Xuño do 77: da ilusión á realidade
Abril de 1977: o escritor e políglota ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla, que traballa como redactor e locutor na BBC, e a súa dona, a escritora Teresa Barro, pasan as vacacións de Semana Santa no chalé da Toca, recén restaurado, na parroquia de Recemel, nas Somozas, na estrada que vai de Ferrol ás Pontes. Fernando e Teresa convidan á Toca a pasar aqueles primeiros días de abril a Xosé Manuel Beiras e a Teresa García-Sabell, xunto cos seus fillos. Algún tempo despois tamén se achegará á Toca o propio Eduard Punset, compañeiro de traballo de Fernando na BBC. Xosé Manuel está ilusionadísimo. A Teresa Barro sorpréndelle moito que Beiras fale de que o PSG pode gañar as eleccións. Ela non ve nin de lonxe aquela posibilidade, porque considera que a sociedade galega non está preparada politicamente para optar por forzas galeguistas e nacionalistas.
Xuño de 1977: mitin do PCG no Estadio Manuel Rivera, en Ferrol, con Santiago Carrillo, Santiago Álvarez, Rafael Pillado e Julio Pérez de la Fuente, ao que asisten arredor de 10.000 persoas. O PCG tiña entón nas cidades de Ferrol e Vigo un número moi importante de militantes e contaba con dirixentes moi coñecidos dentro da clase obreira.
Sirvan estas dúas referencias daquel momento político, unha de carácter privado e outra de carácter público e histórico, para ver a ilusión que había nas forzas políticas da oposición só algúns meses antes do 15 de xuño e incluso na propia campaña electoral. Ninguén podía imaxinar que as persoas e os partidos que tiñan tras de si unha longa traxectoria de loita contra a ditadura e pola democracia, con custos persoais que hoxe moi poucas persoas estarían dispostas a asumir, ían finalmente quedar fóra das primeiras Cortes posfranquistas. Aquel resultado electoral non podía ser máis inxusto, frustrante e doloroso.
O PRIMEIRO MAPA POLÍTICO GALEGO
As eleccións xerais do 15 de xuño, celebradas ao abeiro da Lei para a Reforma Política aprobada polas Cortes franquistas un ano despois da morte do ditador, e xa definitivamente pechada a vía da ruptura democrática, deixaron en Galiza o seguinte resultado: UCD, 20 deputados, AP, 4, PSOE, 3. Nin o PCG nin as forzas galeguistas e nacionalistas obteñen representación. O PCG obtén 34.188 votos (3,03%), o PSG 27.197 (2,41%), o PPG-PGSD 23.014 (2,04%) e o BN-PG 22.771 votos (2,02%). Este mapa electoral condicionará xa todos os procesos que viñeron posteriormente, a elaboración do Estatuto de Autonomía, a creación das institucións autonómicas galegas e a acción de goberno desde a Xunta Pre-Autonómica. O máis sorprendente e paradoxal foi que os partidos que nin sequera existían na oposición ao franquismo (UCD e AP) e que eran os menos autonomistas na Transición acabaron sendo os que xestionaron a autonomía galega.
AS CAUSAS DAQUEL RESULTADO ELECTORAL
As causas daquel decepcionante resultado electoral de xuño do 77 son diversas: a falta de memoria histórica e de cultura democrática da propia sociedade -que viña de sufrir corenta anos de ditadura-, o escasísimo tempo que os partidos nacionalistas tiveron para dar a coñecer a súa alternativa, as crises internas e o erro político que supuxo a desunión e a división do nacionalismo e do galeguismo nun momento tan decisivo para Galiza, e incluso a falta de referentes políticos no seo do nacionalismo galego que gozasen dun importante índice de coñecemento social.
