O reencontro cun poeta e o descubrimento dun músico

​Sabiamos do poeta Victoriano Taibo. Agora sabemos tamén do músico Luís Taibo. Canta cultura galega por descubrir e coñecer!
Capa do libro sobre Luís Taibo, editado por aCentral Folque e o Consorcio de Santiago. / Mundiario
Capa do libro sobre Luís Taibo, editado por aCentral Folque e o Consorcio de Santiago. / Mundiario

Nos meus tempos de aprendiz de investigador na hemeroteca da Imprenta Fojo, aló na década dos oitenta do século XX, descubrín con enorme sorpresa a estreita e importante relación do poeta compostelano Victoriano Taibo coas miñas terras de Ortigueira, e algo diso escribín nun pequeno ensaio que se publicou por entregas semana tras semana nas páxinas de La Voz de Ortigueira e posteriormente en separata, grazas á xenerosidade do seu director, o sempre lembrado e tan querido por min don David Foxo Salgueiro, que a pesar de que non tiñamos ningún parentesco e de que profesabamos ideoloxías radicalmente diferentes fomos quen de cultivar entre nós durante anos e anos un inmenso afecto e un altísimo aprecio mutuo.

Aquel humilde traballo sobre as letras galegas en La Voz de Ortigueira entre 1916 e 1936 fora realmente un pretexto para eu acceder a toda a colección do semanario local desde a data da súa fundación en xuño de 1916 e ao resto de publicacións periódicas que desde fins do século XIX apareceran en Ortigueira. Debo lembrar aquí que Ortigueira contou con imprenta desde 1888 e que xa ao ano seguinte publicouse o primeiro periódico local: El Faro de Ortegal.

VICTORIANO TAIBO E AS IRMANDADES DA FALA

Victoriano Taibo (Santiago, 1885-Vigo, 1966) estuda a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Compostela. O 28 de maio de 1916, xunto co seu grande e admirado amigo Lois Porteiro Garea, participa na creación da Irmandade da Fala de Compostela. O seu papel como secretario desta Irmandade será fundamental, organizando importantes eventos e intervindo en diversos actos á beira de personalidades como Salvador Cabeza de León, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Ramón Cabanillas, Paz-Andrade ou Lois Peña Novo. En 1918 será tamén un dos participantes na Asemblea Nacionalista de Lugo e un dos asinantes do histórico Manifesto.

O 3 de xaneiro de 1918 Taibo chega a Ortigueira para ocuparse do ensino dos nenos da parroquia de Mera de Baixo nun local que alugara a Sociedade de Instrución Ponte de Mera, unha das moitas sociedades fundadas polos emigrantes en Cuba, que en 1927, co esforzo e co empeño daqueles indianos, inaugura un edificio escolar. Na comarca de Ortigueira Victoriano Taibo coincidirá con dous vellos amigos da etapa universitaria, que foran militantes da Irmandade da Fala de Compostela: Javier e Leandro Pita Romero. A amizade con Leandro, moi vencellado ao semanario local que dixía Jesús Fojo Díaz, fai que o escritor Victoriano Taibo sexa o autor mellor tratado nas páxinas de La Voz de Ortigueira, onde se saúda a súa chegada a Mera de Baixo cunha ampla semblanza súa, se publican diversos textos seus ou se recollen as crónicas das súas conferencias en Ortigueira e Cariño, así como unha recensión crítica sobre o seu libro Da vella roseira ou unha semblanza-apoloxía da autoría de Rafael Fernández Casas, outro mestre que poucos anos despois será tamén contratado noutra parroquia de Ortigueira, na escola da Sociedade de Instrución e Recreo “La Devesana”, en Devesos.

Durante o tempo en que Victoriano Taibo permanece en Ortigueira (de xaneiro de 1918 a outubro de 1921), ademais de dedicarse á docencia, funda a Irmandade Nacionalista de Mera de Baixo en 1919. O movemento das Irmandades da Fala nesta comarca contará non só co traballo afervoado de Victoriano Taibo e doutras persoas do concello de Ortigueira, senón tamén coa colaboración de Lois Peña Novo e Xaime Quintanilla, que en abril de 1918 fan propaganda do ideario nacionalista nas parroquias de Cuíña, Mera, San Adrián de Veiga e San Claudio. Victoriano Taibo incluso asiste á Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 e á de Vigo de 1921 como irmán proveniente de Ortigueira.

