escanos que o PSdeG acadou en 2009 pasamos ao unidíxito parlamentario (9/75) en 2024.

Se todo isto parece pouco, o último incidente afectou ao xa expresidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, quen foi acusado dun presunto delito de acoso nunha canle interna do seu partido. Por suposto que, mentres non se demostre o contrario, Tomé é totalmente inocente en termos xurídicos. Non obstante, esta noticia pode ter un impacto demoscópico negativo para o PSOE galego. Este último feito ocorreu despois dos últimos comicios -autonómicos e comunitarios-, celebrados en 2024.

Hai un dato que pasa desapercibido en case todas as análises electorais e se refire aos abstencionistas socialistas dende 2012 en adiante. Trátase dun grupo de votantes que abandonou aos da Rúa do Pino, pero que non vota nin ao PPdeG nin aos partidos á esquerda do PSOE.

Para explicar este fenómeno, imos facer unha análise comparativa de eleccións co resultado da esquerda en cada unha desde 2005:

  • 2005: PSOE (555.603) +BNG+IU+FPG= 882.958 votos (38,19 % do CER).
  • 2009: PSOE (524.488) +BNG+IU+FPG= 814.544 sufraxios (35,23 % do censo).
  • 2012: PSOE (297.584) +BNG+AGE= 644.439 papeletas.
  • 2016: PSOE (256.381)+ BNG+EM= 649.350 sufraxios.
  • 2020: PSOE (253.750)+BNG+GeC-Anova-Mareas+MG= 619.333 votos.
  • 2024: PSOE (211.361)+BNG+Sumar+Podemos-AV= 715.482 sufraxios (32,27 % do censo).

No lado dereito, o PPdeG obtivo 756.562 papeletas en 2005 fronte ás 789.427 de 2009 e ás últimas (2024), que foron 711.713.

Como podemos apreciar, actualmente as forzas vermellas tiveron en 2024 menos porcentaxe de representación sobre o CER que en 2005-2009, case 100.000 votos menos que en 2009 (99.062) e 167.476 menos que en 2005. Á vez, o PP ten menos músculo que naquelas citas electorais: En 2024 os populares sacaron 44.849 votos menos que en 2005 e 77.714 menos que en 2009.

Por outro lado, o mellor resultado dun partido de esquerdas alternativo ao PSdeG foi o BNG de 2024, que non alcanzou o medio millón de apoios (470.692).

Por tanto, apreciamos que hai un segmento demográfico significativo dentro do progresismo galego (de máis de 100.000 persoas) que deixou de votar aos socialistas e que non foron seducidos por outras forzas de esquerdas nin tampouco polo PP, que perdeu apoios respecto ao periodo 2005-2009. Este partido, pola súa banda, obtivo o 32,72 % dos votos sobre o total do CER, en 2005; o 34,15 %, en 2009; e o 32,1 % de 2024 (fonte: INE).

Este descenso demográfico-electoral no PSOE galego demostra que a marcha de Touriño e a posterior incapacidade de renovación do partido fixo estragos no PSdeG. Deste xeito, a última enquisa de Sondaxe, publicada en decembro de 2025, deu aos de Besteiro un 12,8 %: 1,24 puntos menos que hai dous anos. Se iso sucedese, sería outro récord negativo máis para o PSdeG.

En contraposición, o expresidente socialista logrou implementar un programa de goberno progresista, conseguiu liderar a única maioría absoluta de esquerdas no Hórreo (2005-09), así como dar paz interna e unidade á súa organización. Para desgraza do galeguismo progresista, Touriño atópase fóra da vida política. Porén, as únicas opcións de liderazgo sólido do PSdeG -e, por tanto, de esperanzas de cambio en 2028 na Xunta- pasarían de maneira extraordinaria polas súas mans.

Por outro lado, a responsabilidade de que a esquerda galega leve dezasete anos fóra de San Caetano non é só do PSdeG: Se o BNG non modifica os puntos programáticos e estratéxicos máis polémicos (lingua, relación con España, linguaxe lusista, alianzas con ERC-EHB nas Europeas) e se Sumar-Podemos seguen estragando votos en Autonómicas (33.429, en 2024), Alfonso Rueda pode estar politicamente tranquilo.

Así, tanto nas ciencias naturais e sociais hai un principio básico: se non mudan os condicionantes, non cambian os resultados. E ese principio vese moito na esquerda galega, que apela moito ás emocións, pero que comete case sempre os mesmos erros, os cales son electoralmente letais. @mundiario

Comentarios