Quo vadis Europa?
Si analizamos con obxectividade a realidade actual da Unión Europea resulta imposible negar a profunda incerteza económica que atravesa pero da que non se pode culpar en exclusiva a pandemia da COVID.19 e/ou a guerra en Ucraína por que ven de anos mais atrás. Unha situación froito dun dogmatismo ideolóxico (ordoliberalismo) que provocou que nas últimas décadas se vira sacudida por unha serie de crises recorrentes -bancaria (2007-2008), euro (2009-2016), débeda soberana (2009-2018), pandemia (2019-2023) e guerra en Ucraína (2014-....)- que manteñen a Unión Europea nunha permanente inestabilidade e cuestionan o chamado “sono europeo”.
Para facer fronte a crise bancaria, derivada das malas prácticas da gran banca, as autoridades europeas, baixo o liderado alemán, impuxeron en toda a zona euro unha “austeridade expansiva”, especialmente dura nos estados chamados PIIGS (Portugal, Irlanda, Italia, Grecia, España) xustificada co argumento de que estes viviran por riba das súas posibilidades. Unha estratexia que esixía fortes recortes no gasto público e rebaixas nos salarios dos traballadores. Unha estratexia que ía contra toda lóxica macroeconómica pero que tiña como obxectivo real derivar fondos públicos ao rescate bancario (entre 250 e 300.000 millóns de euros).
Como era previsible esta estratexia provocaría que o que comenzou sendo unha crise bancaria se convertera nunha grande depresión que frearía o crecemento económico (o PIB europeo no 2015, en termos reais, foi inferior ao do 2007), dispararía o desemprego (10,5% na zona euro) e non evitaría que as débedas soberanas seguiran medrando (93,5% do PIB na zona euro).
Favorecida pola propia estrutura do sistema monetario europeo esta estratexia provocaría o que se deu en chamar “a crise do euro” que puxo en cuestión, por mor dos ataques dos axentes especulativos, a propia existencia da divisa europea. A resposta das autoridades comunitarias (BCE) seria a posta en marcha dunha política monetaria expansiva (expansión cuantitativa) que si ben evitou a crise do euro non conseguiu que a abondosa liquidez chegara a quen mais a precisaba (familias, pequenas e medianas empresas,...) senón que serían os grandes bancos e as grandes empresas quen se aproveitarían dela para, por caso, sanear balances, comprar e vender accións que farían subilos valores das mesmas e especular con divisas e alimentos.
Polo camiño estalaría a crise da débeda en Grecia que realmente foi unha crise xeral das débedas soberanas na eurozona -chegarían superar no conxunto o 100% do PIB- quedando en evidencia que a maioría dos estados non eran quen de facer fronte aos pagos. Crise que se agudizaría primeiro coa pandemia, que obrigou a tódolos estados europeos a tirar do gasto público, e posteriormente coa guerra en Ucraína e que romperían a cadea de valor mundializada, dispararían a inflación e farían que practicamente ningún estado da eurozona fora quen de cumprilos obxectivos de débeda e de déficit fixados no PEG . Unha situación que obrigou as autoridades europeas a flexibilizar os principios fiscais e, incluso, a utilizar os desnostados estímulos.
Pero novamente presa dos seus dogmas, as autoridades europeas na loita contra a inflación optarían polas políticas monetaristas o que supuxo deixala nas mans exclusivas do BCE quen optaría por subilos tipos de xuro (BCE). Unha decisión que atrasará a recuperación económica, fará medrar o desemprego e as desigualdades e disparará aínda máis as débedas: o PIB/per capita da eurozona no 2022 foi, en termos reais, o 86% do 2007: Quo vadis Europa?. @mundiario