Nova estratexia no Eixo Atlántico para que a Eurorrexión sexa máis compacta

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. / Mundiario
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. / Mundiario
"É fundamental tanto a cohesión social como a territorial, especialmente entre a costa e o interior. Por iso, para nós, as infraestruturas xogan un papel determinante no ordenamento do territorio”, di Lara Méndez, vicepresidenta do Eixo e alcaldesa de Lugo.
Nova estratexia no Eixo Atlántico para que a Eurorrexión sexa máis compacta

O Eixo Atlántico acordou, en asemblea cos 39 concellos, deputacións e cámaras municipais que o integran, cambiar de estratexia: logo de 28 anos traballando na cooperación transfronteiriza, evoluciona ao desenvolvemento local conxunto entre cidades do Norte de Portugal e Galicia, na busca dunha eurorrexión máis compacta.

A asemblea do Eixo Atlántico aprobou xa a creación de 5 comisións políticas para deseñar a nova fase de desenvolvemento e adaptarse a unha nova era de postpandemia na terceira área máis poboada da Península Ibérica e a 10ª de Europa, con 7 millóns de habitantes. As novas comisións son as seguintes: comisión de rexeneración urbana, de innovación, sostibilidade, economía e política social.

“É unha nova era para o Eixo Atlántico. Levamos 28 anos de cooperación transfronteiriza e consideramos necesario dar o paso seguinte. Somos un sistema urbano conxunto, con cidades que xa facemos vida en común. Abandonamos a cooperación transfronteiriza e avanzamos cara o desenvolvemento local conxunto, sen fronteiras”, subliña o presidente do Eixo Atlántico e presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Río.

“Somos un sistema urbano único en Europa, aínda hoxe, de cidades e vilas de dous países. Traballamos nunha estratexia que busca un desenvolvemento socioeconómico baseado na innovación, na sostibilidade e na solidariedade social. E para iso é fundamental tanto a cohesión social como a territorial, especialmente entre a costa e o interior. Por iso, para nós, as infraestruturas xogan un papel determinante no ordenamento do territorio”, dixo Lara Méndez, vicepresidenta do Eixo e alcaldesa de Lugo.

Un Eixo de 39 cidades

O Eixo Atlántico é unha organización integrada por 39 cidades da Rexión Norte de Portugal e Galicia, independente dos seus estados e autonomía. Naceu en 1992 polo impulso dos entón alcaldes de Porto e Vigo. En 1995 estaba integrado por 13 concellos galegos e portugueses e dende entón aumentou nun 200% os seus integrantes para cooperar en proxectos transfronteirizos. 

O Eixo aprobou onte un presuposto de funcionamento para o 2021 de 4 millóns de euros, nun 84% adicados a programas de desenvolvemento conxunto. @mundiario

    

Nova estratexia no Eixo Atlántico para que a Eurorrexión sexa máis compacta
Comentarios