Unha homenaxe recoñecerá a contribución ao autogoberno do exconselleiro González Mariñas

Pablo González Mariñas. / RR SS
Pablo González Mariñas. / RR SS
Colaborador de MUNDIARIO, foi durante anos político, escritor e profesor universitario de Dereito Administrativo. Representa un dos principais valores do Dereito Público galego.
Unha homenaxe recoñecerá a contribución ao autogoberno do exconselleiro González Mariñas

O exconselleiro de Presidencia e Administración Pública e voceiro da Xunta de Galicia (1987-1990), deputado do Parlamento de Galicia (1981-1989 e 2005-2009) e profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade da Coruña Pablo González Mariñas será obxecto dunha homenaxe nacional este 8 de xullo, venres, na Coruña.

Pablo González Mariñas, colaborador de MUNDIARIO, foi durante anos político, escritor, profesor universitario de Dereito Administrativo e membro do Partido Galego Independente e deputado pola UCD no primeiro Parlamento de Galicia.

Tras ser un dos fundadores de Coalición Galega, en 1985 encabezou a escisión do sector máis nacionalista, que deu orixe ao Partido Nacionalista Galego. Foi conselleiro da Presidencia e deputado polo BNG. 

No seu ámbito profesional, Pablo González Mariñas representa un dos principais valores do Dereito Público galego.

Ferreño na defensa dos intereses e da personalidade nacional de Galicia

A comisión organizadora do acto, conformada por diversos sectores da sociedade, da cultura, da economía, da política e da universidade galegas, quere recoñecer así a delongada traxectoria de González Mariñas en defensa dos intereses políticos de Galicia, a súa contribución ao desenvolvemento do autogoberno e da súa Administración Pública e a súa contribución "ao noso Dereito e á nosa Universidade", indica nunha nota de prensa.

Pablo González Mariñas amosouse sempre ferreño na defensa dos intereses e da personalidade nacional de Galicia, seguindo o ronsel de tantos outros persoeiros do galeguismo, como o seu tío Jenaro Marinhas del Valle. E esta firmeza soubo combinala cun espirito moderno, pluralista e democrático, baseado nos valores da liberdade, do diálogo e do progreso económico e social. Velaí o motivo polo que un importante número de antigos e antigas compañeiros e compañeiras nos eidos da política nacional galega, a Universidade ou a práctica do Dereito, a cultura ou a literatura, canda persoas da súa familia e boas amizades, está detrás desta homenaxe que terá lugar dende as 13:30h no restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro da cidade da Coruña. @mundiario

Comentarios