Plácido Castro: nacionalismo e universalismo

​Na Galiza de hoxe calquera persoa pode chegar á Presidencia da Xunta sen sentir admiración e mesmo sen coñecer unha personalidade tan senlleira como Plácido Castro, ignorando todo o traballo político que moitas xeracións de galegos e galegas fixeron desde os anos 30 para dotar a este país dun autogoberno e de recoñecemento internacional como nación.
Placa dedicada al escritor y profesor Plácido Castro. / Mundiario
Placa en memoria do escritor e profesor Plácido Castro. / Mundiario

Moito é o que lle debemos a Xulio Ríos pola súa entrega intelectual ao estudo e á divulgación desa grande figura que é Plácido Castro (Corcubión, 1902-Cambados, 1967). Para a maioría de nós Plácido Castro era só un nome, simplemente un nome sen biografía, asociado ao seu cargo de secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista e ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en setembro de 1933. Xulio Ríos, ben coñecido polo seu traballo no IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e polo seu labor como destacado analista internacional especializado na política contemporánea de China, conseguiu facer realidade o que o nacionalismo galego e este país lle debían a Plácido Castro desde hai décadas: situar a súa figura no lugar que en xustiza lle corresponde.

Cando de verdade descubrimos a extraordinaria personalidade de Plácido Castro é cando Xulio Ríos comeza a escribir sobre a súa figura, primeiro a súa biografía, que publicou en Ir Indo en 1997, e  logo todo o que puidemos ir lendo na web da Fundación Plácido Castro, que está ao alcance de todas as persoas que teñan un mínimo de curiosidade por achegarse a este persoeiro. A última contribución de Xulio Ríos é un libro que aínda nós non tivemos a oportunidade de ler e que elaborou en colaboración con Susi Castro Sineiro, filla do dirixente galeguista: Plácido Castro. Nós mesmos no mundo (Fundación Plácido Castro, 2022).

FORMACIÓN ACADÉMICA EN GLASGOW

Plácido Castro naceu no seo dunha familia liberal, culta e moi acomodada. Seu pai, Plácido Castro Rivas, era empresario de minas, armador de buques e vicecónsul de Inglaterra, Suecia e Noruega en Corcubión, así como representante consular dos Estados Unidos neste concello. Foi un home dunha grande visión empresarial, que fixo de Corcubión un dos principais portos carboeiros de Europa, competindo con Gibraltar, Malta e Arxel.

Con só 6 anos, Plácido Castro foi enviado pola súa familia a un colexio de Glasgow, e na prestixiosa universidade desta cidade escocesa fixo tamén os estudos de Filoloxía Inglesa. Realmente foi estudando inglés no Reino Unido, compartindo pupitre con algúns membros da familia real británica, como Plácido Castro se fixo galeguista.

Xulio Ríos –o segundo pola esquerda– nun acto sobre Plácido Castro en Vilagarcía. / Mundiario
Xulio Ríos –o segundo pola esquerda– nun acto da Fundación Plácido Castro. / Mundiario

“A pregunta clave que Plácido se fai con menos de vinte anos –dinos Xulio Ríos–, cando aínda estudaba Filoloxía Inglesa en Glasgow e non paraba de observar e reflexionar sobre a vida británica, é a seguinte: ¿como un país tan pequeno como o Reino Unido pode ter tanta influencia no mundo? Esa pregunta é, como digo, clave para entender a Plácido e o seu pensamento. E clave é tamén a resposta que el mesmo se dá: é así porque soubo conservar a súa identidade, a súa singularidade, progresando, modernizándose sen abdicar das súas tradicións. A importancia ou influencia dos países no mundo non depende só do seu tamaño, da súa demografía, da súa capacidade económica, etc., depende sobre todo da súa autoestima, do respecto que se teña a si mesmo, de canto valore o que é e o saiba proxectar en consecuencia”.

Para Plácido Castro, que é unha persoa culta, humanista, progresista, coñecedor de varias linguas vivas de Europa, cunha formación académica exquisita, cunha mentalidade aberta ao mundo, para este home dandi e educado no Reino Unido non pode haber universalismo nin progreso sen identidade. Por iso el será sempre unha persoa cosmopolita, internacionalista e nacionalista. Ser universal sen deixar de ser galego. O primeiro, a defensa da identidade, da soberanía política e das posibilidades propias. A confianza en nós mesmos como pobo para facer fronte aos problemas. O nacionalismo como unha forma de unión no mosaico plurinacional e internacional. Nacionalismo e universalismo, dous conceptos plenamente compatíbeis.

CONGRESO DE NACIONALIDADES EUROPEAS

Este foi o home que representou a Galiza en 1933 na cidade suíza de Berna no Congreso de Nacionalidades Europeas, un foro vinculado á Sociedade das Nacións –o antecedente da ONU- e que naquel congreso contou coa presenza do presidente do Parlamento suízo e do primeiro ministro noruegués. Naquel Congreso Galiza foi recoñecida e admitida como nación por unha organización internacional integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencentes a catorce nacionalidades.

Nesa época Plácido Castro era xa un destacado dirixente do Partido Galeguista, formando parte desa organización política desde o seu congreso fundacional, que mesmo nun determinado momento substitúe a Alexandre Bóveda na área de Organización. De feito, na III Asemblea do PG, será o dirixente máis votado para a Secretaría Política. O seu traballo a prol do Estatuto de Autonomía foi certamente entusiasta, defendendo sempre a unidade do nacionalismo até a consecución do autogoberno. Tamén se esforzou en expor na prensa a idea de que Galiza non debería quedarse atrás a respecto de Cataluña e Euskadi. Para Castro a solución definitiva ao problema territorial do Estado español será unha “federación de nacións ceibes”.

