Tempos Novos alerta de que tolerar unha invasión tan brutal do litoral é irresponsable

Na súa compoñente paisaxística e biolóxica, as rías galegas conforman un particular ecosistema. Son fonte de vida e desenvolvemento.

Fragmento da portada de Tempos Novos. / Mundiario
Fragmento da portada da revista Tempos Novos. / Mundiario

A sentenza do Tribunal Supremo que sorpresivamente autoriza a prórroga de Ence en Lourizán (Pontevedra) veu reverdecer a polémica, tan só días antes de que Bruxelas esixise explicacións ao Goberno español porque casos así estarían vulnerando a Directiva de Servizos da UE, vixente desde o 2009. Así o suliña Joám Luís Ferreiro Caramês, membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), na revista Tempos Novos que edita o xornalista Luis Álvarez Pousa. Esta publicación alerta de que tolerar unha invasión tan brutal do litoral é irresponsable.

Na súa compoñente paisaxística e biolóxica, as rías galegas conforman un particular ecosistema. Son fonte de vida e desenvolvemento. Unha regalía que durante anos e anos fixo da franxa costeira –mil cincocentos quilómetros nada menos– un corredor de biodiversidade e biomasa de seres vivos. Porén, a fotografía das rías e dos seus entornos marítimo/terrestres amosa as marcas dos depredadores, observa Joám Luís Ferreiro Caramês.

A supervivencia do litoral galego, e a do ecosistema integrado polas rías, está ameazada por este tipo de industrias contaminantes, pero tamén polos efectos degradantes de políticas públicas que en boa medida teñen como incentivo as contraprestacións dos lobbies da construcción, das grandes enerxéticas e da hostelería turística, constata Tempos Novos.

"Insistir nesa tendencia, como fai o anteproxecto de Lei do Litoral que tramita o goberno de Rueda, é sacrificar aínda máis a actividade pesqueira tradicional –que se verá alterada ademais pola instalación dos muíños marinos– e os modos de vida dos galegos", sostén Joám Luís Ferreiro Caramês.

Portada da revista Tempos Novos. / Mundiario
Portada da revista Tempos Novos. / Mundiario

Para este membro da SHHN, trátase de algo que se ben non sorprende –"en 38 anos no poder nunca o PP asumeu unha verdadeira ordenación do conxunto do territorio, da que tamén ha formar parte o litoral"– desafía "a legalidade" e traizoa "o deber que ten un goberno democrático de salvagardar o noso patrimonio natural". @mundiario

Comentarios