O CPXG solicita ao delegado do Goberno que apoie a contratación de xornalistas na Administración

O delegado do Goberno en Galicia con Ángela Fernandez Casal, Marcos Sanluis López e Matilde Vázquez Rojo. / Mundiario
O delegado do Goberno en Galicia con Ángela Fernandez Casal, Marcos Sanluis López e Matilde Vázquez Rojo. / Mundiario
Tamén se lle presentou a José Miñones Conde o Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística.
O CPXG solicita ao delegado do Goberno que apoie a contratación de xornalistas na Administración

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia mantivo un encontro co delegado do Goberno, José Manuel Miñones Conde, para lle solicitar o seu apoio á creación do Consello Estatal de Colexios de Xornalistas e ao Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística. Nas últimas semanas, o CPXG reuniuse tamén con Silvia Valdés Díaz de Freijo, secretaria xeral de medios da Xunta de Galicia, para lle trasladar estas e outras peticións. 

Unha representación da xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, formada por Ángela Fernandez Casal, Marcos Sanluis López e Matilde Vázquez Rojo, reuniuse este martes 12 de xullo na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, para lle expor algunhas das necesidades da profesión e requirir a súa colaboración nos esforzos por afianzar e garantir os estándares democráticos que deben rexer a comunicación nunha sociedade moderna e europea como a de Galicia. 

Concretamente, e dentro das xestións que se están a realizar para conseguir finalmente a aprobación da lei de creación do Consello Estatal de Colexios de Xornalistas, pediuse á Delegación do Goberno o seu aval para as negociacións que se iniciarán en breve co ministro da Presidencia, Miguel Bolaños, e o secretario de Estado de Comunicación, Frances Vallés.

Tamén se lle presentou a Miñones Conde o Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística, o acordo en defensa da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións, para solicitar o seu apoio ao documento.

Secretaria xeral de medios

Así mesmo, o pasado 28 de xuño, Francisco X. González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Pereiro Sánchez, vicedecano terceiro, mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral de medios da Xunta de Galicia, Silvia Valdés Díaz de Freijo, para lle presentar os desafíos do sector a nivel autonómico, como a necesidade dunha Lei de Publicidade Institucional e axudas aos medios, do Consello da Comunicación de Galicia ou da posta en marcha dalgunhas das medidas previstas na lei de medios públicos e que seguen pendentes de implementar.

No encontro trasladáronselle a Valdés Díaz de Freijo distintas peticións para o xornalismo galego, entre elas tamén o apoio á creación do Consello de Colexios de Xornalistas e ao Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística. @mundiario

Comentarios