Irmandade TV aspira a ser un medio ao servizo do cambio político en Galicia

Aurelio Lópes. / Mundiario
Aurelio Lópes. / Mundiario

MUNDIARIO entrevista a Aurelio Lópes, responsable de Irmandade TV (www.irmandade.tv) que a finais deste mes de abril retoma as emisións, con novidades, como o salto á TDT.

Irmandade TV aspira a ser un medio ao servizo do cambio político en Galicia

MUNDIARIO entrevista a Aurelio Lópes, responsable de Irmandade TV (www.irmandade.tv) que a finais deste mes de abril retoma as emisións, con novidades, como o salto á TDT.

 

"Nós non nos debemos a ninguén", proclama o responsable de Irmandade TV. "Do que se trata agora -explica Aurelio Lópes- é de profesionalizar, facer un traballo serio e rigoroso e de contar cos ingresos publicitarios. Para iso, hai que ter audiencias mínimas."

- Despois duns meses de ausencia, fai un percorrido e balance do que foi Irmandade TV ata o de agora e do que se pode esperar na vindeira temporada:

- Ben, como é coñecido Irmandade TV rematou no verán pasado cun modelo baseado nunha asociación sen ánimo de lucro. Fomos capaces de sacar adiante os programas en directo, con voces cualificadas pasando parte dos actores políticos e sociais máis importantes do país e, polo tanto, a valoración non pode ser máis que positiva. Ese modelo tocou teito ao non ter un “plan de negocio” -por falar nestes termos- e neste intre houbo que pensar en dar un salto ou manter os custos que viñamos mantendo: así xurdiu a idea de formar unha empresa, mirando como capitalizala para ter equipamentos novos e mellorar tecnicamente, así como empezar a emitir. Coa capitalización popular démonos conta que non hai unha sociedade civil forte e comprometida. Na práctica non houbo moita implicación e foi grazas a un grupo reducido de persoas como logramos sacar adiante este proxecto. Estivo en risco a posibilidade de saír e de comezar a emitir na TDT. Por parte dos partidos políticos é moi comprensible posto que nin os propios militantes queren recibir propaganda. Nós non nos debemos a ninguén. Do que se trata agora é de profesionalizar, facer un traballo serio e rigoroso e de contar cos ingresos publicitarios. Para iso, hai que ter audiencias mínimas.

- Afonda un chisco máis nas novidades e intencións neste novo ciclo:

- Esta fase nace nun tempo idóneo: no momento do cambio e de efervescencia  social e política. Queremos contalo, analizalo e contar con todos os actores. En Irmandade TV contarán cun espazo onde manifestarse con total e absoluta liberdade. Aí terán o seu espazo. Cremos que o modelo televisivo, quitando a oferta televisiva estatal, está nun momento onde a televisión pública está ao servizo dun partido e duns intereses políticos moi definidos. No campo do entretemento tamén, pois é un entretemento banal e idiotizante, para aborregar. V Televisión xoga a baza, cos convidados, dunha maior pluralidade aparente. Pero non hai que ser inxenuos e hai que saber quen é o dono do Grupo La Voz e as ideas que profesa. Esa liña editorial é fundamentalmente de interese comercial. Entón cremos que podemos coller o mellor dunha e da outra: da pública que é unha televisión en galego e que pensa no territorio principalmente. Da privada (V Televisión) queremos saber coller ese toque moderno e urbano. O target da TVG é o rural, sen interesarlle o demais. No caso da privada é o contrario. Queremos o punto de virtude de coller o mellor das dúas. Este medio de comunicación ten unha liña editorial pero todas as voces terán cabida como xa demostramos na temporada pasada. Queremos democratizar o escenario, pois os sectores galeguistas, progresistas e de esquerdas non teñen un referente amplo a nivel audiovisual. Queremos converternos na televisión de todos eles.