É un tempo dunha intensísima actividade social e cultural en toda a comarca. O poeta Victoriano Taibo segue cultivando a literatura e xornalismo e pronuncia charlas e conferencias. En 1921 está presente na colocación da primeira pedra do Escolar de San Claudio, impulsado e pagado igualmente polos indianos. Colabora activamente, así mesmo, coa Sociedade Cooperativa Xuntanza Labrega, vinculada á familia de Leandro Pita Sánchez-Boado, principal impulsor da Federación Agraria de Ortigueira e unha das figuras máis extraordinarias que deu O Ortegal, unha desas personalidades que está a reclamar unha grande biografía.

Xa no terreo máis íntimo, Victoriano Taibo inicia a súa relación amorosa con Carme Rebollar, coa que casa na igrexa de Santiago de Mera en setembro de 1929, tras exercer o maxisterio en diversos lugares (Couzadoiro, Oza dos Ríos, Cambre, Cerdido e Xinzo de Limia), desde 1926 xa como mestre por oposición, logo de aprobar a reválida na Escola Normal de Santiago. Carme Rebollar era irmá de Alfredo Rebollar, militante da Irmandade Nacionalista de Mera e de Izquierda Republicana. Será precisamente el quen presente o mitin de Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo, Víctor Casas e Manuel Gómez Román na parroquia de Mera en novembro de 1935. Tras as eleccións de febrero do 36, Alfredo Rebollar é nomeado alcalde de Ortigueira pola Fronte Popular.

Victoriano Taibo e Carme Rebollar. / aCentral Folque-Consorcio de Santiago.
Victoriano Taibo e Carme Rebollar. / aCentral Folque-Consorcio de Santiago.

En 1930 Victoriano Taibo faise cargo da escola de Morgadáns, en Gondomar, e aí vive coa súa muller e cos fillos case vinte anos, agás os catro que pasou desterrado e suspendido de emprego e soldo en Villalar de los Comuneros (Valladolid) pola súa participación no movemento nacionalista galego. Naquel tempo de barbarie e de terror moitos dos seus amigos son paseados e fusilados, entre eles Rafael Fernández Casas, o mestre da escola laica de Devesos. Na posguerra, Victoriano Taibo, que desde 1926 formaba parte do Seminario de Estudos Galegos, recupera pouco a pouco o seu compromiso coa cultura galega, e en 1948 ingresa na Real Academia Galega co discurso “Rosalía de Castro, precursora da fala”, ao que dá resposta don Ramón Otero Pedrayo nun solemne acto académico que ten lugar no Salón de Actos do Pazo Municipal da Coruña, no que, entre outros, se escoita aquela coñecida estrofa de Taibo que figura no poema que pecha o libro Da vella roseira: “O galego que non fala / na lingua da súa terra / nin sabe o que ten de seu / nin é merecente d´ela”.

Victoriano Taibo morre en Vigo en 1966, onde se xubilara como mestre na Escola de Lavadores, na que exerceu desde 1950. Estudosos das letras galegas como Ricardo Carvalho Calero, Armando Requeixo ou Marta Dacosta téñense ocupado da súa obra, aínda moi descoñecida entre nós. Desde o 2008 o Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración co concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convocan o Premio de Poesía Victoriano Taibo, honrando así a figura deste destacado poeta das Irmandades da Fala, para o que non faltan voces que reclaman o seu Día das Letras Galegas.

En vida, Taibo só publicou dous libros de poemas (Abrente, en 1922, e Da vella roseira, en 1925), e en 2008, a editorial Follas Novas publicou dous poemarios inéditos (Abicedo e Cabrinfollas), ao coidado de Armando Requeixo, que se encargou igualmente do estudo introdutorio. A este mesmo crítico literario debémoslle tamén unha unidade didáctica sobre Victoriano Taibo para alumnado de 4º de ESO e outros traballos como o que publicou no libro Arredor das Irmandades da Fala, coordinado por Luís Cochón, un texto certamente impresdindíbel para achegarnos a esta destacada figura.

