A TVG remata esta temporada como líder dos informativos en Galicia

Marta Darriba. / Mundiario
Marta Darriba, redactora xefe da Área de Información e Documentación da CRTVG. / Mundiario

A faixa informativa do mediodía supera os 120.000 espectadores de media, con picos esta temporada de 260.000. A Galega tamén incrementou a audiencia entre os mozos de 13 a 24 anos e entre a poboación de 25 a 44 anos, segundo datos da CRTVG.

A TVG remata esta temporada como líder dos informativos en Galicia

Na temporada televisiva entre setembro de 2019 e xuño de 2020, a TVG foi, unha vez máis, a canle de referencia informativa para os galegos, que a elixiron para coñecer a actualidade cunha audiencia media dos informativos de 68.000 espectadores, que na faixa informativa do mediodía supera os 120.000 televidentes e que alcanzou neste período picos de ata 260.000 espectadores. A directora da Área de Información e Documentación é Concepción Pombo Romero.

Segundo informa tamén a CRTVG, nestes 10 meses, a media de audiencia da canle situouse no 9,3% no conxunto do día e un 10,7% no prime time. Nas noites, os mellores datos de audiencia do prime time foron para os xoves, con ‘Land Rober Tunai Show’; para os venres, co consolidado ‘Luar’, e para os sábados, coa proposta de música de ‘Bamboleo’.

A canle pública foi tamén quen de aumentar o seu perfil de audiencia entre os mozos de 13 a 24 anos (liderando esta clasificación nos meses de maio e xuño) e entre a poboación de 25 a 44 anos.

Dentro da FORTA, a CRTVG segue a ser un dos seus motores principais, superando en máis dun punto a media das televisións autonómicas neste período.

Nesta temporada 2019-2020, e segundo os datos extraídos polo medidor oficial Kantar Media, a Galega é a primeira canle en número de emisións musicais na comunidade, o que reflicte unha clara aposta polo sector. Os programas musicais acadan unha cota de pantalla na TVG do 9,9%, a segunda cota máis elevada neste xénero. Tamén foi a canle con maior número de emisións na área cualificada por Kantar Media como de artes escénicas, con 17 emisións e unha cota media do 6,6%, a máis alta de todas as canles.  A TVG ofreceu 1.651 emisións de carácter cultural, só por detrás de La2. Neste tipo de contidos a TVG logra unha cota do 7,5%, 4,8 puntos máis do que acada La2 nese xénero (2,7%). @mundiario

Comentarios