As lecturas diverxentes que se poden facer da victoria electoral de Syriza

Alexis Tsipras, líder de Syriza.
Alexis Tsipras, líder de Syriza.

Na grande maioría dos comicios está presente a lóxica do mal menor. Semella que Syriza foi o principal beneficiario dun mecanismo de defensa ante o eventual retorno dos partidos tradicionais.

As lecturas diverxentes que se poden facer da victoria electoral de Syriza

Na grande maioría dos comicios está presente a lóxica do mal menor. Semella que Syriza foi o principal beneficiario dun mecanismo de defensa ante o eventual retorno dos partidos tradicionais.

O resultado das elección gregas celebradas o día 20 de setembro admite varias lecturas posíbeis. Cabe pensar, por exemplo, que esta  vitoria de Syriza representa, ao cabo, un triunfo da “troika” despois da dura batalla desenvolvida a partir do sucedido nos comicios do pasado mes de xaneiro. Os compromisos programáticos asumidos polo candidato Tsipras foron a derivación lóxica do axuste acordado entre os poderes de Bruxelas e o goberno grego. Nestes nove meses rexistrouse unha mudanza substantiva nos dirixentes de Syriza –e case ningunha nos seus interlocutores da UE- que levou aparellada a escisión dunha parte da organización e a conformación dunha oferta electoral alternativa (a chamada Unidade Popular).

Mais, tamén, pode ser formulado un relato diferente. As urnas non avalaron o conxunto das pretensións da “troika”. Aínda que os defensores das posicións mais antitéticas aos designios dos poderes fácticos europeos (KKE, Unidade Popular e, noutro plano, a extrema dereita de Aurora Dorada) ficaron en posicións nidiamente minoritarias, nos despachos de Berlín desexaban que o goberno de Grecia estivera nas mans dos partidos (Nova Democracia e PASOK) que teñen acreditado unha absoluta fidelidade aos plan trazados nas chancelerías europeas mais determinantes. O ministro Margallo, con esa incontinencia verbal que o caracteriza, confesou a súa decepción pola continuidade de Tsipras.

Por qué os votantes descontentos coa nova orientación de Syriza ficaron na abstención  e apenas reforzaron ao grupo escindido que ficou sen representación parlamentaria? Qué motivos explican o mantemento dun importante nivel de confianza nun líder que renunciou ao núcleo duro da alternativa coa que fora elixido no comezo do presente ano? A falta de datos suficientes para respostar, con total rigor, a semellantes preguntas, pódese pensar que unha parte relevante do electorado outorgou unha nova oportunidade a Tsipras por dúas razóns: a inexistencia, polo momento, de prácticas corruptas na traxectoria da organización que preside e o talante democrático que practicou nestes meses. Se comparamos a recente experiencia grega co que vivimos no Estado español no ano 2010, a diferenza resulta evidente: Zapatero modificou radicalmente os seus compromisos electorais sen convocar novas eleccións que permitiran o pronunciamento expreso do corpo social.

Na grande maioría dos comicios está presente a lóxica do mal menor. Nesta ocasión, semella que Syriza foi o principal beneficiario dese comportamento. Seguramente operou un derradeiro mecanismo de defensa ante o eventual avance dos partidos tradicionais e o que iso significaba: o regreso indiscutíbel aos comportamentos políticos que propiciaron a desfeita que está padecendo a sociedade grega.

Comentarios