Dos partidos grandes vs. os partidos pequenos nas eleccións locais
Chega o tempo de que os electores abramos os ollos e decidamos con equidade. En Galicia, as vindeiras eleccións do 28M son só, como se sabe, para a Administración local e delas, en consecuencia, sairán concelleiros e, posteriormente, designaranse alcaldes, membros de Mancomunidades e das Deputacións, para o que compiten en desigualdade grandes partidos, con medios, consignas e técnicas estudadas, contra formacións municipais, máis artesáns. Por iso estas eleccións non se celebran propiamente entre as candidaturas, senón que inflúen nelas moitos axentes. Entre eles, por unha banda, propostas e líderes autonómicos ou estatais que, ás veces, xeran contradicións nalgún municipio e, por outra, a utilización das redes sociais.
Os partidos locais, pequenos, e os grandes, baséanse en estratexias diversas. Estes últimos -sen contradicir os postulados para ámbitos territorialmente superiores- teñen que esforzarse por entrar no detalle municipal. Os pequenos, que son opcións carentes de representación ou impacto mediático e cinguidos ao municipio, han de facer chegar a súa mensaxe á xente só co apoio do contacto candidatos-votantes.
No século XX os medios de comunicación clásicos -xornais en papel, televisión- foron os que modelaron a relación entre elector e político, tendo en conta que para o público a presencia permanente dos líderes estatais neses medios e o feito de velos habitualmente na pantalla desde os seus salóns, fixo que lle parecesen máis achegados incluso que os propios veciños e por iso se valora tanto a presencia deses persoeiros nos mitins destas eleccións. Ademais, a cidadanía consume maior número de noticias nacionais que locais, en especial pola televisión. Son vantaxes para os candidatos dos grandes partidos que, pola contra, teñen que sacrificar a súa autonomía en favor da harmonización co conxunto da súa formación … e para a obtención de diñeiro para a campaña.
No século XXI, as redes sociais irromperon no proceso electoral e desde elas a clase política interactúa cos votantes, sabendo que a liberdade das redes sociais tamén produce que os respectivos “odiadores” participen. Facebook, nacida no 2004 e Twitter, aparecida no 2006, protagonizan esa relación. Empezaron a utilizarse en España nas eleccións de 2008, substituíron aos blogs como ferramentas dixitais nas xerais de 2011 e consolidáronse no 2015. Como implican un vínculo directo co electorado, os candidatos empréganas para estimular e mobilizar o voto. As formacións políticas pequenas úsanas máis. Pero esa gran actividade non implica un maior engagement -nivel de compromiso, entusiasmo e lealdade- que o que teñen por si mesmos os partidos grandes. Os partidos de ámbito municipal ou emerxentes tamén consumen un exceso de enerxía na transmisión de valores e ideoloxía, cunha despreocupación total neste eido dos partidos maioritarios, que dan por feito que xa se sabe o que pensan.
A utilización electoral destas redes é unidireccional: as candidaturas difunden información electoral, actos de campaña ou programas, pero non contestan aos usuarios; a interacción prodúcese entre estes, con comentarios caracterizados por adhesións, discrepancias, emocións negativas e insultos, nun contexto dun dispar nivel cultural algunhas veces rechamante, pero sabedores de que todos son titulares do mesmo dereito de voto.
Os temas que acumulan máis “me gusta” son os relacionados cos resultados electorais, a política social e a organización e funcionamento da campaña. Eses “me gusta” increméntanse cando se inclúen vídeos e fotografías, ou se poñen enlaces a páxinas de medios de comunicación, a redes sociais doutros membros do partido ou ás súas páxinas web.
Con este panorama as campañas locais só conseguen centrarse en si mesmas se concorre que a personalidade e o carisma do candidato ten forza suficiente na localidade para ser o centro de atención, sen que se vexa atuído por materias externas ao municipio, ou cando a localidade estea pechada nos seus asuntos, e isto só pasa en municipios pequenos. Aí está a razón de que resulte máis complexo para un partido local afrontar unha campaña electoral. Así que o electorado ten que abrir os ollos como quen fai unha disección, para que o voto non teña en conta o criterio de grande ou pequeno, senón a calidade das propostas. @mundiario