Naquel momento, entre 1975 e 1977, o nacionalismo galego contaba con organización, militancia, introdución social, experiencia na oposición, importantes loitas sociais, programa de goberno e dirixentes de grande altura política e intelectual, pero carecía dunha figura coñecida pola maioría da sociedade como o era, por exemplo, Castelao nos anos trinta. Nin tempo houbera para darse a coñecer. Demasiados atrancos para conseguir un bo resultado nesas primeiras eleccións. Todo iso, ademais, fronte ao aparato do Estado e de toda a estrutura caciquil ao servizo da UCD e fronte a un PSOE apoiado pola Internacional Socialista, polo Partido Socialdemócrata Alemán, polo Partido Socialista Francés e pola Fundación Ebert, con líderes como Adolfo Suárez no partido do poder e Felipe González no PSOE.
Obviamente, as eleccións do 77 non se celebraron en igualdade de condicións nin en plena liberdade. Lembremos que a AN-PG e a UPG incluso tiveron que concorrer como agrupación de electores baixo a denominación de Bloque Nacional-Popular Galego por estaren aínda sen legalizar. A AN-PG, a organización con máis militancia coa que contaba o nacionalismo, e na que tantísimas persoas militamos, foi legalizada en marzo de 1978, case un ano despois das primeiras eleccións democráticas. E a UPG algúns meses máis tarde, en xullo de 1978.
OUTRA XERACIÓN PERDIDA
Collo agora do meu arquivo persoal un especial de El Ideal Gallego do 12 de xuño do 77, onde figuran todas as candidaturas que se presentaron a aquelas eleccións, e fago un exercicio de imaxinación. Entre os 27 candidatos que acadan acta no Congreso sitúo as seguintes persoas: Rafael Pillado, Rafael Bárez, Xesús Alonso Montero, Manuel Peña Rei e Santiago Álvarez polo PCG; Xosé Manuel Beiras, Francisco Bustabad, Fernando González Laxe, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Salvador Rei, Alfonso Álvarez Gándara e Mario Orxales polo PSG; Xaime Illa Couto polo PPG-PGSD, e Elvira Souto, Ramón López-Suevos, Pedro Luaces, Bautista Álvarez e Francisco Rodríguez polo BN-PG. E no Senado imaxino estas outras persoas que formaban igualmente parte das candidaturas: Carlos Baliñas, Ramón Piñeiro, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, Valentín Paz-Andrade, Ramón Valcarce, Manuel María, Francisco Carballo e Camilo Nogueira. De esquerdas uns, de centro-dereita outros, uns galeguistas e outros nacionalistas, persoas todas elas, en definitiva, demócratas e con traxectoria política durante o franquismo, cada quen coa súa propia ideoloxía, coa súa adscrición partidaria e co seu compromiso coa defensa das liberdades e do país. Que magnífica representación galega nas Cortes e que soño tan fermoso, verdade? Mais nada diso foi posíbel, claro.
Se no 36, como consecuencia do golpe militar, da barbarie e da represión, perdemos unha xeración de grandes personalidades, que incluso pagaron o seu compromiso coa vida ou co exilio, en 1977 perdemos politicamente outras xeracións de persoas que eran fundamentais para dotar a Galiza de peso político en Madrid naquelas Cortes do posfranquismo e para que todo o proceso autonómico que veu despois estivese impulsado e protagonizado por persoas que acreditasen cando menos no espíritu político co que fora elaborado o Estatuto de Autonomía do 36 e mesmo que aspirasen a superar o marco xurídico-político da II República, que era o que defendían o BN-PG e o PSG.
Si, somos moitas as persoas que lembramos aquelas eleccións xerais do 15 de xuño do 77 como outra oportunidade histórica perdida para o país. Desde Galiza e desde unha perspectiva galega, certamente pouco ou nada temos que celebrar. Temos a certeza de que a Galiza das últimas décadas sería moi diferente de seren as organizacións políticas historicamente máis comprometidas co país e coa democracia as que liderasen a etapa máis recente da historia política de Galiza. Hoxe, afortunadamente, o país conta con novas xeracións dispostas a chegar a onde as xeracións anteriores non puideron chegar. E, por certo, cun cambio moi importante: coas mulleres protagonizando a historia. @mundiario