Xunta e Goberno do Estado amosan falla de vontade e aptitude para resolver a crise de Alcoa

Clamor social en A Mariña. / Twitter
Clamor social na Mariña. / Twitter

Resultou ben rechamante a participación na demostración cidadá da Mariña do secretario xeral do PPdeG, máis do secretario xeral in pectore do PSdeG, que son problema e non solución.

Xunta e Goberno do Estado amosan falla de vontade e aptitude para resolver a crise de Alcoa

Segue sen haber acordo para a venda da fábrica de aluminio primario de Alcoa en San Cibrán. Nin a Xunta nin o Goberno do Estado saben nin queren usar as súas competencias industriais, que pasan pola adquisición, quer voluntaria, quer  expropiatoria da fábrica e posterior venda a terceiro ou explotación partillada cun socio industrial.

Resultou ben rechamante  a participación na demostración cidadá da Mariña (das tres Mariñas) do secretario xeral in pectore do PSdeG, Valentín G. Formoso, e maís do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que son problema e non solución.

Ano e medio de inacción, idas e voltas da ministra española e do vicepresidente galego evitando as solucións que ofreceron na primavera de 2020: a merca a baixo prezo ou expropiación  por parte do grupo industrial público estatal, a SEPI (coa participación que cumprise do Goberno galego) da factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrán, factoría estratéxica ao 100%, pois que precisamos producir aluminio primario na Galicia e mesmo na Europa, para fornecer as necesidades da nosa construción, automoción, produción de teléfonos móbiles e computadoras de mán,  industria farmacéutica, cervexeira e alimentaria. O prezo do aluminio primario medrou desque comezou a pandemia un 54%. Alguén pode negar esta industria como estratéxica?

Se é estratéxica esta industria, a Xunta e o Goberno do Estado poderán intervir a factoria exercendo cadansúas competencias, consonte co Dereito europeo e mesmo podería funcionar ben de anos unha empresa pública, quer estatal, quer galega, quer mixta, que desenvolvera esta actividade empresarial estratéxica. O Estatuto de Galicia, a Constitución e o Dereito Europeo regulan esta opción como posíbel, como ben estudou e desenvolveu o profesor de Dereito Administrativo da UDC, Carlos Aymerich, na primavera de 2020. Mesmo abondaría cun Decreto-Lei estatal expropiatorio, tendo en conta a urxencia da mesma. O xusto prezo sería moi baixo, de certo, ben lles consta aos xefes de Alcoa.

Ferramentas para resolver esta situación abondan

Mais Alcoa é evidente que non quere vender, porque non quere competencia nun mercado internacional que quere aínda máis restrinxido. E está a se aproveitar da falla de ideas e capacidades negociadoras destes dous Gobernos, español e galego, que amosan non ser quen a desenvolver, non xa políticas industriais, senón mesmo accións illadas en defensa dun campión empresarial.

Cómpre, porén, lembrar o que hai 16-17 meses lembraba o xornalista galego José Luis Gómezeditor deste MUNDIARIO: i) Alcoa adebeda máis de 40M€ polo incumprimento das subvencións recibidas, moito máis evidente logo de que foi defintiva a sentenza do TSXG que acordou a nulidade do ERE laboral de 2020, ii) xestiona en exclusiva un porto e unha estrada que serven á súa moi rendíbel e estratéxica produción de alúmina, e iii) ten unha moi grande responsabilidade na balsa de refugallos ambientais de máis de 87 ha. xerada pola súa actuación industrial.

Xa que logo, ferramentas para negociarmos con Alcoa e resolver esta situación abondan. Mais a Xunta e o Goberno do Estado nin saben, nin valen, nin queren. @mundiario

Comentarios