As actitudes políticas dependentistas prexudican o benestar dos galegos

Xunta de Galicia. / Mundiario
Xunta de Galicia. / Mundiario

Galicia ten só o 5,5% do PIB e o 5,1 % da poboción estatais. Os seus alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado.  Velaí que precisemos o autogoberno en moita maior medida ca outros países. O dependentismo, as políticas e cosmovisión dependentistas  empobrecen.

As actitudes políticas dependentistas prexudican o benestar dos galegos

O dependentismo acredita que Galicia é pobre e non é quen de se autogobernar, dependendo da axuda ou suposta solidariedade dun Estado  recentralizado no político e no económico. Tampouco sería quen de promover un desenvolvemento económico baseado nas novas tecnoloxías e  seus propios recursos materiais e humanos, senón só de asumir un rol subsidiario e dependente de Madrid.

Moita xente considera que o dilema entre o dependentismo e o galeguismo é unha lea entre políticos que non atinxe a súa vida cotiá. E están trabucados. Galicia ten unha realidade territorial, poboacional e económica propias e moi diferentes á doutros territorios do Estado, polo que precisamos normativas e políticas propias. A Lei de Costas estatal non resolve os problemas dos nosos núcleos urbanos en dominio público. A  liberalización de horarios e de superficies  comerciais imposta por Rajoy afunde o noso comercio de proximidade e despoboa as nosas vilas e barrios.  A realidade dunha AP-9 dependente dun Estado insensíbel aos nosos problemas de mobilidade e un claro exemplo da necesidade do autogoberno.

O dependentismo olla Galicia como periférica. Mais na economía marítima non o somos, por estarmos xusto a pé da rota entre a canle de Panamá e a Norteamérica atlántica e os grandes portos británicos, Antuerpe e Rotterdam. A transferencia da xestión á Xunta de todos os portos habería xerar grandes oportunidades.

Por outra banda, os nosos alicerces económicos son prescindíbeis no contexto do Estado. Os complexos mar-industria e monte-industria, o séctor lácteo, a produción de enerxía… Nós precisamos moito máis ca outros  do autogoberno. No noso caso é a única vía cara ao benestar.

Galicia ten futuro económico si acredita en si propia. Si  artella por si  as políticas sociais e de promoción empresarial acaídas, aproba as leis necesarias e promove o clima social e empresarial preciso. Mais para facermos todo isto cómpre desbotar o dependentismo e pensar e actuar en clave propia. Pensar en gañador e deixar de confiar na esmola dos outros. Unha esmola  que previamente chuchan dos nosos recursos. @mundiario

Comentarios