Rosalía á luz de M.ª Pilar García Negro

Portada do libro Intenso e solidario feminismo.
Portada do libro Intenso e solidario feminismo.
O libro-homenaxe que agora vén de editar a Universidade da Coruña ofrécenos 15 traballos representativos do conxunto dos estudos rosalianos da profesora María Pilar García Negro.
Rosalía á luz de M.ª Pilar García Negro

Permítome titular este artigo co mesmo título que a profesora e amiga Carme Fernández Pérez-Sanjulián puxo á magnífica introdución que ela escribiu para o libro Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos, que a xeito de agasallo e homenaxe á profesora María Pilar García Negro editou a Universidade da Coruña, volume no que se recolle unha selección dos diversos traballos que realizou e publicou a profesora García Negro desde 1980 á actualidade sobre a persoa e a obra de Rosalía, os primeiros de carácter máis divulgativo e os outros xa de contido máis académico.

A escolma que agora chega ás nosas máns nunha moi coidada edición -algo que como amantes dos libros non deixaremos nunca de agradecer-, é unha nova oportunidade, outra máis, para regresarmos a Rosalía e a unha das grandes paixóns ás que consagrou a súa vida como ensaísta e investigadora María Pilar García Negro ao longo de máis de catro décadas.

As outras paixóns que ocuparon a súa mente de forma constante e que a seguen a ocupar como estudosa de temas lingüísticos e literarios son a situación da lingua galega e a figura de don Ricardo Carvalho Calero. Outras autoras e outros autores e moitos outros temas foron tamén obxecto da súa atención, sempre con brillantez intelectual, mais, ao noso xuízo, a columna vertebral da súa obra ensaística confórmana eses tres eixos temáticos: o idioma galego, Rosalía de Castro e Carvalho Calero.

Portada do libro promovido pola A.C. Alexandre Bóveda en 1985. / Mundiario
Portada do libro promovido pola A.C. Alexandre Bóveda en 1985. / Mundiario

Se hai unha data que sinala un antes e un despois no descubrimento cabal dunha nova Rosalía, mesmo unha data anterior ao ano da publicación da tese de doutoramento do profesor Francisco Rodríguez (Análise  sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, 1988), esa data é 1985, que coincide co centenario da morte da poeta. E se hai un acontecemento que nos abre a unha nova dimensión da obra de Rosalía de Castro, incluso antes que o propio Congreso Internacional “Rosalía de Castro e o seu tempo”, ese evento é o ciclo de conferencias que organiza a Agrupación Cultural “Alexandre Bóveda” entre xaneiro e febrero de 1985 e o libro que as recolle: Rosalía de Castro. Unha obra non asumida (Edicións Xistral, 1985).

Algunhas persoas tiveron o privilexio de asistir a aquelas conferencias e moitos e moitas de nós a fortuna de poder ler aquel libro recén saído do prelo, que aínda hoxe, ao collelo dun dos andeis da nosa biblioteca, nos emociona. Naquel volume, á beira da conferencia de don Ricardo Carvalho Calero, destacaban os textos de María Pilar García Negro, Pilar Pallarés e Francisco Rodríguez. Desde ese momento, as investigacións e liñas interpretativas que xa se iniciaran en 1980, coñecen un novo pulo e a partir de aí os estudos sobre Rosalía non fixeron máis que medrar e medrar. Ningunha xeración anterior tivera a posibilidade de coñecer a obra de Rosalía de Castro como nós a tivemos a partir de 1985. E María Pilar García Negro é, sen dúbida algunha, unha das persoas que máis contribuiu a un mellor coñecemento académico e social dunha autora tan extraordinaria e xenial como Rosalía de Castro e dunha obra tan profunda e complexa como a súa, tan fundamental para a literatura galega e para a lírica universal.

Portada da obra coa que Pilar García Negro gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. / Mundiario
Portada da obra coa que Pilar García Negro gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. / Mundiario

O libro que agora vén de editar a UDC por iniciativa do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria da Universidade da Coruña, e que se pecha cun epílogo a cargo da profesora Kathleen March, ofrécenos a posibilidade de ler ou reler 15 traballos representativos da extensísima obra de investigación rosaliana da profesora García Negro, que tanto axudou a construír unha imaxe diferente de Rosalía. Deixando fóra o que é xa en si un libro singular dentro da súa bibliografía (O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, co que gañara en 2010 o XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais), nas páxinas deste volume poderemos gozar, máis unha vez, con textos tan imprescindíbeis para unha reinterpretación de Rosalía de Castro como “A orixinalidade de Rosalía” (1985), “Rosalía á luz de Mara” (1986), “O ceo desde a terra na obra de Rosalía de Castro” (2013) ou a “Introdución [a Follas Novas]” (2022).

Asombra o descumunal corpus ensaístico que foi quen de elaborar María Pilar García Negro nas catro últimas décadas e asombra aínda máis que puidera compaxinar esa tarefa co incesante labor que desenvolveu desde moi moza como docente, conferenciante, articulista, participante en debates, coloquios, xornadas e congresos, directiva de entidades culturais, deputada no Parlamento galego entre 1989 e 2003 e infatigábel activista día tras día, sen perder endexamais a paixón, a tenacidade e a ilusión por rectificar a historia, en feliz expresión do seu profesor don Ricardo Carvalho Calero. Non somos quen de imaxinar o que chegaría a escribir a profesora García Negro se só dedicase ás aulas e non tivese esa inxente actividade cultural, social e política que levou a cabo ao longo de toda a súa traxectoria desde que é profesora.

Co pensamento político e coa opinión de María Pilar García Negro pódese ou non coincidir, mais ninguén que de verdade lle queira a este país pode deixar de admirar a súa entrega a Galiza e a súa autoridade intelectual. Como ben nos recorda Carme Fernández Pérez-Sanjulián, “Estamos, como se foi vendo, perante unha figura central da vida cultural e política galega desde a década de 80 do pasado século”. Hai tempo que a Real Academia Galega debería recibila con auténtico xúbilo. Sería un fermosísimo acto de xustiza cunha das persoas que máis traballou por reinterpretar a obra de Rosalía de Castro. E para os académicos e as académicas que teñen cadeira na institución da rúa Tabernas debería ser, ademais, motivo de orgullo poder contar entre os seus e as súas colegas cunha persoa do perfil humano e intelectual da profesora Pilar García Negro. É o que se espera de persoas que deben recibir cos brazos abertos a quen consagrou tantos anos da súa vida a traballar pola cultura galega e por Galiza. @mundiario

Comentarios