Por qué a extrema dereita sube en Europa?
Un dos fenómenos políticos mais preocupantes que se ten producido en Europa nos derradeiros anos é a crecente relevancia que están adquirindo os partidos de extrema dereita como pon de evidencia tanto a súa presencia no Parlamento Europeo coma en gobernos e parlamentos nacionais ((Alamana, Austria, España, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Letonia, Polonia, Suecia..). Unha dinámica que as derradeiras eleccións municipais e autonómicas celebradas en España o pasado 28 de maio non viñeron mais que a confirmar. A verdade é que dende fai mais dunha década en cada elección que se celebra nalgún Estado da Unión Europa prodúcese un ascenso da extrema dereita. Unha situación que non ten visos de cambiar xa que tódalas enquisas confirman esta tendencia para as seguintes eleccións e que se produce nun contexto político marcado pola elevada abstención nas sucesivas contendas electorais, que si ben é certo que favorece o crecente protagonismo da extrema dereita europea ten, na opinión de quen isto escribe, varias explicacións.
En primeiro lugar resulta evidente que as elites políticas e mediaticas europeas, aprisionadas nunha mediocridade política e intelectual asombrosa, non lle prestan as políticas comunitarias a atención que lles debera corresponder tendo en conta a relevancia das decisións que toman entidades como, por caso, a moi poderosa Comisión Europea e o propio Banco Central Europeo (BCE). Un menor interese que inflúe negativamente na atención cidadán deica Europa.
En segundo lugar que logo das suicidas cesións de soberanía que teñen feito os estados europeos na derradeira década, e que están plasmadas nos tratados asinados, tanto a Comisión como o Banco Central teñen un poder de decisión determinante sobre aspectos claves e decisivos da política económica dos estados membros: políticas fiscal, monetaria, laboral e comercial. Un poder que aposta por unha clara orientación neoliberal que ten como consecuencia que as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais acaden na Unión Europea niveis nunca vistos dende a súa constitución. Desigualdades e desequilibrios que afectan as condicións de vida e de benestar da maioría da poboación europea e que crean un claro e indiscutible malestar, un euroescepticismo, aguzado polo secretismo e a falta de control democrático con que actúan institucións tan poderosas. Un euroescepticismo que a xestión comunitaria da pandemia da COVID.19 e da guerra en Ucraína viu a incrementar notablemente.
Estes dous fenómenos combinados levan a que o malestar cidadán se oriente deica posturas xeófagas e racistas que son aproveitadas e estimuladas polas forzas de extrema dereita sen que as forzas democráticas sexan quen de combatelas debidamente. Así vemos como, por caso, medra o sentimento de rexeite deica a poboación inmigrante (que lle quita a “poboación branca” os empregos, condenándoa ao paro, e tamén lle rouba a seguridade social) froito de un claro descontento deica a situación presente cuxas causas aparecen difusas por mor de que as forzas maioritarias apoian as políticas austericidas e de recortes que aplican as institucións europeas e os propios gobernos nacionais.
Non estamos, nin moito menos, nunha situación parecida a que atravesou Europa nos anos trinta do século pasado. Pero resulta indiscutible que o camiño trazado polos gobernos europeos e as institucións comunitarias dende os Tratados de Maastricht e Amsterdam favorece que medre entre a cidadanía europea o desencanto coa Unión Europea actual ao tempo que crea un caldo de cultivo moi favorable para o auxe das forzas de extrema dereita e nivel europeo e nacional. Unha forzas que son profundamente antieuropeas e que, paradoxalmente, tamén son moi criticas coa mundialización neoliberal.
Unha extrema dereita que emprega un discurso diferente ao tradicional, que sabe utilizar e beneficiarse das redes para aproveitar o desencanto das clases populares europeas coas forzas das esquerdas por que abandonaron fai tempo as políticas publicas progresistas ao tempo que tamén abandonaban as mobilizacións sociais. Unha extrema dereita que tamén sabe aproveitar en beneficio propio ese baldeiro e a “crise existencial” que afecta especialmente a unhas clases medias que están vendo como os seus valores tradicionais (familia, traballo, benestar, nación...) xunto ao seu “way of life” se desmoronan cada vez mais ameazados pola mundialización neoliberal.