Carta a Pablo González Mariñas

Pablo González Mariñas, político, profesor e colaborador de MUNDIARIO. / Xurxo Lobato

O compromiso de Pablo González Mariñas co País foi, sempre, nidio e robusto. Así consta en tódalas súas intervencions e actuacións políticas. Ninguén pode discutilo.

Benquerido Pablo: Sentín non poder estar contigo e co resto dás persoas que este venres 8 de xullo che renderon unha homenaxe na Coruña. 

Mais elo non me impide amosar públicamente ou meu recoñecemento ao teu traballo e esforzo en reivindicar, de xeito constante, unha Galicia mais próspera e mellor.

O teu compromiso co País foi, sempre, nidio e robusto. Así consta en tódalas túas intervencións e actuacións políticas. Ninguén pode discutilo.  

Fuches quen de antepoñer os lexítimos intereses persoais ás necesidades e obrigas que esixía Galicia en cada momento.

 

Homenaxe a Pablo González Mariñas na Coruña. / Xurxo Lobato

Homenaxe plural e de convencemento

Por todo isto resulta obrigado esta homenaxe que che renderon tantas e tantas persoas e amigos, independentemente dá súa adscrición política e ideolóxica. 

Tratouse dunha homenaxe plural e de convencemento. Non de outorgamento. Porque ti segues sendo un referente activo no que mirar e ao que acudir constantemente.

Xuntos no Goberno de Galicia 

A nivel moi persoal quero agradecer a túa colaboración prestada naquel Goberno de Galicia, onde soupemos interpretar as demandas dos cidadáns e logralas converter en accións políticas plausibles e viables. 

Non cabe dúbida algunha de que esa etapa suliñou unha importante senda de progreso e de benestar colectivo, así como a definición dun verdadeiro camiño a prol dunha presenza viva e activa tanto na vida cotián dos galegos como nos espazos europeos e da emigración. 

Actuamos en tódolos eidos con nobreza, solidariedade e confianza recíproca, buscando acordos con todos aqueles que querian o progreso; pasos e avances que permititon acadar elevados niveis de eficacia e de confianza no futuro de Galicia.

Non serei eu quen faga un relatorio do que fixemos, deseñamos e bosquexamos. So dicer que para iso está a hemeroteca para a súa comprobación.

Coma ben sabes, resistiriamos calquer exame e avaliación. E, ao final, teriamos moi boa nota.

Lembro aqueles ilusionantes faladoiros no Boston, no Café de París da Coruña e tamén en tantos outros lugares onde comenzabamos a edificar e a fortalecer unha amistade, vixente dende entón. E xa fai anos.

Compromiso co País robusto e renovado  

Sei, asemade, que ou teu compromiso co País segue robusto e renovado tódolos días.

Do mesmo xeito, sei que concordaremos na necesidade de artellar innovadores mecanismos de cooperación e de colaboración entre todos aqueles que estamos a demandar a posta en marcha de programas e actuacións que permitan reforzar tanto a imaxe de Galicia como os necesarios cambios e adaptacions aos novos tempos.

Remato, unha forte aperta, e coma dician aqueles galeguistas da época, sempre teu.


Fernando González Laxe, Presidente que foi do Goberno de Galicia (1987/1990).