Que vai ser de tantísimas bibliotecas privadas?

Una biblioteca.
De existir o paraíso, sería unha biblioteca, dixo Borges. / Mundiario
Coas bibliotecas privadas que existen hoxe por todo o país poderiamos facer unha muralla de libros máis grande que a Muralla de Lugo.
Que vai ser de tantísimas bibliotecas privadas?

Até o Premio Nobel de Literatura José Saramago naceu nunha casa sen libros. Saben ben as nosas lectoras e os nosos lectores que os avós de Saramago eran analfabetos e xente tan humilde que no inverno, aló na aldea de Azinhaga, cando o frío conxelaba a auga dos cántaros, para protexer os bacoriños máis fracos que acababan de nacer, ían por eles á corte e deitábannos na súa propia cama, tapados coas mesmas mantas e os mesmos lenzos, e alí pasaban toda a noite, entre o avó e a avoa. E aínda así, nesa pobreza, a avoa, Josefa Caixinha, cando xa tiña noventa anos,  sentada un día na soleira da súa porta, baixo un ceo estrelado, dirá aquela belísima frase que o escritor recolle n´As Pequenas Memórias: “O mundo é tão bonito e eu tenho tanta pena de morrer”. Tamén lembrará José Saramago, no emocionante e fermosísimo discurso que pronuncia na Real Academia Sueca, que “O homem mais sábio que conheci em toda a minha vida não sabia ler nem escrever”. E era seu avó, Jerónimo Malrinho.

Milleiros e milleiros de persoas, durante moitas xeracións, en todos os países do mundo, nacemos tamén en casas sen libros, como José Saramago, con avós que non sabían ler nin escribir, ou cunha nai analfabeta, como é o caso de Albert Camus, e incluso nese contexto familiar unha pequena parte desas persoas acabaron sendo grandes figuras das letras e das ciencias e outra parte, unha inmensa maioría, aínda sen chegar a sermos escritores nin bibliófilos, fomos quen de facer libro a libro fabulosas bibliotecas, que é outra forma de vivir a literatura, simplemente gozándoa como lectores. Recordemos que Jorge Luis Borges sentíase tan orgulloso das súas lecturas como dos libros que escribía, tan feliz lendo como escribindo, e dicía que o paraíso, de existir, sería unha biblioteca.

Nas últimas décadas, sobre todo despois dos anos 50 do século XX, o mundo encheuse de bibliotecas privadas, todas elas únicas e moitas desas bibliotecas dunha extraordinaria riqueza. Bibliotecas de poetas, novelistas, historiadores, filólogos, filósofos… ou simplemente bibliotecas de persoas que aman os libros, que senten verdadeira devoción polo libro. Imposíbel facer un catálogo de bibliotecas privadas, porque en cada cidade, en cada barrio, en cada rúa, en cada parroquia galega, seguramente hai magníficas bibliotecas privadas con libros que nunca tivemos nas mans. As xeracións que se formaron intelectualmente desde a década dos cincuenta para diante foron as grandes creadoras de todas esas bibliotecas. E se falamos só do libro galego, será sobre todo a partir da creación da Editorial Galaxia en 1950 e das editoriais que fundan en Bos Aires personalidades como Luís Seoane e Arturo Cuadrado cando nalgunhas casas comeza a haber unha biblioteca galega, pois dos libros editados antes da guerra, os libros de Céltiga, de Lar e de Nós, que xa tiñan edicións moi limitadas, salváronse realmente moi poucos exemplares.

Houbo un tempo en que o mellor fondo do libro galego estaba na Fundación Penzol, e os seus máis de 50.000 exemplares que posúe na actualidade (a biblioteca de Fermín Penzol, a de Francisco Fernández del Riego e outros legados) seguen a ser un tesouro para o país, mais  penso que só nas casas das escritoras e dos escritores actuais que cultivan a lingua galega hai ducias e ducias de bibliotecas particulares que non caberían en catro Cidades da Cultura. Lembro agora que Basilio Losada Castro mesmo lle mercara un piso aos libros, porque xa non lle cabían onde el vivía. E logo están os milleiros de persoas non tan coñecidas ou anónimas que contan igualmente con magníficas bibliotecas. Estou seguro que coas bibliotecas privadas que existen hoxe por todo o país poderiamos facer unha muralla de libros máis grande que a Muralla de Lugo.

