Se a perfección non existe, por que loitamos por ser mellores?

A arribada de Antón Andrade de Soutomaior ao Foro da Toxa non decepcionou: o multimillonario, que saúda aos presentes coma un paisán, ofreceu unha ponencia reveladora, chea de suculentas simpatías... É o seu sosego garante de éxito?. / Colección de contos de ciencia ficción
Clip de 'Ciudadano Kane'
Clip de 'Ciudadano Kane'

“Ninguén daba un peso polo noso proxecto, pois xordera dunha iniciativa mundialista que nin o Estado nin a macroeconomía podían capitalizar… A que familia lle interesaría ser desnaturalizada? Aquela fora a primeira traba; interviron magnates da moral que nos pecharon a financiación, colectivos chamáronnos diaños, desvergonzados, destructores… Decidimos comezar pouco a pouco, crear escola. Hoxe, nun proceso histórico meteórico, estamos na Revolución dos nosos tempos”, expresa o mestre na rolda de prensa ofrecida a semana pasada na Toxa durante a congregación do Foro Económico, pois a Base Xenética da Optimización Reproductiva é hoxendía unha fortuna─ á que o CEO recoñece “gardar nun calcetín”─ que ten batido marcas para a ciencia.

Antón Andrade de Soutomaior é eminentemente un investigador con vontade social que ten popularizado a industria da ciencia. Aínda que o seu traballo remóntase a “camiñadas polo monte na pesquisa de herbas mediciñais”, non semella moi consciente de ser xa unha lenda viva e un símbolo para a Humanidade, acollido pola súa familia cada domingo por mor dun imperativo psiquiátrico do que non consegue desfacerse…

  • Vostede, como ser humano biolóxicamente concebido, rebelouse contra a patriarcal institución familiar. Moitas voces ignorantes xulgárono por elo…

Mais acho que non son a primeira persoa na historia que cuestionara as bases dun sistema opresor que oprimiu ao individuo con fonda crueldade. De feito, a dinámica dos tempos ten sido asoballar ás mentes brillantes, roubaren a súa luz e sumirnos na escuridade.

  • É patente en vostede a manipulación xenética: foi viral- unha fama pouco rigurosa- o tratamento químico ao que se prestou para erradicar en si a tendencia ao Alzheimer… E a calvicie.

Iso foi o sinal visible do avanzado grao evolutivo co que contaban as nosas investigacións. Daquela, en verdade, hai vintecinco anos xa tiñamos contratadas as patentes con varias empresas de cosmética, cunha vacina que elimina o xen das canas xunta o vello corporal, que o el é xa ritual entre a mocidade! Non embargante, a miña actual esposa é un clon manipulado dunha doncela húngara do século XVIII: nunca, xamáis a calificaría de artificial, léveme o demo! Olla, ten unha educación exquisita, uns doces modais; ese era o noso meirande obxectivo, a transformación da mente humana. Antes, na eclosión tecnolóxica, primaba unha decadente pobreza cultural…

  • Vostede, permítame, considérase unha sorte de Adán para o amor…?

Lembra cando aquela xente falaba de química nas relacións? Vaites! O único que non podemos crear é unha alma, nin arrebatala, nin pechala nun farol da casa. Se a miña muller deixara de quererme, de certo sería por mor dunha mutación…

  • A principios de século, a revolución sexual semellaba unha evasión… Agora, é un feito a descendencia entre dúas mulleres e dous homes! Cre que acabará mesmo por desaparecer a figura dos pais?

Hei de recoñecer que mantiven dixitalizada á miña naiciña por case dez anos antes de a súa vida apagarse. Mais apoio aquel principio do século XX: a familia á que queres é a que elixes. É verdade que nos procesos de infancia apegámonos a figuras adultas, que non son só os pais! Os mestres, a fe, a patria… Mesmo un mundo interior que protexemos como a forza de vivir. Vémolo nas rúas: os fenómenos tribais, as asociacións, coqueteos e fenómenos sociais. Temos volvido á Era da Inocencia da Civilización, daquela adorábase á natureza…!

  • Competidores/ colegas planexan xa a vida eterna. Están as nosas mentes preparadas?

A mente está en constante transformación, ao igual có universo. A posibilidade de preservar a lucidez por moitas décadas optimizará a experiencia das persoas, asegurará benestar. Vivirmos todos? Alguén aplicou aquela tese mediática da paz eterna que anunciaban as democracias a primeiros de século? Lamento que a sorte e os corazóns nunca serán iguais para todos…

  • Como todo intelectual: está vostede decepcionado coa condición humana?

Non, estou fascinado, porque a vida é algo que só nos acontece unha vez…

Antón (ao que os colegas chaman Toño) bicoume na man ao rematar a entrevista, agardaba por el un helicóptero da BXOR listo para guindalo noutro evento. Expresou na rolda de prensa que tivera gostado de nacer co don da literatura. Os presentes, abraiados, tomamos nota das súas verbas… Estabamos ante o pai de todos os nosos fillos! Tal e como expresaban, afóra, os seus fans. “Tomarei mostra desta man tan grácil”, díxome agarimosamente. É, sen ningunha dúbida, o home do século. @mundiario

Comentarios