A revista Tempos Novos denuncia que en Galicia hai "compravenda de información"

Captura da versión dixital de Tempos Novos. / Mundiario
Captura da versión dixital de Tempos Novos. / Mundiario
O xornalista Luís Álvarez Pousa fala do "perverso modelo de relación" do Goberno do PP coas empresas privadas, "e de maneira especialmente intensa coa que ten unha posición dominante no país, La Voz de Galicia".
A revista Tempos Novos denuncia que en Galicia hai "compravenda de información"

Tempos Novos, revista mensual de información e opinión para o debate, sostén que Alberto Núñez Feijóo instalou "o mesmo sistema de control" que lle deu a Fraga Iribarne "plácidas lexislaturas" á fronte da Xunta de Galicia. "Toda unha estratexia de doma e castración da que non souberon ou non quixeron librarse os empresarios da comunicación", segundo comenta o xornalista Luís Álvarez Pousa, conselleiro delegado da empresa editora de Tempos Novos, medio no que alude a "dopaxe mediática" coa que se presentou o candidato do PP ás tres convocatorias da última década.

"Ese perverso modelo de relación coas empresas privadas, e de maneira especialmente intensa coa que ten unha posición dominante no país, La Voz de Galicia, asentou sobre a compravenda de información o que, aparte de comportar altas doses de corrupción, é o que boicotea de maneira noxenta, tóxica, a función social e política da que se sirve a Constitución para garantir o dereito de e á información veraz e o pluralismo", escribe tamén Luís Álvarez Pousa, baixo o título Dopaxe mediática.

O xornalista de referencia de Tempos Novos fala da entrega "a fondo perdido" de cando menos 21 millóns de euros ("a cantidade que globaliza o calculado a partir das non sempre fáciles descobertas nas listaxes de convenios, contratos e publicidade institucional").

A súa vez, o profesor da Universidade de Vigo Albino Prada, membro do Foro Económico de Galicia, sostén nun artigo que tamén publicou a revista Tempos Novos que a radiografía económica dos últimos dez anos en Galicia (2009-2019) é negativa para dez dos doce indicadores analizados. Catro deles teñen a ver coa riqueza e o emprego, tres están relacionados co desemprego e outros tres coa competitividade (I+D e exportación), e só noutros dous apréciase un pírrico avance. @mundiario

Comentarios