Dedicatoria de José Luis Sampedro. / Mundiario
Dedicatoria de José Luis Sampedro. / Mundiario

Hai milleiros de bibliotecas, mais non hai unha biblioteca privada igual a outra. Pode haber en moitas as mesmas coleccións de libros, os mesmos títulos, pero cada biblioteca responde a unha vida, á vida de quen a foi facendo: La madre, de Máximo Gorki, El conde de Montecristo, de Alexandre Dumas, Un capitán de quince anos, de Julio Verne, e toda a literatura clásica española, incluídos San Agustín e Santa Teresa, gozosas lecturas da adolescencia nos libros máis humildes da Editorial Ramón Sopena que chegaban ás nosas mans por correo postal desde Barcelona e que nos marabillaban ás noites nun tempo en que aínda non tiñamos televisión na casa. Viñeros despois, na Transición, os libros do Círculo de Lectores: Neruda, Alberti, María Teresa León, Lorca, Miguel Hernández, Albert Camus…, os libros da colección de peto da Editorial Argos Vergara, da Editorial Bruguera, de Alianza Editorial, da colección Áncora e Delfín de Ediciones Destino…, e despois toda a fabulosa colección de obras mestras da literatura contemporánea de Seix Barral, uns cen títulos coidadosamente editados. Ou La vieja sirena, coa dedicatoria do seu autor, xunto a toda a obra literaria de José Luis Sampedro. Nunca me podería desprender de ningún deses libros.

Texto autógrafo de Álvaro Cunqueiro, entre as páxinas de Merlín e familia. / Mundiario
Texto autógrafo de Álvaro Cunqueiro, entre as páxinas de Merlín e familia. / Mundiario

Desde 1976, desde os dezaseis anos, comezamos tamén a facer a nosa biblioteca galega, libro a libro, esa biblioteca que endexamais remataremos de completar. Entre eses libros está o que nos escribiron Álvaro Cunqueiro, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro ou Celso Emilio Ferreiro, textos autógrafos que de súpeto levan a nosa mente ao momento no que coñecemos persoalmente todas esas figuras.  Aí  está a revista Vieiros, que editaba o Padroado da Cultura Galega de México, ou Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz-Andrade, que fora un agasallo que nos fixera Isaac Díaz Pardo en Ortigueira, ou algúns dos libros que se editaron en Bos Aires cando aquí estaba proscrita o idioma galego. Aí están obras moi amadas con dedicatorias de case todos os membros  da primeira xeración da posguerra, desde Manuel María, Uxío Novoneyra e Xohana Torres, os máis vellos, a Bernardino Graña e Xosé Luis Méndez Ferrín, os máis novos. E aí non sei cantos libros máis de escritores e escritoras que foron construíndo e seguen a construír a nosa literatura nas últimas décadas.

E despois están os libros de arte que trouxemos das nosas viaxes, os libros que viñeron de París, de Florencia, de Roma ou de Venecia, os libros de fotografía de cidades diversas, a colección de museos do mundo, as varias coleccións de pintores ou os catálogos das exposicións temporais que tanto nos marabillaron: Tintoretto, Durero, Cranach, Fra Angelico, Pissarro, Gauguin, Renoir, Van Gogh, Dalí, Kandinski, O Greco, Delvaux, Colmeiro, Carlos Maside, Munch, Hopper, Picasso

E, como non, os libros de temática ortegana: Da Terriña, Aturuxos e ¡Non máis emigración!, de Ramón Armada Teixeiro, un dos grandes amigos de Curros Enríquez, San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones e Bares. Puerto hispánico de la primitiva navegación occidental, de don Federico Maciñeira Pardo de Lama, Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira, de Julio Dávila, O anarquista, de Leandro Pita Romero, Fala d´as musas, de Daniel Pernas Nieto, Viento del Norte, de Elena Quiroga, O agrarismo na comarca do Ortegal (1893-1936), de Anxel Rosende, e un longo etcétera de autores: Antonio Rivera Losada, Laureano Álvarez, Enrique Chao Espina, Vicente Peña Saavedra, Alfredo Torres, Fernando Alberto, Narciso Luaces Pardo, Obdulia Dopico Cachán, Carlos Breixo Rodríguez

Esta é a nosa biblioteca, humilde e única como todas as bibliotecas particulares, pero cargada de vivencias, de lembranzas, de días felices, de emocións moi profundas, do recordo das librerías onde adquirimos os libros, de títulos da primeira biblioteca que tivemos e que aínda gardan as manchas dunha lectura constante e o sinal da humidade que había na casa de meus pais. Cada un deses libros conserva unha páxina da nosa vida. Aí están os amigos que nos acompañan desde a nosa adolescencia e que sempre nos reciben cos brazos abertos. Homero e Rosalía de Castro, os primeiros.

Como imos deixar de habitar o único paraíso que nos queda? Como imos desprendernos do que é o  ronsel da nosa vida? Que vai ser de tantísimas bibliotecas privadas como a nosa? A quen lle interesan xa os libros? Quen agora os precisa para vivir? Quen ten neste tempo de tan pouco interese polos clásicos a curiosidade de abrir a primeira edición d´O libro dos amigos, de Otero Pedrayo, esas prosas que don Ramón comezou a escribir no exilio interior de Trasalba co sol primeiro do outono de 1945, ou o Advento, de Manuel María, impreso en Arxentina en Ediciones Galicia? Quen entre nós se emociona collendo entre as mans os relatos de Xohán Casal na edición de Edicións do Castro ou Con pólvora e magnolias naquela primeira edición en papel de estraza? A quen se lle van iluminar agora os ollos cun humilde catálogo de Nós se case ninguén sabe quen foi Ánxel Casal. @mundiario

Comentarios