Momento crítico para a industria galega

Planta de Alcoa en A Coruña.
Planta de Alcoa en A Coruña.
O anuncio de peche de Alcoa, Siemens Gamesa e Vestas, engádese a falta de carga de traballo en Navantia e Barreras e a transición enerxética co cese de actividade das térmicas.
Momento crítico para a industria galega

O contexto do sector industrial e do emprego industrial en Galicia permítenos coñecer datos obxectivos e facer unha referencia as consideracións que desde o CES Galicia realizamos na nosa memoria e que atesouran o valor de ser propostas que concitan o consenso na nosa institución.

Segundo os datos das contas económicas trimestrais do IGE, no ano 20 o sector servizos xeraba o 64,1% do PIB galego, en tanto que o sector industrial supoñía o 15,9 % do PIB (11,3% a industria manufactureira) e a construción e o sector primario, o 6,7 % e o 4,9 % do PIB, respectivamente. O 8,3 % restante corresponde aos impostos netos sobre os produtos. Esa é a foto do 2020: Pero cal foi a evolución dos derradeiros anos?

Se partimos do ano 2008, obsérvase un descenso do valor engadido bruto (VEB) xerado polas ramas industriais, entre os anos 2008 e 2012, e unha recuperación da variación positiva entre os anos 2012 e 2018. No ano 2019, derradeiro antes da pandemia, o sector industrial galego, considerado no seu conxunto, presenta unha contracción na xeración do VEB. É unha contracción lixeira ( 1,3%) pero racha coa senda positiva que arranca no 2012. Non obstante esa contracción non é homoxénea, posto que a industria manufactureira medra un 0,9 % entre 2018 e 2019. Entre os anos 2014 e 2018 o crecemento medio do sector industrial foi do 2,8 % en tanto que no sector manufactureiro esa taxa ascendía ata o 4,8 %.

A evolución do VEB ten a súa correspondencia no emprego con datos que sen dúbida temos que considerar preocupantes

Esta evolución do VEB ten a súa correspondencia no emprego con datos que sen dúbida temos que considerar preocupantes: Entre o 2008 e o 2014 obsérvase un descenso do emprego na industria, pasando de 215.200 (17,9 % dos ocupados galegos) a 131.125 afiliados a seguridade social no 2014. Descenso en 6 anos de 84.075 (39%). É a partir de 2014, cando se inicia unha recuperación do emprego, que incluso se produce no 2019 a pesares da lixeira contracción no crecemento do VEB no 2019 en relación co 2018. No 2019 o sector industrial galego conta con 145.642 afiliados no sector. Polo tanto existe unha recuperación do emprego industrial que sendo positiva. Non foi suficiente para recuperar os niveis de emprego do ano 2008.VEB e emprego na industria en Galicia. / Mundiario

A finais do 2019 irrompe a pandemia nas nosas vidas de tal xeito que o sector industrial no seu conxunto reduce o seu valor engadido bruto no ano 2020 nun 10,1 %, unha taxa de redución nunca antes observada na industria manufactureira tivo unha contracción idéntica. No que respecta ao emprego no sector, as afiliacións a seguridade social a 31 de decembro de 2020 acadan as 143.716 persoas.

En conclusión, en 2020 a crise sanitaria agravou considerabelmente o descenso da actividade industrial galega que se observaba no 2019. Mais alá da crise asociada a covid-19, os problemas da industria galega agraváronse nos derradeiros anos. O anuncio de peche de sociedades emblemáticas como Alcoa, Siemens Gamesa e Vestas, engádese a falta de carga de traballo nos casos de Navantia e Barreras e a transición enerxética que levou ao cese de actividade das térmicas de carbón. A esa suma de acontecementos negativos súmanse no ano 2021 os problemas ligados a escaseza de materias primas, o incremento dos seus prezos, a suba dos custes de transporte así como a suba incontrolada do prezo da enerxía. Estamos, sen dúbida nun momento crítico para a industria galega.<

Peso do VEB e do emprego.

Os efectos da crise da covid non deben ocultar a necesidade de reverter a tendencia negativa do sector industrial galego

Os efectos da crise da covid non deben ocultar a necesidade de reverter a tendencia negativa do sector industrial galego agravados nos derradeiros anos: a perda de peso na nosa economía, os problemas relacionados coa dispoñibilidade de man de obra especializada, o escaso tamaño das empresas, a necesidade e de incrementar as partidas destinadas a I+D+i. Non soamente é necesario incrementar cada ano os orzamentos público en I+D+i, senón que é imprescindible tentar diminuír o diferencial negativo en investimento en innovación en relación co PIB que existe ente Galicia e as economías máis avanzadas da UE. O obxectivo debe ser, tentar alcanzar, cando menos as cifras en porcentaxe do PIB similares a media estatal, Estes ,son retos nos que deberían centrarse as políticas publicas nos vindeiros anos.

