DE BOLINA

Habería que ampliar o Día das Letras Galegas a algo máis da literatura?

Día das Letras Galegas. / RR SS
Día das Letras Galegas. / RR SS
Convén, por tanto, matinar en se se cumpre o obxectivo para o que foi instaurada esta conmemoración e, para iso, hai que coñecer como naceu e como evolucionou.
Habería que ampliar o Día das Letras Galegas a algo máis da literatura?

Os estatutos da Real Academia Galega (RAG) sinalan que é a institución que deberá elixir un literato  cada ano para honralo no Día das Letras Galegas. Parece necesario  amplialo a outros eidos da cultura, particularmente aos científicos, como un xeito de facer entender que  xa non estamos nos tempos de Afonso X cando o galego parecía só lingua para a poesía. O noso idioma, como os demais, é válido para a ciencia máis innovadora e, nalgúns caso, incluso moitísimo máis exacto.

O 17 de maio, festivo en Galicia desde 1991, non cumpre a súa función e, con todo o respecto para cada unha das figuras ás que se lle adicou, xa parece encadeado nun certo folclorismo: os concellos aproveitan para realizar algúns actos nas rúas e os colexios de infantil e primaria deseñan actividades en galego.

No eido institucional a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia tamén algo organizan nese día. Vale, está ben. Pero para a sociedade en xeral está a ser unha data para facer ponte de vacacións.

Convén, por tanto, matinar en se se cumpre o obxectivo para o que foi instaurada esta conmemoración e, para iso, hai que coñecer como naceu e como evolucionou.

Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, a referencia

A idea xurdiu en 1963 cando Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, aproveitando que ese 17 de maio cumpríanse cen anos da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, fixeron unha proposta á Real Academia. Propuxeron, redactando en galego aínda non normativo, a instauración dunha celebración anual, indicando que “O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros.

O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega”. E seguiron a dicir: “Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas”. Nesas datas non se celebraba aínda o Día do Libro, que empezou en 1989.

Quizá fose convinte que a RAG modificase os seus Estatutos.
Quizá fose convinte que a RAG modificase os seus estatutos.

Unha idea de Xosé González Martínez

O enfoque deses propoñentes foi máis o de honrar aos libros escritos en galego, que á literatura, entendida como obra de ficción -novela, poesía-. A Real Academia Galega aprobou por unanimidade a proposición e acordou declarar o 17 de maio como Día das Letras Galegas.

Desde esa data a RAG decide a que personalidade literaria se lle consagra ese día cada ano. Non o fai para honrar libros, como era a proposta inicial, senón, como di o artigo 2, apartado g, dos seus Estatutos (BOE 31 de marzo de 2000) para honrar a un literato. É imprescindible modificar este artigo. Así que a amplitude da proposta inicial de “honrar ós nosos libros”, ou de “recoller o latexo material da actividade inteleitual galega”, quedou limitada ao ámbito da literatura, sen adxectivos  –científica, social-. Como se o galego non fose lingua, igual que as demais, apta para a técnica.

Hai uns días o principal activista da lingua galega, Xosé González Martínez (Teis, 1950), –colaborador de MUNDIARIO, medalla Castelao 2004 ou premio da Cultura Galega 2020– publicou unha reflexión afirmando que é necesario non limitar esta celebración ao literario, senón que diante do panorama dos usos actuais do galego é imprescindible regaleguizar outros ámbitos sociais ocupados polo castelán: a Medicina, a Economía, o Dereito, a Lingüística, a Informática; o comercio, a industria.

Xosé González Martínez propón, tan acertadamente, cambiar o nome desta celebración polo de “Día da Lingua Galega” porque, con toda evidencia, o noso idioma non serve só para a literatura e hai que retomar a proposta primixenia de Fernández Del Riego de honrar neste Día a toda a actividade intelectual galega, non só á literaria. Por certo, como nos recorda Xosé González Martínez, o propio Florencio Delgado Gurriarán, poeta homenaxeado este ano, propuxo que na revista Vieiros se publicasen máis artigos científicos, aínda “que haxa menos traballos puramente literarios”. @mundiario

Habería que ampliar o Día das Letras Galegas a algo máis da literatura?
Comentarios