O debate en torno ás Confluencias amosa as limitacións estruturais do BNG

O BNG rexeita a proposta de Fronte Ampla de Rufián, a pesar da febleza dos soberanistas nas Xerais e aínda que o político catalán é homólogo ideolóxico seu.
Ana Pontón, líder del BNG y Gabriel Rufián, portavoz de ERC. / BNG
Ana Pontón, líder del BNG y Gabriel Rufián, portavoz de ERC. / BNG

A comezos do outono de 2016 o BNG atopábase profundamente debilitado: sen representación no Parlamento español, con menos poder institucional local e con serio perigo de ficar fóra do Hórreo. Por se isto fose pouco, ata tres exportavoces nacionais déranse de baixa da fronte nacionalista: Beiras, Quintana e Vence.

Ademais, a formación soberanista decidiu non ir coaligada ás Autonómicas de 2016 cunha En Marea entón en expansión, polo que o risco de non acadar parlamentarios nalgunha ou en todas as provincias era bastante elevado. Os precedentes recentes (Xerais de 2015 e 2016) indicaban que En Marea obtivera 6/23 e 5/23, respectivamente, fronte aos 0/23 de Nós-Candidatura Galega: a coalición electoral da que formou parte o Bloque nesas dúas citas electorais.

Porén, os de Pontón quen debutou nos comicios autonómicos de setembro de 2016 resistiron e obtiveron 6/75 actas e salvaron a representación nas catro circunscricións. A decisión foi un éxito de mínimos, xa que permitiu racionalizar os votos da esquerda, mais non evitou o triunfo por maioría absoluta (41/75) do PPdeG.

A partir de entón, a extraordinaria labor da sarriá permitiu que o BNG crecese ata os 25/75 escanos no Parlamento Galego (2024) a partir, en boa medida, de ser capaz de articular propostas máis convincentes desde a moderación.

Sen embargo, hai varios indicadores que amosan que o BNG non é un partido estruturalmente forte en Galicia. Imos enumeralos

:

 1. O BNG é unha forza moi feble nas eleccións xerais: só ten 1/23 escanos e é a cuarta candidatura (2023), por detrás de Sumar. Isto é indicativo da solidez organizativa de PP e PSOE, do sentimento fortemente unionista entre os galegos, así como do notable impacto que os temas de ámbito español teñen neste tipo de eleccións.

2. Se ben é certo que o BNG logrou un considerable número de votos de abstencionistas en 2024, o seu crecemento foi moi debido aos desastres electorais do espazo de En Marea (2020) e do PSdeG (2024). De feito, a esquerda segue, como en 2016, a catro escanos da maioría absoluta (34/75).

3. Se hai un partido no que sexa perceptible a disociación ideolóxica entre o aparato orgánico e o electorado, ese é o BNG. Así, a pesar da renovación programática e de márketing que fixo Ana Pontón nesta formación, o sector dominante segue sendo a UPG (independentista e marxista), cuxa conexión coa socioloxía política é mínima. De feito, os anos de forte baixada electoral do BNG (2012-16) coincidiron coa preponderancia da liña independentista no partido. A actual portavoz nacional é membro desta organización comunista, aínda que o seu perfil é máis pragmático. 

En contraposición, a maior parte do electorado do BNG é galeguista (mais non independentista), socialdemócrata/esquerda alternativa e rexeneracionista. Este amplo sector de votantes valora por riba de todo a seriedade, traballo, amor a Galicia (desenvolvemento económico, igualdade, servizos públicos, ecoloxía e cultura), os éxitos de xestión local do BNG e a bondade dos seus representantes.

Noutras palabras, os líderes do BNG son máis nacionalistas que os seus votantes. Por tanto, un BNG ao estilo ideolóxico do federalista Compromis pero en versión galega representaría mellor socioloxicamente ao galeguismo progresista de ámbito propio.

4. A socioloxía galega é maioritariamente de centroesquerda (apablo.com, febreiro de 2024), unionista e autonomista: en torno ao 97 % dos galegos queren seguir sendo españois e 4/5 deles defenden o autogoberno, segundo o CIS de outubro de 2018. En contraposición, o BNG adopta accións que son vistas como alonxadas da cidadanía:

-Empregar ás veces unha linguaxe lusista, como o termo “Galiza”.

-Non renunciar á independencia.

-Non aclarar a cuota de asignaturas en castelán que eles defenden no ensino.

-Non cooperar o suficiente coa esquerda estatal.

Este último indicador require unha análise máis específica. Así, o BNG transmitiu moitas veces unha actitude de desconfianza ou falta de entusiasmo cara ás organizacións non partidistas da esquerda estatal (por exemplo, o Movemento 15-M ou os sindicatos CC OO e UXT) ou aos propios partidos vermellos de ámbito español. Mentres establecen alianzas nas Europeas —que son impopulares, ademais— con formacións co centro de decisión fóra de Santiago (ERC/EHB), néganse a maximizar o voto nas Xerais, a pesar dos constantes fracasos: 0 escanos en Lugo/Ourense en 49 anos de monarquía parlamentaria (dende 1977), 0 escanos en Pontevedra en tres décadas (1977-96 e desde 2015) e 0 escanos na Coruña en 23 anos (1977-1996 e 2015-2019).

Recentemente, alguén non sospeitoso de “nacionalista español” como Gabriel Rufián plantexou unha Fronte Ampla de esquerda alternativa plurinacional para o Congreso. Vir de alguén da esquerda independentista e non ter representación en 3/4 das provincias non foron motivos suficientes para convencer ao BNG, que rexeitou esta proposta.

Como podemos ver, os cadros dirixentes do BNG teñen posicionamentos que encaixarían mellor na socioloxía política de Gipuzkoa ou Barcelona, pero non na galega. As intencións positivas a nivel galego, español e europeo, así como as boas accións no ámbito local non son suficientes para liderar unha maioría social desde San Caetano/Hórreo nin para acadar representación no conxunto de Galicia nas Xerais. A oposición á proposta de Rufián amosa, unha vez máis, esta rixidez ideolóxica.

Se prestamos atención a dous indicadores electorales, en 2015 (Xerais) En Marea sacou 408.370 sufraxios fronte aos 70.464 de Nós-CG: 478.834 galegos apoiaron á esquerda transformadora.

En 2024 (Autonómicas), o BNG obtivo 470.692 papeletas. Sumar, 29.009; Podemos-AV, 4.420. En total, hai electoralmente 504.121 persoas en Galicia (33,56% dos votos) que son afíns á esquerda alternativa e cun sentimento galeguista. Pero gañan abrumadoramente os non secesionistas.

En conclusión, o BNG é un partido que peca de esencialismo nacionalista nunha sociedade que non o é e desaproveita as oportunidades que se lle ofrecen de maior rendabilidade electoral.

Neste sentido, en Galicia existe unha masa de esquerda renovadora e galeguista en torno ao medio millón de sufraxios e que pode ser aínda maior. Non saber xestionala electoralmente supón un enorme fracaso para as formacións vermellas.

O BNG é un partido forte e autosuficiente en Autonómicas, polo que neste ámbito as alianzas serían contraproducentes. Pero nas Xerais a febleza do Bloque é moi considerable.

Rematamos este artigo cunha enquisa do CIS de febreiro de 2024, xusto antes das Galegas de hai dous anos: o BNG tiña unha previsión de entre 24-31 escanos e obtivo 25: Tezanos mostrou o teito socioelectoral dos nacionalistas galegos: un posicionamiento a 7 escanos da maioría absoluta e liderando a Xunta.

Pero se as causas non mudan, tampouco o farán os resultados. @mundiario

Comentarios