Xosé Vizoso, sempre presente nos momentos clave do deseño e a arte galega

Morreu aos 75 anos, en Brión (A Coruña), logo de recibir nos últimos meses múltiples homenaxes, xustos recoñecementos para quen transformou o panorama do deseño galego dende o seu labor na cerámica de Sargadelos.
Xosé Vizoso. / FrAn LaREo
Xosé Vizoso. / FrAn LaREo

Foise Xosé Vizoso, mais quedán as súa obras, testemuña dun talento inxente e dunha vocación insobornable pola arte e o deseño. Morreu o 9 de febreiro, aos 75 anos, en Brión (A Coruña), logo de recibir nos últimos meses múltiples homenaxes, xustos recoñecementos para quen transformou o panorama do deseño galego dende o seu labor na cerámica de Sargadelos.

Natural de Mondoñedo (Lugo), Vizoso foi moito máis que un deseñador. Pintor, escultor, ilustrador... un artista total que deixou a súa pegada en cada proxecto que tocou. A súa historia está indisolublemente vencellada a Isaac Díaz Pardo e á refundación de Sargadelos, onde traballou durante 40 anos. Chegou á empresa en 1968, logo de responder a unha oferta publicada en El Progreso, e axiña se converteu, xunto a Xosé Díaz, nun dos nomes clave do deseño galego contemporáneo.

Inspirado pola Bauhaus de Weimar e os constructivistas soviéticos, o seu traballo en Sargadelos marcou un antes e un despois na cerámica galega. A súa obra está presente en centos de pezas que levan o seu selo, moitas delas xa icónicas. A súa colaboración con Edicións do Castro foi fundamental na recuperación da memoria histórica, ilustrando infinidade de libros e achegando a súa visión única á cultura galega.

Vizoso foi un artista sen narcisismo. Alguén que nunca buscou o protagonismo, pero que sempre estivo presente nos momentos clave do deseño e a arte galega. Sei que era crítico co dixital, mais aínda así permitiume no seu día facerlle un debuxo para un artigo titulado Xosé Vizoso, un gran artista sen narcisismo, publicado en MUNDIARIO. Foi un intercambio honesto: el deume un debuxo, eu déille unha peza miña. Pequenos xestos que quedan para sempre na memoria.

Ata sempre, mestre. Grazas polo legado inmenso que nos deixas. Dende a arte aplicada á ilustración, dende o deseño cerámico á recuperación da nosa historia, o teu traballo seguirá inspirando xeracións futuras. Grazas por tanto. @mundiario

Comentarios