O tempo de Bugallo xa pasou

Xosé A. Sánchez Bugallo en un acto junto a Alfonso Rueda. : Mundiario
Xosé A. Sánchez Bugallo, nun acto xunto a Alfonso Rueda. / Mundiario

Cando chegamos a se cumpriren as tres cuartas partes do mandato do PSOE no Concello de Santiago é un clamor a ineficacia na xestión, a falta de diálogo e participación veciñal, a submisión a outras administracións e o incumprimento das promesas de quen se presentou como o salvador de Compostela.

O tempo de Bugallo xa pasou

Escribo este artigo o día que os xornais publican as fotos do alcalde de Santiago con Alfonso Rueda, o sucesor de Feijóo, representantes da Xunta e da Catedral, nun acto en que estas dúas últimas institucións asinan un acordo de colaboración. Bugallo, diante da súa falta de iniciativa, precisa espazos para ser visíbel. Con todo, a foto do alcalde compostelán transloce tamén outra cuestión. Nun posto secundario, con cara circunspecta por non ser o protagonista, simboliza a continuidade da submisión política con Feijóo agora co propio Rueda.

Fácil é que a poboación de Compostela lembre aqueloutras fotos dun presuntuoso alcalde de Santiago á beira do rei, do presidente do Goberno do Estado e do propio Feijóo, a escenificaren o pasado 25 de xullo a comedia de que acordaban unha chuvia de millóns para o noso Concello. Nin máis nin menos que 281 millóns de euros entre o 2021 e o 2030! Bugallo non se fartaba de comentar nos medios que nunca tanta autoridade se xuntara na capital do país e que todo o logro fora seu.

Mais poucas semanas transcorreron para coñecermos que aquela promesa era fume, pois non só os orzamentos do Estado e da Xunta para 2022 non recolleron nin un euro de incremento nas achegas para o Consorcio da cidade (o instrumento que debía vehiculizar estas contribucións) senón que nas reunións deste organismo ficou claro que non había vontade ningunha de ese acrecentamento orzamentario se producir nos anos vindeiros. As cifras millonarias para os anos xacobeos duraran apenas un día. Santiago debía, como o resto das Cidades patrimonio do Estado, acudir ás diversas convocatorias que sairían para acceder aos Fondos Next Generation. Daquela, a especificidade de Compostela, ula?, onde o contributo extraordinario?, cal foi a recompensa da tan glorificada visita real?

O PSOE compostelán foi incapaz de lle esixir ao presidente da Xunta o incremento da achega que a Compostela lle corresponde como capital do país. Mesmo tivo o atrevemento de votar en contra dunha proposta do BNG no pleno argumentando que esa negociación xa a faría o alcalde por detrás! E fíxoo un grupo que se abstén de maneira sistemática para non se comprometer coas iniciativas da oposición e da veciñanza. Por suposto, neste xogo de hipocrisía continua, iso non impide que o PSOE presente logo unha proposta no Parlamento galego reclamando alí a cantidade negada a Compostela durante todos estes anos a través da ínfima achega da Xunta polo Estatuto de capitalidade.

Dous exemplos e unha conclusión

Despois de transcorreren tres anos e Bugallo non solucionar o desenvolvemento urbanístico da Parcela de Peleteiro e após asegurar que o faría en tres meses, o PSOE decide unilateralmente levar a Mallou a Plataforma loxística para o transporte de mercadorías á cidade histórica sen ter en conta nin a oposición veciñal nin que en febreiro de 2021 o BNG presentou unha moción para que ese terreo se acondicionase como un espazo deportivo e de lecer para a veciñanza. E esa moción mereceu 15 votos, os do BNG, os de CA e os do PP, a maioría clara da Corporación. Agora todo o mundo entende por que o BNG propuxo que o pleno fixese un seguimento das iniciativas aprobadas.

O PSOE leva no que vai de mandato 197 abstencións nos 28 plenos ordinarios, unha media de 7 abstencións por pleno. E non leva camiño de facer propósito de emenda –a pesar de asistiren concelleiras e concelleiros ás procesións!- porque no pasado do mes de marzo bateu o récord, con 15 abstencións nun pleno.

Como se pode ser indiferente, desde un goberno, ante os problemas –ou as solucións– que suscitan os grupos que conforman a corporación? E moitas desas abstencións foron a propostas que se aprobaron e non se executaron, nunha falta total de ética democrática. Pode ser legal, mais é evidente que responde a prácticas antigas, propias dunha democracia de moi baixa intensidade, nun exercicio de patrimonialización da acción municipal nun goberno en minoría. Velaquí un xeito de facer onde se quere transmitir que o concello é do alcalde, que as cousas só se van facer como el diga, independentemente do que pense a maioría da corporación, a veciñanza ou parte do seu equipo. @mundiario

Comentarios