Plan da CRTVG para atraer os 100 mellores proxectos para canles dixitais de Galicia

Pantallas en la CRTVG. / Mundiario
Pantallas na CRTVG. / Mundiario

Entre os seus obxectivos está promover o novo talento creativo galego e achegar os medios públicos galegos aos novos públicos que non consumen televisión e radio convencional. A CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e de consumo.

Plan da CRTVG para atraer os 100 mellores proxectos para canles dixitais de Galicia

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, anunciou no Parlamento, entre outras medidas e accións de futuro para os medios públicos, que a CRTVG lanzará un plan para investir na produción de novos formatos co que atraer 100 proxectos de contidos audiovisuais para as novas canles de radio e televisión para difundir a través de Internet.

O plan está dirixido a creadores novos e os seus obxectivos son promover o talento creativo en Galicia, incrementar a produción de contidos para esas novas canles en Internet  e acadar que eses novos creadores se formen para dar o salto fóra de Galicia: “o plan desenvolverase ao mesmo tempo que se renovan os contidos tradicionais da radio e a televisión que se difunden para Galicia e para as comunidades de galegos que viven noutras partes de Europa e América, vinculados de forma destacable coa nosa terra a través da CRTVG”, puntualizou o director xeral.

Sánchez Izquierdo sinalou que, unha vez acometida a dixitalización dos seus sistemas de produción, a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate deste ano da revisión da Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais de 2010, que obrigará a mudar a lexislación española e galega ao respecto. Neste eido, xorden proxectos coma este, “se hai anos a renovación da televisión de Galicia xirou arredor da creación propia de series de ficción na nosa lingua e a partir do noso singular imaxinario, agora o reto é –sen abandonar as liñas e as tendencias dos programas consolidados– crear contidos para as redes e plataformas dixitais, para a chamada televisión na nube, para achegarse a novos públicos locais e globais que non consumen radio e televisión convencional porque xa teñen outros costumes e formas de acceso á comunicación”.

A produción de ficción promovida pola CRTVG desde hai 20 anos creou escola e axudou a impulsar tamén a imaxe de marca de Galicia. Expresado en datos, no ano 2008 o 58% da programación que se emitía na TVG estaba feita en Galicia. No ano 2017, o 97% do que se emite na TVG está feito en Galicia, o que indica o peso real da aposta da CRTVG durante estes últimos 10 anos, aposta que agora quere ampliar co investimento nos novos formatos que demanda o mercado. @mundiario

Comentarios