- A nivel técnico e de contidos, que máis nos podes adiantar? :

- A gran novidade vai ser emitir todos os días, de luns a venres, con programación: información a nivel galego e internacional, económico, social, deportes, etc… Analizarase posteriormente a actualidade n´O Debate con xornalistas, politólogos e líderes de opinión e políticos de todo tipo. Completarémolo con deporte: é necesario non facer telelixo co deporte. Habitualmente non se fala de deporte nos programas de deporte. Non se fala de fútbol nin dos goles, se non que se fai sensacionalismo e se fala do que cobran, cando saen de festa e con quen… queremos que os luns se fale de deporte, mesmo a nivel internacional, e tamén dos deportes emerxentes coma deportes femininos,  fútbol gaélico, billarda e mesmo pensamos en poder retransmitir en directo algúns partidos nun futuro. A terceira pata sería a axenda cultural: novidades literarias, poesía, música, escultura, pintura… Pouco a pouco tamén emitiremos pola mañá actos, retransmisións en directo ou roldas de prensa. Sería bo ver as preguntas dos xornalistas e non só as pílulas que botan os demais medios sobre as declaracións dos políticos.

- Que peso vai ter cada sección?:

- A aposta fundamental é a información e a opinión. O informativo, presentado por Sara Torreiro, vai adquirir moita relevancia. Nos queremos que a xente se entere de todo o que pasa e, ademais, se entere doutras cousas que non saen nos medios masivos. A opinión a través d´O Debate seguirá sendo o outro gran espazo, e irán collendo peso outras seccións coma os deportes, a cultura ou o humor. O venres non haberá debate e, despois do informativo, haberá espazo para esa terceira pata.

- Como foi o salto á TDT, e que se espera desta decisión? :

- Como todo, os custes dependen dos ingresos. O problema non é si é moito ou pouco diñeiro, se non a capacidade para facer fronte. Na TDT teremos uns custes maiores pero tamén unha capacidade de retorno de ingresos que non tiñamos unicamente a través da web. Dalgún xeito creo que se está abrindo un ciclo positivo para este tipo de empresas de comunicación. Os espectadores, iso si, poderán consumir contidos gratuítos e de calidade. É moi necesario para nos o salto á TDT, permitíndonos chegar a mais xente e faixas de idade. Non chegaremos ao 100% do territorio pero si ás densidades de poboación maiores. Cumpriremos pois unha función social importante, como medio de comunicación. En R os contidos poderán despezarse e ver en directo e tamén, coma en Internet, a posteriori.

- Que valoración fas da pluralidade dos medios que teñen unha óptica que pode sintonizar con Irmandade TV? Ves posibilidade de establecer algún tipo de sinerxia de cara ao futuro con algún deles? Sería necesario e bo que iso acontecese, respectando as liñas de cada un?

- Sinceramente véxoo difícil. Os editores querémonos moito e todos consideramos que somos os mellores e os mais capaces. Todos aspiramos a que o noso sexa un grupo multimedia que colla radio, papel, dixital, televisión … probablemente ningún consiga ser o medio hexemónico que o capitalice todo. Pero si, sería desexable. Non é o mesmo cinco empresas que unha empresa. Para poder facer información de calidade, profesionalidade e bos contidos fai falla diñeiro. Iso facilitaría responsabilidades máis definidas, mellor profesionalización, planteis máis amplos, potentes e multidisciplinares. Para poder ter boa información, falamos de diñeiro, evidentemente. Claro que sería bo! Pero tamén é bo definir e destinguir os medios controlados daqueles medios máis independentes. Unha cousa é simpatizar, e outra estar ao servizo dalguén. Hai que ter ollo coa relación co poder político. Para nós os aliados son aqueles medios que estean situados en coordenadas galegas e progresistas e serán as nosas principais fontes informativas, agás das propias ou de axencias. Para analizar a realidade contaremos con todos: Luzes, Praza Pública, Sermos Galiza, Radiofusión, O Sil, Galicia Confidencial, Tempos Novos, etc… todos eles concibímolos como aliados e referentes. E seguro que nos tamén o seremos deles. O noso formato permitirá poñerlle rostro a todos. Ogallá sexa o inicio de liñas noticiables conxuntas.

- Motivos polos que hai que seguir este proxecto máis de preto que ata o de agora:

- Os que deben estar mais interesados son todos aqueles que compartan, de entrada, a nosa liña editorial: os sectores da xente progresista e galeguista, entendida amplamente. Ao final vainos ver quen queira e considere que os nosos contidos son atractivos. Este medio vai ofrecer cousas que non ofrecen outros e, daquí a uns meses se todo vai ben, os principais líderes políticos terán que erguerse pensando o que diremos. Seremos útiles e influíntes na medida en que os profesionais e os cidadáns que nos vexan nos impliquemos co cambio. Aquí o contaremos, así que esta será a súa casa.

Comentarios