Imaxes dun acto de recoñecemento a Plácido Castro. / Mundiario
Imaxes dun acto de recoñecemento a Plácido Castro. / Mundiario

FUNDACIÓN DE GALEUZCA

O historiador Xosé Estévez, que nos últimos anos dedicou tamén parte das súas investigacións a esta grande figura, coñece ben a participación de Plácido Castro no Galeuzca, e non me perdoaría que non fixese aquí cando menos referencia ao seu papel nesa alianza política do nacionalismo das tres nacións periféricas, da que agora se cumpre o 90 aniversario. Segundo Xosé Estévez, Castro “Posuía un pensamento político ferventemente favorable á procura de alianzas co gallo de construír unha fraternidade ibérica, que abranguería, por suposto, a Portugal e a súa prolongación brasileira, co obxectivo de acadar unha confederación, na que Galiza estivera ao mesmo nivel que as outras nacións peninsulares”.

Todo iso aconteceu durante a II República. Co levantamento do 36 chegou represión e a barbaire, o silencio e a destrución dunha xeración única e irrepetíbel que estaba a construír un futuro diferente para Galiza.

A ÉPOCA DO EXILIO E DA BBC. O REGRESO A GALIZA

Plácido Castro será outra vítima máis da represión franquista. Acusado de “furibundo galleguista y separatista”, acabará sendo procesado e condenado a quince anos de inhabilitación absoluta. Refuxiado inicialmente en Muxía, e tras vivir uns anos en Vigo, participando clandestinamente na reorganización do PG con algúns nacionalistas que tiveron a sorte de salvar a vida, en 1948 Plácido Castro exíliase a Portugal e ao ano seguinte estabelécese coa súa familia en Londres, onde exercerá o xornalismo como locutor e redactor da BBC, colaborando, así mesmo, en periódicos como o Jornal de Notícias do Porto ou La Nación de Buenos Aires. En 1956 regresa a Galiza e incorpórase como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía, ao tempo que colabora en xornais como Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. Recupera, así mesmo, a súa paixón pola tradución, fundamentalmente de textos do inglés ao galego, no que será pioneiro, traducindo a autoras e autores como Christina Rossetti ou William Butler Yeats.

GALIZA COMO NACIÓN

Persoas como Plácido Castro son as que hoxe deberían servirnos de referentes históricos e de espello  para reflexionarmos sobre o denominado problema territorial do Estado español e para construír un futuro plurinacional. Plácido Castro, Lois Tobío, Lois Peña Novo e Fernando Pérez-Barreiro Nolla foron seguramente as cabezas mellor amobladas do nacionalismo galego para ver o mundo desde nós. Por iso celebramos que a Fundación Plácido Castro organice cada ano unha Conferencia Anual con prestixiosos ponentes sobre a figura deste galego egrexio. Grazas ao empeño e ao inxente labor de Xulio Ríos e do equipo da Fundación Plácido Castro, quen na actualidade non coñeza esta personalidade é simplemente porque carece de curiosidade intelectual. Só hai que entrar na web da Fundación Plácido Castro para saciar o noso descoñecemento.

Non podemos máis que alegrarnos igualmente pola celebración do Congreso Recoñecemento internacional Galiza como nación, que organiza Vía Galega o vindeiro 16 de setembro no Museo do Pobo Galego, un evento que terá como ponentes a Xosé Estévez, Uxío-Breogán Diéguez, Xulio Ríos, María do Carme García Negro e Francisco Rodríguez e que finalizará cunha mesa redonda sobre as nacións sen estado na actual Europa, na que intervirán Olaia Duarte, senadora de HBBildu, Montserrat Fornells, deputada de ERC no Parlamento catalán, e Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso. Será outra oportunidade para profundizar na figura de Plácido Castro e no seu tempo histórico, así como para ver o seu ideario político á luz do contexto político actual.

NO DEBATE PLURINACIONAL, AINDA NA PREDEMOCRACIA

Na Galiza de hoxe calquera persoa pode chegar á Presidencia da Xunta sen sentir admiración e mesmo sen coñecer unha personalidade tan senlleira como Plácido Castro, ignorando todo o traballo político que moitas xeracións de galegos e galegas fixeron desde os anos trinta para dotar a este país dun autogoberno e de recoñecemento internacional como nación. De aí que sexan tan necesarios eventos como a Conferencia Anual que organiza cada ano a Fundación Plácido Castro ou congresos como o que agora promove Vía Galega. A mágoa é que desde Xerardo Fernández Albor a Alfonso Rueda non houbo ningún presidente do Goberno galego que tivese no seu pensamento político a figura de Plácido Castro, as teses do Partido Galeguista, os documentos históricos do Galeuzca ou o recoñecemento internacional de Galiza como nación. Como se todo iso fose só para os historiadores e non para as persoas que teñen responsabilidades políticas.

O problema político de España é que a súa clase política carece da cultura democrática máis elemental para abordar a cuestión plurinacional desde unha perspectiva histórica e actual. Resulta impensábel, por exemplo, que a estas alturas do século XXI poida celebrarse un encontro destas características na sede do Senado ou un debate profundo e sosegado nos medios de comunicación públicos sobre o modelo de estado ou sobre o dereito de Autodeterminación. Neste sentido, España está aínda na predemocracia. Peor aínda que no inicio da Transición, onde dous senadores nomeados polo Rei, José Luís Sampedro e Domingo García-Sabell, durante o debate do articulado da Constitución española no Senado, incluso votaron a favor das emendas que propoñían que se contemplase o dereito de Autodeterminación, e non por iso ninguén os condenou ao ostracismo. Hoxe seguramente serían acusados de poñer unha bomba no Senado contra a sagrada unidade de España. @mundiario

Comentarios