DE BOLINA

Hai que facer respectar a toponimia

El rey Felipe VI en la inauguración de la II Edición del Foro La Toja-Atlántico. / Foro La Toja
Felipe VI na inauguración da segunda edición do chamado Foro La Toja-Atlántico. / Foro La Toja
Durante o chamado Foro La Toja convocouse unha manifestación en defensa do topónimo Toxa ante a repercusión mediática desa xuntanza de próceres. Non se autorizou alegando que se ocupaba a ponte: unha semana máis tarde permitiuse no mesmo lugar outra manifestación coa mesma finalidade.
Hai que facer respectar a toponimia

Vicente Feijoo Ares nun estudio de fai uns anos ofrécenos unhas cifras realmente esmagadoras para amosar a importancia da toponimia en Galicia. Resalta que aquí aparecen no Nomenclátor 37.305 topónimos de entidades de poboación, que xunto cos 3.789 de parroquias e os 303 de municipios supoñen o 35% de todos os do Estado, cando Galicia só ocupa o 6% do territorio.

Pero o realmente impresionante está na microtoponimia: Filgueira Valverde falaba de tres millóns de topónimos, aínda que expertos actuais rebáixanos á metade e engaden uns cincocentos mil talasónimos, entre a liña de costa e unhas dúas millas cara ao mar. Non é de extrañar que a Real Academia Galega matinase en pedir a declaración da microtoponimia como Patrimonio da Humanidade, pola extraordinaria abundancia en Galicia.

A microtoponimia está en perigo

Mais os cambios nos xeitos de vida están a producir o esquecemento desa riqueza histórica, lingüística e xeográfica xa que a economía, cada vez máis urbana, fuxe da agricultura e non precisa coñecer como se chama cada lugar; nas cidades as novas denominacións de rúas e polígonos atúen a toponimia tradicional; no mar o GPS permite navegar sen necesidade de marcas nin de ningún nome propio. Nesta situación a microtoponimia só queda gravada na memoria dos maiores e vai desaparecendo con eles. Este proceso destrutivo ocorre cando, por primeira vez na Historia, a toponimia está protexida universal, estatal e autonomicamente. A Resolución 4 da IX Conferencia das Nacións Unidas sobre Normalización dos Nomes Xeográficos do 2007 di que “os topónimos forman parte do Patrimonio Cultural Intanxible por constituíren unha parte importante das linguas e conservaren formas que evidencian a súa evolución e son valioso testemuño da historia e xeitos de vida pasados ou actuais”.

Na ONU constituíuse o Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos (UNGEGN) que urxe ás Administracións a que fagan inventarios seguindo os criterios da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial e que elaboren programas de protección e promoción.

A lei estatal 10/2015 para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial considera á toponimia tradicional como integrante do patrimonio cultural inmaterial e, no mesmo sentido, a lei autonómica 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, obriga á Xunta e a outras institucións a preservala, afirmando, nin máis nin menos, que se “considera un valor identitario da Comunidade Autónoma”.

Ademais a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística establece que a forma galega dos topónimos é a única oficial. Única oficial. Por mandato desta normativa a Xunta, colaborando coa Real Academia Galega, está a facer unha recompilación de topónimos e microtopónimos, incluso con aplicacións colaborativas on line  –a app Galicia Nomeada ou a web https://www.xunta.gal/nomenclator– nas que pode participar calquera cidadán. Nese conxunto de accións, está en marcha, logo dun parón pola pandemia, a campaña “Toponomízate” que conta con intervencións do citado experto Vicente Feijoo ou do académico Gonzalo Navaza.

Amancio López Seijas, creador del Foro La Toja. / Mundiario

O impulsor do chamado Foro La Toja.

A galega é a única forma oficial da toponimia

A carón deste esforzo cultural que sustenta a Dirección Xeral de Política Lingüística, seguen a existir actitudes cavernícolas tendentes a deturpar os topónimos, como as de sectores a monte da política ou, incriblemente, da Real Academia Española que, nalgúns casos, recomendou formas corruptas, non oficiais, inxustificables, como Sangenjo, La Coruña ou Mugía.

Especialmente triste foi o sucedido durante a celebración do chamado Foro La Toja –nome paifoco que reflicte o peor do racismo lingüístico–, que é como se denomina un evento, a modo de coloquio de próceres con disfrace de pensadores, quizá subvencionado e parece que anual, organizado por Hotusa, empresa auxiliada recentemente polo Estado. 

A violenta represión duns manifestantes que tentaban protexer o topónimo A Toxa como patrimonio cultural inmaterial, declarado pola ONU e polas leis que citamos é imposible de entender. O mundo ao revés.

Díxose que a prohibición, ratificada polo TSXG, era porque ocupaban a ponte da Toxa, pero no unha semana máis tarde nese mesmo lugar celebrouse  outra manifestación encabezada pola Mesa pola Normalización Lingüística sen pexa ningunha, por moito que sexa a única entrada á illa. Durante a celebración do Foro os manifestantes foron reducidos á forza ás beirarrúas pola policía. Esa coerción foi unha decisión ofensiva alimentada de incultura, de desprezo e falta de respecto a unha mostra da nosa identidade, que é como a lei describe á toponimia.

E para máis inri ao final da ponte segue, na mesma entrada á illa grovense, unha parede na que nunha gran tipografía lese “La Toja” e, debaixo, pero en letras moito máis pequenas, “A Toxa”. Dese rótulo, que está nun espazo municipal, alguén debería explicarlle ás autoridades asistentes ao Foro -El Rei, os presidentes do Goberno e da Xunta, o alcalde e moitos outros persoeiros- que os topónimos son una sinal de identidade e que en Galicia a súa única forma oficial é a galega. Se llelo dixese alguén e tivesen un algo de respecto por nós, mandaríano cambiar. Pero non sei, é posible que non reparen nesas miudezas. Polo menos en Galicia. @mundiario

Hai que facer respectar a toponimia
Comentarios