Galicia gaña na bilateralidade e perde na multilateralidade

Billetes de euros.
Billetes de euros.
Nin Galicia é, no seu conxunto, parte da España baleirada, nin gaña con políticas de subsidiamento que anestesien o seu desenvolvemento.
Galicia gaña na bilateralidade e perde na multilateralidade

Galicia non vai quitar nada dos seis territorios cos que partillou o cumio de Compostela este martes 23-N, todos eles agás Castela a Mancha mellor financiados ca o noso país. Galicia precisa da bilateralidade para resolver o problema do seu inserimento no Estado, do seu autogoberno e do seu benestar.

Existen certos intereses comúns entre Galicia e as seis comunidades autónomas presentes no cumio autonómico compostelán do martes 23-N, nomeadamente que o sistema de financiamento autonómico avalíe a xeito o espallamento e máis o avellentamento da súa poboación. Mais, á vista dos dados que ven de publicar a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA) o financiamento público por habitante na Galicia (2.846 €/ano) é inferior ao de todos os territorios representados este día en Compostela, polo que partillar estratexia non semella bo camiño.

O noso país conta cun eixo atlántico de potente desenvolvemento humano e económico con vocación de se conectar co eixo Leixoes/Porto-Lisboa-Sétubal. Este eixo, canda o corredor atlántico de mercadorías e a conexión deste cos portos galegos estiveron á marxe do cumio autonómico compostelán, malia ser infraestruturas con impacto en todo o noroeste peninsular.

O economista Xosé Díaz calculou na liquidación do exercicio do 2019 un déficit fiscal de máis de 4.562 M€, pois que recadamos 13.222 M€ e só nos devolveron 8.650 M€. Se tivésemos un sistema de cota ou cupo como o vasco ou navarro, onde recadásemos os tributos todos e lle pagáramos ao Estado a porcentaxe que nos cumprise por poboación para compensar os servizos estatais (sobre un 5,4%), recuperaríamos máis de 3.200 M€ deses 4562 M€.

Mais o problema do desenvolvemento galego non é só de fiscalidade, senón tamén de externalidades económicas. Producimos electricidade abonda para cobrirmos as nosas necesidades e exportar un 35% ao resto do Estado. Apandamos co custo ambiental e paisaxístico e mesmo de substitución económica e iso non se reflicte no prezo da enerxía. Pagamos igual ou máis que no Madrid consumidor e non produtor.

Canto ás obras públicas estatais, como o AVE, producen claras externalidades a prol de Madrid comos sede das grandes empresas construtoras e das principais enxeñarías, como ben de explicar o economista Turnes Abelenda (“Descentralización fiscal e desenvolvemento”, 2021) mentres ao tempo substitúen outros investimentos estatais con máis incidencia na vertebración das actividades económicas galegas non turísticas, como o eixo atlántico, as redes ferroviarias de proximidade ou a conexión ferroviaria cos portos galegos.

Nin Galicia é, no seu conxunto, parte da España baleirada, nin gaña con políticas de subsidiamento que anestesien o seu desenvolvemento. Galicia precisa do seu autogoberno para acadarmos benestar e, xa que logo, de recadar os seus tributos e poder decidir sobre as súas prioridades de desenvolvemento económico. Con pouco máis do 5% do PIB e poboación estatais e con alicerces ecónómicos que para o Estado son prescindíbeis, Galicia precisa da bilateralidade na súa relación co Estado. @mundiario

Comentarios