De que lle serve a Bugallo calar diante do(s) presidente(s) da Xunta?

Alfonso Rueda y Xosé Sánchez Bugallo. / Mundiario
Alfonso Rueda y Xosé Sánchez Bugallo. / Mundiario
O alcalde de Santiago aposta máis por continuar no camiño do servilismo e das boas relacións coa Xunta de Galicia que no de defender os intereses de Compostela.
De que lle serve a Bugallo calar diante do(s) presidente(s) da Xunta?

O venres, 21 de outubro, tivo lugar a anunciada xuntanza entre o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galiza. Despois de diferentes reunións con Feijóo, con quen Bugallo mantivo sempre unha relación de servilismo renunciando a defender os intereses de Santiago, agardabamos algo máis dun encontro que se producía a poucos meses das eleccións municipais e tras constatar que o PP dera as costas novamente á capital de Galiza na proposta de orzamentos para 2023 da Xunta. O propio Bugallo recoñecía que varios dos investimentos que inclúen eses orzamentos son infraestruturas da propia administración e non obras das que poden entenderse como territorializadas para Santiago. Pensemos nos 10 millóns de euros para San Caetano ou os máis de 2 para o edificio da propia Xunta na Praza de Mazarelos.

Mais o alcalde de Compostela continúa sen entender que a súa posición debe ser a defensa inequívoca das demandas da veciñanza compostelá e que non pode fiar toda a súa intervención a un único asunto. Porque o resumo é que Rueda estudará a cuestión da taxa turística porque Bugallo levaba o temas sen facer (polo que dixo o presidente da Xunta non se sabe a quen nin canto nin para que será a taxa turística, e non será porque desde a oposición, e moi concretamente desde o BNG, non lle lembrásemos que o máis importante da implantación da taxa é saber a súa finalidade e que repercuta nun aforro para as persoas que habitamos Compostela), que tamén estudará a proposta de aparcamento no CHUS, despois de discriminar a poboación de Santiago e pretender ampliar o hospital sen cumprir a ratio de prazas de aparcamento que marca o PXOM municipal, e que vai haber un parque comarcal de bombeiros, necesario, iso si, mais sen máis bombeiros e que, por tanto, só funcionará polas horas extra que terá que realizar o persoal.

Os logros non son moitos para quen presume de boas relacións institucionais e de saber negociar “doutra maneira”, isto é, por atrás, en petit comité e sen contar co apoio do conxunto da corporación nin dos sectores afectados. Como fixo tamén na petición para a nosa cidade da sede da Axencia de Intelixencia Artificial, cando decide reunirnos só cando ve en perigo a candidatura e non consegue nin manter posicións comúns con persoas do seu mesmo partido noutros lugares.

Bugallo esquece dicir antes e despois da reunión que existen demandas históricas: o imprescindíbel incremento de cantidade para o Consorcio da Cidade de Santiago (ah, que iso tamén toca o Estado, claro!!!, e que así a xente vai lembrar que prometeron o 25 de xullo de 2021, hai ano e medio, que ía haber máis de 280 millóns para Santiago e non chegou nin o primeiro!), a débeda histórica do Estatuto de Capitalidade (sobre o que practica a hipocrisía de dicir defender mentres no pleno vota en contra da proposta do BNG), o novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas (que se comprometeu a apoiar no seu vixésimo aniversario), a ampliación do Conservatorio de Música (unha actuación mínima que apenas supón nada no orzamento da Xunta), a dotación dun Conservatorio de Danza (que unha ex concelleira do PSOE propuxo, igual que o fixo o BNG, no Parlamento galego, e que tamén o PSOE apoiou no pleno de Santiago tras unha iniciativa do BNG), a abordaxe do saneamento e abastecemento do rural (que non pode continuar agardando a que solucionen o tema da auga que ían ter xa preparado hai máis dun ano), a construción de vivenda de protección pública (que o PP negou a Santiago durante todo o goberno Feijóo), a demanda dun Centro de Día para as Fontiñas (na parcela prevista inicialmente para a residencia e da que non se falou…)…

Por outra parte, nada nos estraña neste tapar o tratamento humillante do PP con Santiago despois de que o goberno local anuncie que vai sufragar o proxecto de humanización da rotonda de Conxo, todo despois dunha obra do Estado mal rematada e de pasar varios ministros e ministras a tirar fotos na rotonda comprometéndose a reparar o dano. Que non se preocupe o outro goberno amigo de Bugallo, xa está a veciñanza compostelá para pagar o que se precisa. Mentres, o alcalde cala e decide por todas e todos nós. Agardemos que por pouco tempo porque o 28 maio pode haber moitas sorpresas. @mundiario

Comentarios