O REENCONTRO CUN POETA E O DESCUBRIMENTO DUN MÚSICO

Hai pouco máis de dúas semanas, catro persoas coas que tiven a honra de traballar na Deputación da Coruña coincidindo coas súas responsabilidades de goberno en diferentes mandatos na Vicepresidencia da institución provincial (Xaime Bello Costa, Pablo Villamar, Goretti Sanmartín Rei e Xosé Regueira), quixeron expresarme o seu afecto e o seu aprecio cun xantar, e ao remate do mesmo tiveron a feliz idea de agasallarme e sorprenderme co libro Taibo. Verso libre, da música galega, recentemente editado por aCentral Folque e o Consorcio de Santiago nunha fermosísima edición, da autoría de Alberto Cancela Montes. Ese libro -que moito lles agradezo a estes catro amigos- supuxo para min o meu descubrimento do músico Luís Taibo e o meu reencontro co poeta Victoriano Taibo, que fora obxecto da miña atención na miña mocidade.

Cando agora cruce a Praza das Praterías á altura do número 6, na entrada da rúa da Raíña, non poderei evitar lembrarme que no edificio da Casa do Cabido viviu o poeta Victoriano Taibo cos seus pais e os seus seis irmáns e que tamén alí naceu o seu irmán Luís, que cos anos sería médico, compositor, pianista, director coral e escritor. A familia dos Taibo García, que realmente tivo a casa familiar na Algalia de Arriba, era unha modesta familia da clase media, onde sempre estiveron presentes as inquedanzas culturais, o que levou a que tres dos irmáns cursaran carreiras universitarias. Como o neno Luís mostrou moi pronto habilidades musicais, cando aínda non cumprira os 7 anos ingresou no coro da catedral, o que xa lle asegurou unha educación exquisita no Seminario Conciliar e incluso unha boa manutención e un pequeno ingreso de varios miles de reais.

Nun momento en que o nome de Luís Taibo resoaba a carón de compositores como Montes, Pascual Veiga ou Chané, dá un cambio nos seus estudos, abandona a Teoloxía e comeza a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, onde coincide con Castelao. Ao contrario que o de Rianxo, Luís Taibo destaca como un moi brillante médico, traballando en varios hospitais de Galiza até que en 1908 toma a decisión de emigrar a México, a onde chega tras unha travesía de vinte días.

Partitura de Campanas de Bastavales.. / aCentral Folque- Consorcio de Santiago
Partitura de Campanas de Bastavales.. / aCentral Folque- Consorcio de Santiago

Ao cabo de certo tempo, Luís Taibo retoma a súa faceta como escritor, articulista e conferenciante e a súa paixón pola música, pasando a desempeñar un papel fundamental no Orfeón Gallego de México. Como compositor, Rosalía de Castro será un dos seus principais referentes estéticos. Durante eses anos, e á marxe da actividade cultural e musical, Taibo realiza diversas visitas a clínicas médicas de varios países, viaxando a Harvard, Nova York, Londres e París.

En 1919 e 1930 regresa a Galiza, onde mantén estreitos contactos coas figuras máis destacadas da intelectualidade galega. Tras o 36 non haberá ningunha nova viaxe ao seu país de orixe e aínda que seu irmán Victoriano, que desde mozo tivera os seus desencontros con Luís, convídao a que regrese e se instale coa súa familia en Vigo, o seu estado de saúde non o anima a emprender esa viaxe de retorno, pasando os últimos anos da súa vida postrado nunha cama. O seu pasamento producirase o 18 de abril de 1954, cando lle faltaban once días para cumplir 77 anos.

O libro que agora nos entrega Alberto Cancela -tras quince anos de elaboración, o que dá unha idea da importancia do traballo de investigación- permítenos descubrir e coñecer en profundidade a vida de Luís Taibo e o conxunto da súa obra como compositor, ofrecéndonos tamén algunhas das súas partituras máis importantes, entre as que destacan “Despedida d´o emigrante”, “Campanas de Bastavales”, “Como chove miudiño” e “Cantar t´ei Galicia”, de Rosalía de Castro, e “Voume” e “Río arriba, río abaixo”, do seu irmán Victoriano Taibo.

É unha sorte, un privilexio, ter amigos que nos queren e que saben con que libros nos poden dar horas moi pracenteiras de lectura. @mundiario

Comentarios