Quince días

Concerto de Ana Moura na Quintana. / @GorettiSRei
Concerto de Ana Moura na Quintana. / @GorettiSRei
Os quince días de campaña semellan, por momentos, transcorrer a un ritmo vertixinoso. 

Cando a vida avanza, dámonos conta de que, moitas veces, as cousas cambian de maneira veloz. En pouco tempo, unha persoa próxima pode atopar traballo e transformarlle a vida, alguén que queremos desaparece do noso lado ou un acontecemento externo a nós obriga a dar un xiro inesperado ao noso futuro. 

Nesta campaña electoral, tamén eu teño a sensación de que todo flúe moi as présas. Os días son intensos e poden pasar tantas cousas que, á noite, a sensación é ben distinta de cando comezou a xornada. Por iso, os quince días de campaña semellan, por momentos, transcorrer a un ritmo vertixinoso. 

Calquera pensaría que para unha persoa que encabece unha lista electoral, estas dúas semanas teñen que ser esgotadoras. Son, non cabe dúbida. Mais, á marxe diso, e no fulgor desta campaña das municipais, podo dicir que, ao meu ver, o balance é de especial interese no plano político e tamén no persoal. 

En primeiro lugar, as eleccións poñen a proba o equipo, os equipos. Todos entran en xogo. O familiar e das amizades que están sempre á beira para dar apoio e tamén, como non recoñecelo, intensificar a intendencia doméstica nestas xornadas en que o tempo é sempre pouco. Despois, as persoas con que traballamos man a man, coas que se debate e se toman decisións urxentes, coas que se analiza a situación e están sempre á beira. De especial importancia ten un equipo novo que xorde cando se anuncia a candidatura completa, eses homes e mulleres con que partillamos obxectivos, que pasan a ser familia de afectos tamén de maneira veloz. E, finalmente, a que sempre está, a organización que é o esqueleto de todo, a que sostén e forma parte dun proxecto común de ideas e obxectivos. Confeso que son afortunada en todos estes equipos que, dalgunha maneira, compoñen os motores necesarios non só para desenvolver unha campaña electoral senón tamén para a vida. 

En segundo lugar, as campañas facilitan o encontro con entidades, con colectivos, con persoas que trasladan cuestións de interese.... O que é unha práctica habitual, nestes días intensifícase, como case todo, e son moitas as propostas que chegan para novas reunións que posibilitan trasladar propostas e obxectivos, describir un programa elaborado con esforzo e de maneira participativa, sempre aberto a continuar recibindo e analizando novas incorporacións. 

Finalmente, o período previo ás eleccións permite como ningún outro confrontar modelos, defender proxectos e ideas e debater coas persoas con que concorremos ás eleccións. Nisto reside, dunha maneira ou outra, a esencia do proceso, en poñer en público as diferenzas e conseguir o apoio para o programa e a candidatura presentada. Neste tempo, os medios de comunicación e moitas entidades sitúan na axenda debates que, abertos ao público, poñen á vista as diferenzas de prioridades e, en definitiva, de modelo. 

Estes tres elementos son imprescindíbeis para chegar a bo porto tras quince días en que podes palpar a resposta, podes ter intuicións do que vai pasar e mesmo activar o barómetro de como se reciben as distintas mensaxes. Mais, como dicía, todo vai moi a fume de carozo. O panorama político acelerou o seu ritmo e tornouse moito menos previsíbel. No BNG sabemos diso. Soubemos, nalgunha ocasión próxima mesmo, darlles unha volta a todas as previsións e situarnos nun lugar inesperado que sería impensábel pouco tempo antes. Para iso precisamos dun programa, unha mensaxe, a organización forte e cohesionada e un equipo que conecte coa xente.  

Onte mesmo, nun reparto pola rúa, dúas persoas da candidatura que encabezo comentábanme que perciben boa sintonía e moitas persoas que se achegan a interesarse polas nosas propostas ou preguntar que fariamos nalgunha situación que lles afecta especialmente. Esa é tamén a marabilla das eleccións municipais, a proximidade, falar de temas que afectan ás persoas, poder mellorar a súa vida. "Creo que podemos ter uns resultados históricos", díxome unha delas. Contesteille que confío en que así sexa mais porque contamos cos vimbios necesarios, un proxecto coas persoas no centro, o convencemento de que o noso concello merece máis, un equipo e unha organización sólida con que podemos conseguir que a xente confíe en nós. Ese é o obxectivo, e, para min, unha sorte e un orgullo poder vivir estes quince días tan ben acompañada. @mundiario

Comentarios