O traslado de Ence da ría de Pontevedra faise cada vez máis imprescindible

Vistas de Pontevedra con Ence al fondo.
Vistas de Pontevedra con Ence ao fondo, na ría.
A manifestación contra a presenza de Ence na Ría de Pontevedra celebrouse á espera da resolución da Audiencia Nacional sobre a legalidad ou non da prórroga concedida á pasteira.
O traslado de Ence da ría de Pontevedra faise cada vez máis imprescindible

Baixo o lema "fora da ría xa" mobilizáronse dias pasados miles de cidadáns de Pontevedra e Marín  en marcha até a factoría de Ence, antes de que se pronuncie a Audiencia Nacional e decida sobre a  concesión ilegal do Goberno de  Raxoi. A Avogacía do Estado anunciou no seu momento que se aplanaba no caso, desistindo da defensa xudicial de ampliación de concesión. Pola contra a Xunta de Galicia identificase e apoia a  Ence e  non quere oir falar de trasladar a factoría. Ence e Xunta coinciden plenamente en querer perpetuarse na ría, a presencia no Consello de Administración de destacados membros do PP – que  ocuparon postos  relevantes no Goberno da Xunta e do Estado- parece razón decisiva e de peso na coincidencia de intereses.

Pode que si analizamos o antes e despois de Ence vexamos máis claro  o que necesitamos:

> A ría de Pontevedra, unha ría de gran produtividade, experimentou un cambio drástico na sua ecoloxía, antes de instalarse Ence faenaban -na pesca e marisqueo- miles de persoas (15.000), hoxe apenas queda algún centenar (400). Nos anos 70 Ence producía 30.000 t/ano a partir de coníferas, agora ten unha capacidade de produción de 515.000 t/ano  a partir de eucalipto.

> Antes a atmósfera en Pontevedra era saudable e libre de contaminación. Agora Ence  nunha zona densamente poboada emite segundo os seus propios datos extraídos do Informe de Sostenibilidad  2020,  un total de: 842 toneladas (t) de óxidos de nitróxeno, 165 t de dióxido de xofre, 195 t de partículas, 240 t de monóxido de carbono e 2,9  t de sulfhídrico. Emítense entre 87.000-100.000 t de dióxido de carbono, gas de efecto invernadoiro.

A preocupación de Ence-Pontevedra pola contaminación é mínima e parece non existir, as emisión non diminúen. Comparando o ano 2020 co anterior, temos cinco contaminantes que aumentaron en volume de emisións,  o que non sucedeu na factoría asturiana de Navia. Recoñecen no Informe de Sensibilidade que non lograron os obxectivos (ano 2020)  de redución  de emisións de partículas para as caldeiras de recuperación e os fornos de cal en Ence-Pontevedra pero si en Ence-Navia.  Na factoria de Asturias diminuíron de forma moi notable as emisións de dióxido de xofre, SO2, pasaron de 98,3 t no 2019 a 49,7 t no 2020 e as emisións de partículas pasaron de 111,9 t  a 102,4 t no 2020

> A calidade do aire non a podemos contrastar nun antes e despois por falta de datos oficiais -anteriores a instalación-, pero si sabemos que os valores do aire que respiramos en Pontevedra e en concreto das partículas finas (PM2,5) que poden ser responsables de enfermidades respiratorias, ictus, problemas cardiovasculares... non son sempre os recomendados pola OMS- Organización Mundial da Saúde. No ano 2020 en determinados meses do ano (xaneiro, febreiro, marzo, novembro e decembro), as medias mensuais de partículas finas (PM2,5) estiveron por riba dos 10 microgramos/ m3  (ug/m3) , valor recomendado como saudable na OMS e en xaneiro e novembro alcanzaron 14 ug/m3 (con datos de calidade do aire Meteosat  da Xunta de  Galicia) . No ano 2021 con datos de cinco meses, deles en dous (xaneiro e marzo) presentan valores medios de 14 e 13 ug/m3, valores que si ben están dentro da lexislación, superan os valores recomendados como saudables pola OMS.

O ruído é outro problema ambiental tanto para a saúde humana (molestias, incomodidade, nerviosismo, ansiedade, deterioro físico ou mental, perda de audición... ) como para o medio ambiente. A factoría  recoñece no Informe que  o ruído está comprendido entre 55,1 decibelios (dB) de noite, 60,5 dB pola tarde e 61,7 dB durante a maña. Ruído que supera amplamente ao que tiña nos anos  2018 e 2019. A OMS define como ruído calquera son superior a 65 decibelios pero tamén indica que para o sono  reparador non debe superarse  os 30 dB, e en xeral a partir de 55 dB considerase un ambiente ruidoso.

> Ence inflúe no territorio como ningunha outra industria. Repercute e determina o tipo e extensión de repoboación forestal que se fai na Galiza. Con Ence o eucalipto disparouse apoiado claramente pola administración galega e do Estado e hoxe xa se estima en 600.000 ha, case duplica a toda extensión do bosque autóctono e fai que ano a ano a extensión adicada a cultivos básicos como cereais tamén diminuía. No 2020 Ence demandou  segundo o Informe de Sostenibilidade  un total de 1,32 millóns de m3 e  256.100 t de biomasa forestal, todo para producir celulosa  para a exportación, dado que aquí non temos industria que a poda transformar. A metade da madeira que se corta no Estado procede de Galiza pero outras comunidades teñen moitas máis empresas centradas na industria transformadora da madeira e na fabricación de mobles, estas dan mais postos de traballo, máis valor engadido e xeran menos contaminación que as celulosas.

> O consumo de auga da factoría é moi alto, alcanza máis de 13 millóns de metros cúbicos da presa de Bora no Lérez. Ten un vertido que supera os 10 millóns de m3 é a Ría de Pontevedra a través do emisario submarino da EDAR Os Praceres, contén  sólidos en suspensión (143,7 t) substancias orgánicas e inorgánicas solubles, substancias químicas diversas con alta carga de carbono orgánico (COT)...necesitando o vertido unha moi alta demanda de osixeno (DBO e DQO), nitróxeno (66 t) e fósforo total (10 t),  con vertidos de compostos orgánicos haloxenados (AOX) e organoestánnicos ademais de cobre, mercurio, cadmio, cromo, zinc ... (segundo o rexistro de emisións PRTR). O consumo de auga e os vertidos de Ence equivalen ao vertido de  varias cidades do tamaño de Pontevedra xuntas.

> A factoría de Ence xerou residuos ano 2020  por un total de 39.413 t, deles son residuos non perigosos 39.300 t e   perigosos   113,1 t. Boa parte dos residuos quéimanse  e pasan á atmosfera  produtos problemáticos para a saúde e o ambiente.

Cando se fala de traslado, Ence empecinase en afirmar que non existe emprazamentos na Galiza que reúna as condicións técnicas, económicas e loxísticas necesarias e quere permanecer na ría. O Goberno galego apoia a Ence incondicionalmente, ningún dos dous trata a posibilidade de traslado.  Será empecinamento con interés  en común? Pretenderá Ence diñeiro público para pagar o seu traslado? . O Goberno galego ten mala política cando mira para outro lado no tema da contaminación e degradación ambiental, antes ou despois esta tense que poñer enriba da mesa porque implica relacionarse  recursos naturais, postos de traballo, turismo, pesca, marisqueo, riqueza e saúde tanto ambiental como humana. @mundiario

O traslado de Ence da ría de Pontevedra faise cada vez máis imprescindible
Comentarios