Os primeiros sete días, a semente dun tempo novo en Santiago de Compostela
Escribo apenas unhas horas despois do pleno de organización en que se decidiron, entre outras cousas, a composición das comisións e a representación dos grupos nas entidades municipais. É dicir, a posta en marcha da nova organización municipal, a que decidirá e supervisará os grandes temas do futuro de Santiago de Compostela.
O pleno, xunto co do sorteo de mesas electorais para os comicios do vindeiro 23 de xullo, desenvólvese tan só sete días despois de que o sábado 17 tomase posesión como primeira alcaldesa da capital galega. Todo un orgullo e unha responsabilidade que asumín con vontade de contribuír a un concello mellor, de desenvolver un proxecto transformador que mellore a calidade de vida de quen reside en Santiago, de traballar por un concello que se sitúe na vangarda de políticas municipalistas, de sustentabilidade e loita contra o cambio climático, de feminismo, de xustiza, en definitiva, de responder aos retos dos nosos tempos.
O pasado sábado foi un día de sol, con moitas emocións e sorrisos na Praza do Obradoiro. Dalgunha maneira, en centos de mensaxes, en multitude de abrazos, sentín o entusiasmo e a esperanza que para moitos composteláns e compostelás producía o novo goberno. Diante desta onda crecente de ilusión que percibimos con clareza, fun honesta e sincera cando prometín transparencia, diálogo, proxectos colectivos e fidelidade á palabra dada.
E así comezou a semana, en primeiro lugar, coa presentación do acordo de goberno e a nova estrutura de concellarías que xestionarán as representantes do BNG e CA. A seguir, os primeiros pasos, os proxectos urxentes, as primeiras xuntanzas que marcan o inicio dun tempo novo en que a aposta será pola cooperación institucional e a participación social na xestión municipal.
A Universidade e a cidade
Neste sentido, non é gratuíto que unha das primeiras reunións fose co reitor e o xerente da Universidade de Santiago, Antonio López e Xabier Ferreira, co fin de crear un protocolo de colaboración para mellorar a integración da comunidade universitaria na cidade. Na toma de posesión fixemos fincapé na relevancia que a Universidade ten para Santiago e, en concreto, na vontade de apoio ao estudantado, eixo da vitalidade do noso concello que é preciso coidar, de maneira singular, fronte ao difícil que se fixo vivir en Santiago nos últimos anos, principalmente debido á carestía e escaseza de vivenda.
O estudantado é un eixo fundamental da Compostela que queremos, en que a Universidade vai ser parte central, porque nos dá a posibilidade de nos situarmos no cumio de investigación e desenvolvemento, porque forma parte da marca do concello e porque é pedra angular do que somos e tamén, claro está, do que queremos para o noso futuro.
Porque, como dixemos, queremos que o noso concello deixe de ser só un escenario, un parque temático que milleiros de persoas atravesan, ás veces con demasiada présa, nun camiñar cara a ningunha parte, sen se deteren no moito que temos e somos. Queremos un concello para vivir, que as crianzas volvan xogar nas prazas da cidade histórica; que as persoas que pasaron alí toda a vida non teñan que abandonala pola falta de servizos. Por iso imos xuntar todos os axentes implicados para subscribirmos un Pacto pola Cidade Histórica, porque é o noso corazón, e, aos corazóns hai que atendelos para que continúen a latexar con forza.
Un concello integrado
Mais queremos un concello integrado, con servizos de calidade e iguais dereitos. Cómpre saldar a débeda histórica co rural e insistirmos en que temos que ter aldeas do século XXI, con transporte público, saneamento ou conexión a internet como se vivisen na Carreira do Conde. E non esqueceremos o Ensanche, o territorio máis poboado e tamén o de crecemento máis acelerado, onde é preciso repensar o urbanismo dos nosos días, gañar espazos para a convivencia, facilitar a mobilidade, mellorar a vida.
Hai sete días empreguei unha das xoias de Santiago para explicar o modelo de concello polo que traballaremos. Referinme aos case douscentos alquerques, os taboleiros de xogos de orixe medieval e barroca, tallados en pedra, que están esparexidos por toda a cidade e que investigou o Colectivo A Rula. Apuntan no seu estudo a que están situados en espazos públicos porque son os que facilitan que a xente poida xogar con eles mais non no centro das prazas senón nas beiras, para que non sexan molestos para quen camiña. Ao meu ver, son exemplos da Compostela que queremos, a das rúas e prazas como lugar de encontro social e lúdico da veciñanza, a Compostela máis feliz, máis amábel. A que coñeceu meu avó, que naceu no rural deste concello que é capital de Galiza e descubrín eu cando cheguei a estudar a esta magnífica cidade. A que queremos deixar ás xeracións que nos continúen e pola que traballaremos con ilusión, cun proxecto transformador e con toda a enerxía da que dispomos.
En só sete días dialogamos con todos os grupos do pleno, chegamos a acordos, recibimos propostas, estudamos proxectos, decidimos algúns temas que se desenvolverán en breve, acompañamos a veciñanza nas animadas festas de San Xoán, na cidade e no rural e falamos, falamos moito con composteláns e compostelás que nos transmitiron tamén a súa ilusión e a esperanza de que Compostela sexa un concello diferente, máis humano, máis habitábel, máis igualitario, sen exclusións, en definitiva, máis feliz. E nós respondemos, con honestidade, que esta semana comezamos a plantar unha semente que agardemos que medre vizosa. @mundiario
.