O CES considera necesaria a mellora da colaboración e hibridación entre todos os axentes. Neste senso, habería que vincular as axudas públicas a proxectos de I+D+i que promovan a cooperación activa entre os centros xeradores de coñecementos (universidades, por exemplo) e actividades de elevado valor engadido centradas sobre todo no ámbito industrial. Isto supón necesariamente unha aposta por potenciar o sector industrial para que gañe peso significativo no PIB galego e se coloque na liña dos territorios máis desenvolvidos da UE. A transición enerxética pode ser unha oportunidade.

No CES, nos derradeiros anos realizamos diferentes reflexións ao respecto do sector industrial galego: desde as 50 propostas por unha alianza no sector industrial galego do ano 2017, ata o informe do seguimento do sector manufactureiro galego do ano 2019. Sen embargo, gustaríame compartir algunhas das consideracións recollidas na derradeira memoria sobre a situación económica e social de Galicia, correspondente o ano 2020. Son consideracións que poñen enriba da mesa aspectos a ter en conta para acadar un crecemento sostible, robusto e continuado do emprego industrial en Galicia. Son propostas que pretenden mellorar a participación da industria na produción de riqueza na nosa comunidade e polo tanto o incremento do emprego industrial:

- O sector industrial sufre coa crise da covid unha acusada perda de produción e emprego que acelera o deterioro que se percibía no ano 2019. O CES considera que se debe impulsar este sector xa que se trata dun sector clave no crecemento económico, na xeración de emprego de calidade e na competitividade. O novo financiamento europeo debe servir para a implantación de proxectos industriais innovadores que logren unha diversificación produtiva.

- Dado o elevado prezo da electricidade en comparación coa media europea, o CES reclama que se leven acabo actuacións que teñan como resultado a redución do prezo da electricidade, tanto para particulares como para a industria, e facer esta última máis competitiva.

- O instrumento comunitario de financiación Next Generation EU é, segundo o CES, unha oportunidade para a nosa economía pero debe ser empregado nunha dobre vía: por un lado para corrixir os nosos desequilibrios estruturais e por outro para adaptarnos ás novas tendencias (dixitalización, economía verde, etc.) que permitirán ás empresas ser máis competitivas.

- En opinión do CES, a presenza no noso tecido empresarial dun elevado numero de empresas de pequeno tamaño e de persoas autónomas fíxonos máis vulnerables ante a crise, polo que é necesario un plan que permita minimizar o seu risco de insolvencia e, polo tanto, de peche.

- Faise necesario limitar a dependencia de subminístroos básicos procedentes de países terceiros e reactivar a industria local en tanto que representa un importante motor económico e actividade tractora de moitos outros sectores auxiliares, sendo tamén unha importante fonte de emprego de calidade.

- O CES considera que o Goberno debe apostar, nos sectores produtivos por unha dixitalización inclusiva, un impulso decidido a I+D+i e unha transición enerxética xusta como panca de recuperación económica.

- Emprego estable, duradeiro e de calidade debe ser o obxectivo principal das políticas públicas de fomento do emprego industrial, a través de medidas en todos os ámbitos desde a formación (dignificando e prestixiando a formación profesional) ata as políticas de fomento dirixidas aos sectores con mais percorrido pola súa innovación e aliñación cos obxectivos de desenvolvemento sostible e entorno dixital.

En definitiva, o incremento do gasto en I+D+I, a mellora da formación dos traballadores, o apoio ao tecido empresarial, a dixitalización, a optimización dos fondos de recuperación, a axilización da xestión administrativa na implementación dos proxectos, a mellora dos canles de distribución, a diminución dos custes da enerxía, son cuestións que deben priorizarse para acadar o obxectivo de aproximar Galicia as cifras de VEB industrial per capita similar as cifras da Unión Europea.

Os obxectivos son claros e opino que indiscutibles. Toca as distintas administracións realizar as actuacións de impulso necesarias para acadalos. Non teño dúbida que non é tarefa fácil. @mundiario

Comentarios